Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Galicia das 28

PUBLICADO O 16 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)



SIMÓN REGO VILAR · ADMINISTRADOR CIVIL DO ESTADO


Dicía Harold Wilson, primeiro ministro británico na segunda metade da década dos 60, que ogallá tivese estas responsabilidades en tempos máis fáciles e felices. Algo semellante poderían dicir as e os 28 representantes no Parlamento galego das “zonas pouco poboadas”, onde vive o 44,1 % da poboación de Lugo ou o 45,7 % da poboación de Ourense, fronte ao 15,4 % de Pontevedra ou o 25 % de Lugo. Só Lugo e Ourense concentran preto do 70 % da redución de poboación que sufriu Galicia nos últimos 16 anos. Nunha época de “incertezas excesivas” e de policrises, asistimos a un fenómeno multidimensional, cunha vertente territorial (o abandono e o despoboamento), pero tamén demográfico (mentres que no conxunto estatal a poboación medraba un 2,9 %, en Galicia o saldo era negativo nun 3,45) e complexo, non só se trata de despoboación, tamén de envellecemento e sobreenvellecemento (a poboación de maiores de 85 anos duplica a media estatal; en Lugo e Ourense, a idade media medrou ata os 48 anos).

Conforme aos últimos datos do Instituto Galego de Estatística, no primeiro semestre de 2023, a diferenza entre defuncións e nacementos en Galicia é de 10.000 por semestre, temos 27 nacementos menos ao día en relación coa último metade da primeira década deste século. Os datos da Comisión Europea, inciden nesta tendencia, a poboación entre 0-19 anos incrementarase na Europa dos 27 un 5 % mentres que en Galicia se reducirá un 15,20 %, pasando de 427.929 en 2020 a 362.754 en 2029, dos cales vivirán en Lugo e Ourense, en conxunto, apenas un 20 %.

Perante este “estado de cousas”, a opción da non-decisión e non consideración do reto demográfico como un problema non semella unha alternativa viable, tampouco a opción de non contar cunha estratexia de resposta transversal que integre todos os niveis de goberno e actores, tanto público como privados, que parte de dúas premisas claras. A primeira, pensar lento e actuar rápido. Elemental, pero non demasiado empregada. Un exemplo: o peche dun centro educativo constitúe unha derrota colectiva, contáballe un enfermo Adriano a Marco Aurelio, en palabras de Yourcenar, fundar bibliotecas é construír celeiros públicos, amasar reservas contra o “inverno do espírito”. Non cabe a opción de pechar estes celeiros baixo criterios puramente utilitaristas, que non valoren as súas externalidades e impactos máis alá dos mecánicos custo-beneficio.

E a segunda e última premisa. A importancia da participación no deseño das solucións. As creacións artificiais á marxe das realidades locais teñen amosado a súa inutilidade. Semella chegado o tempo da aplicación global e transversal dun principio básico na xestión do complexo como é o “principio de diferenciación”, non se poden aplicar as mesmas solucións a realidades heteroxéneas, e por fin, a co-xestión e a participación desde o deseño ata a implementación dos actores locais, e para isto resulta imprescindible a transparencia e a apertura de espazos de innovación na xestión dos problemas colectivos.

Acerto ás e ós 28 na defensa do “dereito a ter dereitos”, con independencia dos adxectivos da zona de residencia. Non só se trata dun reto demográfico, senón dun auténtico reto democrático, de cidadanía. 



Comentar








Enviar

Comentarios (0)