Nós mesmos no mundo
DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI
Veño de ler a biografía Plácido Castro. Nós mesmos no mundo” (S. Castro, X. Ríos 2022) publicada o ano pasado pola Fundación que leva o seu nome, que preside con dedicación e sensibilidade Susi Castro e que coordina e multiplica Xulio Ríos desde o 2002. A Fundación, un dos proxectos basais do IGADI (pensen o relevante que é a tradución para as relacións internacionais), impulsou esta biografía cando no 2022 se cumprían 120 anos do nacemento de Plácido (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967) e tamén 25 anos da publicación dunha primeira biografía súa.
No libro poderán descubrir o perfil dun dos máis distinguidos e descoñecidos galegos do s. XXI. Plácido Castro del Río traza unha vida de película, onde conxugan a formación das elites da época co galeguismo dos anos 20 e 30. De adentrarse nela, observarán episodios tan destacados do século pasado para Galicia, así como tan dispares, coma o seu rol no programa galego da BBC ou como impulsor da Feira do viño de Cambados, a participación no Congreso das Nacionalidades das Sociedades de Nacións (onde se recoñeceu a Galicia como nacionalidade) ou nas xuntanzas do Galeuzca, así como as súas proféticas análises sobre o desenvolvemento da globalización e o turismo ou o papel de Galicia nese mundo, para a que suxeriu un primeiro programa base de política exterior...
Mais para a película teremos que agardar, xa que Plácido Castro. Nós mesmos no mundo ten máis que ver cos tan suxestivos resultados do traballo acumulado pola Fundación Plácido Castro nos seus máis de vinte anos de andaina que, sen dúbida, nesta leira deixou substancia. A figura que se descobre na biografía, nútrese do tronco inicial que deixou a primeira de Xulio Ríos, publicada por edicións Ir Indo en 1997, así como do carrusel de coñecemento que deixou o camiñar da Fundación neste tempo. Desta maneira a obra desliza máis ou menos explicitamente, en cada unha das súas páxinas, a aprendizaxe das 24 Conferencias anuais Plácido Castro (que pensaron a súa vida entre os seus contemporáneos xeracionais e a súa polifacética personalidade), as experiencias dos premios da tradución, as distintas exposicións realizadas, os traballos monográficos, as escolmas poéticas e artísticas...
Todo este traballo acumulado catalízase por medio de grandes capítulos, comezando cun primeiro que atende as súas distintas etapas vitais, desde o neno de Corcubión a Cardiff e Glasgow, dos veráns en Cambados á vida adulta, o regreso a Galicia, o exilio e a volta á casa... O segundo capítulo achégase ás distintas dimensións da traxectoria de Plácido, deténdose no xornalista, no político, no poeta, no tradutor e no docente... non sen antes encadrar as coordenadas filosóficas que o conectaban xa a comezos do s. XX ao universalismo e ao pacifismo, xa como liberal ou pensador xeopolítico, que o converten nun moi estimado e orixinal galeguista. O libro péchase cunha coda como terceiro paso da edición, arredor da especial relación de Plácido con Irlanda, concluíndo a obra cun epílogo e unha cronoloxía, que resumen esta vida de película e de compromiso.
“Plácido Castro. Nós mesmos no mundo” imprimiuse nunha textura que lle dá personalidade ao libro e que facilita a lectura. Tamén vai acompañado dun bo feixe de fotografías e imaxes de arquivo, que reforzan a vocación interpretativa da biografía. Ábrese cun retrato en branco e negro do Plácido que, cun ollar profundo, convida á descuberta, falándonos desde o pasado mais conectado ao presente.
Non podo máis que recomendarlle que visiten a web da Fundación Plácido Castro para facerse con un exemplar.
Comentarios (0)