Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os Vales de Innovación Rexional: a nova ferramenta de cohesión territorial

PUBLICADO O 05 DE XANEIRO DE 2024 · (0)



FUNDACIÓN GALICIA EUROPA · CARLA SILVAR FERNáNDEZ


Tras a presentación no 2022 da Nova Axenda Europea de Innovación xorden os Vales de Innovación Rexional (RIV, polas súas siglas en inglés) que buscan aproveitar o potencial da innovación de tecnoloxía avanzada en diferentes territorios da UE. A axenda fixou unha meta de identificar ata 100 rexións comprometidas a mellorar a coordinación e dirección dos seus investimentos e políticas de investigación e innovación a nivel rexional, así como de colaborar en proxectos interrexionais.

Coa promoción lanzouse unha convocatoria para que as rexións manifestasen interese en converterse en RIV e traballar de maneira conxunta con outras. Nesta convocatoria indican o desafío principal no que queren aumentar os investimentos e políticas de I+D. Entre os máis destacados: seguridade alimentaria, enerxías renovables, economía circular, transición dixital e sistemas de atención médica. Para promovelos hai dúas convocatorias complementarias con 122 millóns de euros para propostas tanto no marco do Ecosistema Europeo de Innovación (EIE) do programa "Horizonte Europa", cunha achega de 60 millóns, coma no Instrumento de Investimento en Innovación Interrexional (i3), con 62 millóns de euros. 

Grazas a este novo mecanismo preténdese reforzar os ecosistemas rexionais de innovación comprometendo toda a cuádrupla hélice e conectándoos a través das áreas comúns da súa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3). Este instrumento é un bo exemplo de sinerxías entre a política de cohesión e o programa marco "Horizonte Europa" e integrarase con outros coma os partenariados de innovación rexional ou os partenariados temáticos para a especialización intelixentel.

A expresión de interese abriuse a pasada primavera e pechou en setembro 2023, tras a que se contabilizaron 64 rexións con interese en participar nos RIV. Os seleccionados serán anunciados en marzo e prevese a sinatura dos acordos de subvención a mediados do 2024 para que se poidan iniciar os proxectos no último trimestre do ano. Galicia amosou o seu interese en formar parte desta nova iniciativa, apoiándose na súa estratexia de especialización intelixente. 

A RIS3 2021- 2027  focaliza tres prioridades principais para a nosa rexión: sostibilidade, dixitalización e enfoque cara as persoas. Ademais, establécense tres retos para transformar a economía e a sociedade galega grazas a un modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación, un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento; e un modelo de vida saudable e envellecemento activo da poboación.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)