As Misións do Horizonte Europa: como facer fronte aos grandes retos sociais ata 2030
FUNDACIÓN GALICIA EUROPA · CRISTINA AMOSA TATO
Recentemente iniciado o 2022, vemos como se confirman as liñas debuxadas no ano anterior co comezo dun novo período de financiamento europeo. Un período no que o cambio climático se confirmou como unha das principais preocupacións da sociedade actual. Para dar resposta a estas preocupacións, a Comisión Europea quixo dar un paso adiante co novo programa marco de investigación e innovación, o Horizonte Europa, e introduciu as Misións, un paquete de accións interdisciplinarias baseadas na I+i para acadar metas inspiradoras que teñan un grande impacto na poboación.
En total son cinco as Misións do Horizonte Europa que fan referencia a grandes retos sociais. Unha delas é a Misión sobre a adaptación ao cambio climático. O seu obxectivo é apoiar a 150 rexións e comunidades europeas para que sexan resistentes a este fenómeno cun financiamento de 100 millóns de euros. En relación coa protección do planeta atopamos tamén a Misión sobre a restauración dos océanos e das augas, que busca protexer e restaurar o 30 % dos mares e ecosistemas mariños, así como 25.000 km de augas fluviais. Nesta Misión faise ademais unha firme aposta pola economía azul, un sector clave para Galicia.
Baixo o paraugas da Misión relativa á restauración dos océanos e das augas, a Comisión estableceu cinco proxectos faro en diferentes localizacións de Europa. Un deles, na Costa Atlántica e Ártica. Deste xeito espérase que se leven a cabo, mediante convocatorias, proxectos para recuperar os fondos mariños e as augas fluviais de maneira natural, aproveitando os recursos propios e fomentando a participación dos axentes sociais e o impulso económico da zona. Esta perfílase como unha das Misións con máis potencial para Galicia, onde contamos con máis de 1.500 km de costa e onde, ademais, temos unha biodiversidade mariña única. As algas mariñas son un bo exemplo disto e poden desempeñar un papel fundamental á hora de loitar contra o cambio climático e xerar emprego en Galicia. Os cultivos de algas mariñas son útiles para eliminar toneladas de CO2 en todo o mundo e pódense empregar na produción de fármacos, roupa ou biocombustibles.
Aínda co cambio climático como pano de fondo, atopamos a Misión sobre cidades intelixentes e climaticamente neutras. Espérase que de aquí a 2030 se consiga chegar a 100 cidades que sirvan de exemplo ás demais urbes europeas. Cidades galegas coma Pontevedra son portada a miúdo pola súa calidade de vida en materia de mobilidade e seguridade urbana e poderían formar parte desta nova vaga de cidades intelixentes. Por outra banda, e tamén en relación co medio ambiente e co benestar social, lanzouse a Misión sobre o pacto polo solo para Europa, a través da que se quere crear unha rede de 100 “laboratorios viventes” para liderar a transición a uns solos saudables. Búscase así loitar contra a desertización e facer un uso correcto do solo.
E xa por último, aínda que non menos importante, atendendo a grandes preocupacións da sociedade actual, atopamos a Misión sobre o cancro. Neste sentido, a Unión Europea fixa como reto mellorar a vida de máis de tres millóns de persoas “mediante melloras en materia de prevención, cura e calidade de vida”.
En definitiva, coas Misións fíxanse obxectivos concretos para dar solución a grandes retos sociais, evitando así que os compromisos políticos se queden só niso e conseguindo resultados reais. Supoñen para Galicia oportunidades de crecemento, de mostra de potencial e de avance para todas e todos, no rural e nas cidades.
Comentarios (0)