Un novo marco europeo de Migración e Asilo tras anos de negociaciónsl
·
Anos de bloqueo político debido ao carácter divisivo da política migratoria remataron xusto a tempo para poñerlle o broche á Presidencia española. Na madrugada do pasado 20 de decembro o Consello da UE e o Parlamento Europeo acadaron un acordo político sobre o novo Pacto de Migración e Asilo.
A proposta normativa, emitida pola Comisión Europea no 2016 primeiro e renovada no 2020, está integrada fundamentalmente por cinco regulamentos que abordan todas as etapas da xestión da migración e do asilo, desde os controis que deben realizarse á chegada dos migrantes en situación irregular ata a determinación de que Estado membro ten que tramitar as solicitudes de asilo. O Pacto constitúe a resposta ante á necesidade de establecer un marco efectivo, xusto e realista para a xestión da chegada de persoas ás fronteiras da UE, cuestión aberta desde a crise dos refuxiados do 2015. Igual de ansiada como debatida, dita resposta non está exenta de controversia.
Un dos asuntos máis polémicos durante a negociación foi o novo mecanismo de solidariedade, obrigatoria pero flexible, co que se establecen as contribucións que lle corresponden a cada Estado. Contemplado no Regulamento de xestión da migración e asilo, ten por obxectivo evitar que a presión migratoria se concentre nos países de entrada como ata agora. Aínda que nun primeiro momento a pretensión era pautar cotas obrigatorias no reparto das solicitudes de asilo, as dificultades para alcanzar un consenso derivaron nun sistema que, como alternativa ás reubicacións, propón outro tipo de compensacións, entre elas económicas. Dito mecanismo está entre as liñas do Pacto máis duramente criticadas polas organizacións humanitarias.
De igual xeito están no seu punto de mira tanto as medidas pactadas para reforzar os controis fronteirizos como as destinadas a axilizar os procesos de solicitude de protección internacional, entre elas o novo procedemento fronteirizo obrigatorio. As persoas sometidas a este proceso de avaliación non estarán autorizadas para entrar no territorio da UE e deberán agardar nas proximidades da fronteira exterior ou noutros lugares designados mentres duren os trámites.
Por outra banda, cunha negociación a contrarreloxo co Parlamento dada a inexistencia dunha posición común no Consello ata outubro, é de crucial importancia o Regulamento de crise, que pretende dar resposta a situacións de excepcional afluencia migratoria. A súa activación ten en conta a afluencia migratoria a nivel local ou rexional, permitindo aos Estados adaptar determinadas normas e solicitar medidas adicionais de solidariedade. O regulamento prevé tamén respostas específicas ante a chamada “instrumentalización” da migración: a utilización dos migrantes por parte doutros actores co fin de desestabilizar a Unión.
A aprobación definitiva do Pacto espérase para abril, mais a súa aplicación efectiva requirirá da elaboración duns plans de acción previos. Haberá que esperar, pois, a ver como este novo marco comunitario en materia de migración irregular se articula na práctica. De momento, é indubidable o gran esforzo colectivo invertido en acordar unhas normas uniformes a nivel europeo co obxectivo de facer os procedementos máis rápidos e eficaces malia as discrepancias entre os distintos actores.
Comentarios (0)