A Axenda Urbana en Galicia
DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI
O 5 de febreiro a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Concello da Coruña organizaron un Seminario de presentación da Axenda Urbana española (AUE), o marco de referencia desde o que o municipalismo debe camiñar cara a Axenda 2030 e o cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas. O evento serviu para coñecer o estado de definición da AUE, que máis cedo que tarde pasará polo Consello de Ministros, coma unha das políticas chave para implementar a Axenda 2030 no Estado, tamén desde o poder local.
A Axenda Urbana española é a prolongación dese proceso aberto de planificación das cidades do futuro a nivel global, filla da Axenda Urbana das Nacións Unidas (ONU Hábitat III, Quito 2016) mais tamén da Axenda Urbana da UE (Pacto de Amsterdam, 2016). Os tres documentos, aínda que de distintas natureza, perseguen un mesmo fin: definir un proceso de planificación arredor do futuro das cidades para activar políticas públicas que nos capaciten para o século XXI. Cada quen deberá operar dende as súas particularidades e territorios, mais con retos semellantes: sustentabilidade ambiental, competitividade económica do territorio, crecemento inclusivo, urbanismo compacto, mobilidade e enerxía....
O Seminario do día 5 na Coruña serviu tamén para ver que a nova Axenda Urbana pode artellarse tanto en cidades grandes-intermedias, como A Coruña, ou pequenas coma Alfaro (La Rioja, menos de 10.000 hab). Son son procesos abertos a se localizar en territorios concretos, onde a chave do éxito recaerá, alén dunha boa diagnose e definición do plan de acción, na articulación dun modelo de gobernanza e cooperación entre institucións de distintos niveis no que a sociedade civil e o tecido económico deben participar. A ollada estratéxica do 2030 supera o curtopracismo dos ciclos electorais o que debera favorecer acordos amplos e follas de ruta cun mínimo común denominador.
En Galicia o proceso de pensar formal e procedimentalmente a nova Axenda Urbana global iniciouna o Eixo Atlántico desde 2016, o que achega valor engadido á futura implementación ao partir dunha ollada compartida para o sistema urbano galego-portugués. O documento da Axenda Urbana do Eixo Atlántico deberá servir, en complementariedade coa AUE, coma punto de partida para localizar os ODS na Galicia urbana, onde se concentra o 70 % da nosa poboación. A narrativa (e a operativa) de sermos unha cidade de 7 millóns de habitantes en 36 barrios é imprescindible para calquera ollada estratéxica que trate con coidado e intelixencia o noso territorio para o futuro.
Será despois das eleccións municipais deste maio cando a Axenda Urbana comece a camiñar a pasos acelerados en Galicia. De non avanzar, de novo deixamos para máis tarde o urxente e necesario. A Xunta pode ter un rol construtivo en todo isto. A Axenda 2030 de Nacións Unidas é unha oportunidade a todos os niveis.
Comentarios (0)