Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Conflitos de interese e xogos infantís

PUBLICADO O 21 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



SIMÓN REGO VILAR · CONSELLEIRO DO CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA


“Peekaboo” en inglés, “coucou” en francés, “kakkoong” en coreano,  “cu-cú” en galego… Se algún xogo infantil é universal e atemporal é aquel no que as persoas adultas esconden a súa faciana coas palmas das mans, para volver a aparecer, literalmente. Iso é o que sucede na mente infantil, ao descubrir e pronunciar as palabras. Piaget teorizou o xogo baixo o principio da “permanencia dos obxectos”, en torno á idea de como a partir dos oito meses de vida axudaba as crianzas a testar un principio fundamental: a permanencia de realidades, aínda cando non as podan ver en todo momento. 

Cando aludimos á realidade dos conflitos de interese dá a sensación de que operamos con conceptos propios da etapa inicial do xogo infantil: só existen cando se xera o escándalo viral. Xa sexa en Portugal, onde o ministro de Sanidade vén de renunciar ao cargo de xerente dunha empresa no ámbito da saúde, ou en Alemaña, onde se está a cuestionar a idoneidade do presidente da Autoridade Federal de Seguridade Cibernética (BSI) polos seus vínculos a través dunha Asociación, da que é fundador, cunha empresa de ciberseguridade rusa. Ou ben cando se asocian directamente os conflitos de interese con comportamentos corruptos, sen matiz, con vulneracións intencionais dos marcos institucionais, por acción ou omisión, que implican un abuso do poder, dunha posición ou cargo público, coa expectativa de obter un beneficio privado, directo ou indirecto, presente ou futuro. 

A noción de conflitos de interese, que ao noso país chega fundamentalmente da man das directivas comunitarias, por exemplo no ámbito da contratación pública, esixe partir do principio da “permanencia dos obxectos” de Piaget, os conflitos de interese existen e existirán, por moito que a meirande parte do tempo teñamos a face tapada. O problema dos conflitos de interese non é a súa existencia, senón a falta de xestión e de mecanismos para o seu tratamento como o que o realmente son: riscos de xestión, posibilidades de danos á imparcialidade ou xuízos sesgados, pero non poden asociarse a danos reais, efectivos e materializados. A normativa comunitaria distingue entre conflitos de interese reais (riscos actuais), potencial (riscos futuros) ou aparentes (situacións que poden ser percibidas obxectivamente como conflitos de intereses), e indica abertamente que “dispor de políticas e normas detalladas para previr os conflitos de interese e xestionalos é unha parte esencial da boa gobernanza”, partindo de que “as situación de conflitos de interese poden producise en calquera momento, é de vital importancia previlas ou xestionalas adecuadamente cando se producen”. 

A idea de poñer remedio antes de que emerxan os problemas, implica un compromiso cun sistema coherente e completo, unha cultura de integridade pública e unha rendición de contas eficaz nas organizacións públicas, e para isto un dos elemento clave é a xestión de riscos de integridade como unha responsabilidade de toda a organización que se concreta en: avaliacións de riscos como proceso e non como actuacións puntuais once-only, o aproveitamento dos sistemas de análise de datos e o principio de integridade por deseño cando se desenvolven estas ferramentas, as declaracións de ausencia de conflitos de interese e os sistemas de alerta temperá, o mandato xa irrenunciable de incorporar as “pegadas normativas” aos procesos lexislativos e a regulación dos lobbies, a formación e os espazos de debate éticos…

Dicía Talleyrand que a arte da política consiste en inventar novos termos para institucións que, coas súas denominacións anteriores, terían resultado odiosas para o gran público. Cando aludimos ás modas de xestión pública, moitas veces corremos este risco, cando se fala de plans antifraude na xestión dos fondos europeos, tendemos a centrarnos na novidade, pero o problema non parece estar tanto no instrumental, como no valor substancial a protexer: a integridade institucional. E para isto a clave pasa pola prevención e a cultura de integridade, máis que por grandes reformas normativas puntuais. En Mumbai cando se indicou como reducir a cifra de atropelos ao cruzar as vías de tren, fronte á alternativa das grandes inversións en infraestruturas ou vías sancionadoras e reactivas,  optaron, con grande éxito, por un enfoque baseado na xestión dos riscos: pintar de amarelo tramos alternos das vías para cambiar as percepcións de distancias e as tolerancias ao risco, substituír os pitidos longos dos maquinistas por dous breves, buscando o efecto do silencio, e cambiar as sinais escritas por imaxes de pánico apelando á memoria emocional. Resultado: de 23 a 1 nun semestre.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)