Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

IWPN2

PUBLICADO O 18 DE XULLO DE 2022 · (0)



MARíA CADAVAL · PROFESORA DE ECONOMíA APLICADA DA USC


Hai algúns anos chamou a miña atención a mensaxe impresa en moitas camisetas e carteis da Quinta avenida de Nova York na que se podía ler: I would prefer not to; ou tamén, na súa versión abreviada, IWPN2. Era pouco despois da crise financeira do 2008 e un clamor percorría as rúas mais céntricas da Gran Mazá a través dunha frase descontextualizada do libro Bartleby, o escribinte, de Herman Melville. Este conto narra, a través do avogado para o que traballaba, a historia dun secretario caracterizado coma unha persoa “palidamente pulcra, lamentablemente respectable e incriblemente solitaria” mais recordado pola expresión que repetía acotío: “Prefiro non facelo”. Foron moitas as interpretacións que houbo deste libro aínda que unha lectura cos ollos do século XXI, e despois da pandemia da covid-19, pode evocar o drama de moitas persoas que viven tendo que traballar dun xeito compulsivo e monótono, sen incentivos, carente de todo sentido humano e sen remuneración xusta. Só así se poden entender as contraditorias cifras da chamada “grande dimisión”, que no noso país mais ben pode identificarse cunha “grande decepción”. 

En España non se está a producir a gran renuncia ao traballo que si viven países coma os Estados Unidos, Bélxica, Holanda ou Alemaña, onde case o cinco por cento das ofertas de emprego quedan vacantes, pero si hai tamén moitas empresas que sofren o problema da falta de traballadores para cubrir a súa demanda. “Pay them more”, chegou a dicir o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, cando tras a pandemia algunhas empresas se atoparon co problema de non poder retomar a actividade por falta de mans. Pero só con iso non chega.

Moitas persoas puideron comprobar durante o confinamento os inconvenientes que se derivan das situacións de emprego precario, non só polos baixos salarios senón, sobre todo, polas consecuencias derivadas de traballar baixo supostos de economía mergullada cando se precisa do paraugas da protección do Estado. Algunhas persoas que tendo contrato por catro horas traballaban en realidade oito ou doce, viron como os seus dereitos quedaron reducidos a axudas pírricas que non lle alcanzaron nin sequera para pagar o alugueiro. Dan conta disto as chamadas “colas da fame” que se viron durante o 2020. Anos de vida roubados ao benestar persoal e familiar, para que? Tras meses de penurias e incertezas, a reacción é a racional, callou a percepción de que non é unha opción traballar de xeito ilegal e encuberto, polo que moitas persoas decidiron facer un cambio, esixir máis polo mesmo traballo ou formarse para ter opcións diferentes das que realizaban até o momento. As prioridades mudaron.

En España, segundo os datos de Eurostat, había 109.000 postos de traballo que estaban sen cubrir no primeiro trimestre do ano 2022, a menor cifra de toda a UE, mais co paradoxo de situarse no limiar superior da taxa de desemprego. A meirande parte da fenda entre a oferta e a demanda de traballo atópase no sector servizos, concretamente naquelas profesións relacionadas co turismo e a hostalería ou ben, noutras máis especializadas e que requiren de altos estudos. A hostalaría precisa dunha profesionalización e un cambio radical no medio prazo, o que debe vir acompañado pola transformación do modelo turístico cara a outro máis sustentable e de calidade, que permita remuneracións acordes co traballo que realizan os profesionais. A segunda cuestión é aínda mais difícil, se cabe. Adoita haber formación especializada para os sectores produtivos que precisan desta man de obra, mais a pequena dimensión empresarial e a especialización produtiva fai que os salarios e condicións de traballo que se lles ofrecen ás persoas altamente formadas non poidan competir coa doutros países e empresas que non só pagan mellor, senón que ofrecen un universo de condicións laborais que en España aínda están por chegar. 

Así, pois, é preciso fuxir da célebre frase de Bartleby e adentrarse nun cambio do tecido produtivo de xeito que cada vez sexan menos aqueles que digan “prefiro non facelo”. En caso contrario este paradoxo entre oferta e demanda de traballo seguirá medrando, o que non deixa de ser unha contradición nun país con alta taxa de paro, sobre todo xuvenil.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)