O discurso sobre o estado da Unión Europea
ANXO RODAS ARCA · FUNDACIóN GALICIA EUROPA
O pasado 13 de setembro Úrsula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, pronunciou o habitual discurso anual sobre o Estado da Unión para 2023, presentando un balance dos logros dos anos anteriores e unha lista de prioridades de cara ao ano seguinte. O feito de ser o último ano de mandato, xunto coa proximidade das vindeiras eleccións europeas, déronlle ao discurso un cariz menos suxestivo, máis centrado en reafirmar os resultados acadados e a dirección estratéxica ata agora trazada.
Neste sentido, o Pacto Verde continúa a ser a peza crave da súa estratexia económica; a grande novidade é a intención da Comisión de potenciar aínda máis a transición verde no ámbito da industria, mediante un apoio máis intenso e específico para cada ecosistema industrial ―por medio dos chamados “Diálogos para unha Transición Limpa”―. Outro tema destacado neste marco foi o do necesario equilibrio que se debe atopar entre a protección do medio natural e a defensa dunha política agrícola xusta, sostible e que garanta a seguridade alimentaria europea, por medio dun diálogo estratéxico sobre o futuro da agricultura.
A competitividade do tecido empresarial europeo foi o segundo tema que recibiu maior énfase. Sendo consciente dos grandes retos que afronta ―escaseza de man de obra, alta inflación e trabas burocráticas― a Presidenta sinalou a necesidade de atallar os problemas do mercado de traballo por medio do apoio público e o diálogo social, así como atendendo aos retos particulares das pemes ―designando un enviado da UE para as pemes― e creando un organismo de control da competitividade para analizar cada acto lexislativo aprobado.
Moi relacionado coa competitividade europea, o obxectivo de alcanzar a autonomía estratéxica da Unión foi un tema transversal ao longo do discurso, tanto en termos de acceso a materias primas críticas como de inversión en tecnoloxías emerxentes. Este espírito asertivo respecto da seguridade e a soberanía europeas traduciuse, en materia de política exterior, nunha actitude conciliadora pero firme; a necesidade de inverter na economía dos socios internacionais e profundar nas conexións con eles e a aspiración de reforma do “orde internacional baseado en normas”― lóxica fundamental da iniciativa Global Gateway― combínase cunha firme oposición ás prácticas de competencia desleal nos mercados mundiais ―principalmente por parte de China―.
Outros temas que marcaron o talante do discurso foron a Axenda dixital ―cun énfase na necesidade dun marco regulador mundial da intelixencia artificial e no aproveitamento da capacidade de supercomputación europea―, o compromiso coa igualdade de xénero, a aposta por una política migratoria eficaz e coordinada ―fortalecendo a loita contra a trata de persoas― e o propósito de alcanzar unha “Unión completa” por medio da ampliación cara os Balcáns Occidentais, Moldavia e Ucraína.
Dende Galicia resultan especialmente interesantes as futuras medidas de apoio á industria eólica no marco do novo Paquete eólico europeo, así como os resultados que arroxará a investigación antisubvencións sobre os vehículos eléctricos chineses e o seu impacto sobre a industria da automoción europea. Tamén levanta expectación a forma na que se materializará o compromiso cunha transición xusta para o sector agroalimentario, especialmente no ámbito pesqueiro, o gran esquecido na mensaxe do executivo comunitario.
Comentarios (0)