O 2024, un ano electoral global
DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI
En novembro do 2023 un especial do semanario estadounidense The Economist identificaba o 2024 como o ano electoral máis importante da historia. Preto de 3.400 millóns de persoas poderían votar en eleccións nacionais en 73 países. Se a estas cifras estatais, agregamos as eleccións municipais e rexionais (como Brasil ou Turquía), superaríanse os 4.200 millóns de persoas como potenciais votantes, superando a metade da poboación do planeta. A polarización e o auxe da extrema dereita son os prognósticos maioritarios na inmensa maioría de procesos electorais.
O planeta, atrapado en turbulencias que van das guerras aos efectos da crise climática, terán neste ano electoral, o reaxuste dos equilibrios de poder para os próximos anos. As máis importantes para a sociedade internacional serán sen dúbida ás do 5 de novembro nos EEUU, mais non menos relevantes poden ser os resultados que ofrezan as do Parlamento Europeo, das que xa coñeceremos os resultados cando se publique esta columna.
A reconfiguración que deixarán as votacións do 2024 xa comezou. Durante o mes de xaneiro o ano comezou coas importantísimas eleccións en Taiwán, onde Lai Ching-te, candidato do Partido Democrático Progresista (PDP) venceu ao Kuomintang. Aínda que con menos marxe de diferencia do que prevían as enquisas, Lai Ching-te gañou coa suficiente para continuar a senda independentista que tanto incomoda a China e potencialmente a todo o planeta.
O 4 de febreiro, El Salvador, confirmou o fenómeno Bukele, cun apoio de máis do 70 %, nun dos escasos países onde a polarización electoral non é o principal titular. Tamén en febreiro tivemos eleccións nas das dúas nacións musulmás máis populosas do planeta, Pakistán e Indonesia, que aínda que cheas de problemas, violencias e inxerencias de todo tipo, deron dereito a voto a máis de 200 millóns de votantes e continuidade nun segundo mandato a Shehbaz Sharif en Pakistán e a Prabowo Subianto (anterior Ministro de Defensa) en Indonesia. En marzo, nas eleccións de Portugal, a dereita volveu ser a gañadora en número de votos, mais foi a extrema dereita de Chega, a grande vitoriosa dos comicios, ao conseguir un millón e un cuarto de votos.
Entre abril, maio e xuño, Modi reafirmou o seu liderado na India, agardándose unha acentuación da liña asertiva do seu mandato, na democracia imperfecta máis grande do globo. A comezos de xuño en Sudáfrica, confirmouse que o Congreso Nacional Africano (de Nelson Mandela), perdeu a maioría absoluta por primeira vez na historia democrática do país, aínda que seguramente seguirá liderando o goberno. En México, tralas eleccións do 3 de xuño, terán a primeira Presidenta da Historia, Claudia Sheinbaum, da que se agarda unha liña continuista do goberno de López Obrador podendo deparar sorpresas, dados os antecedentes neste tipo de transicións. No que falta de ano o péndulo latinoamericano tamén acabará de perfilarse, coas eleccións en Venezuela deste 28 de xullo e as do Uruguai, o 27 de outubro.
No horizonte do ano electoral global, as eleccións estadounidenses de novembro e a potencial volta de Donald Trump, que ameaza con consecuencias de efecto dominó por todo o planeta. Tanto as continuidades como os cambios deste ano electoral perfilarán a multipolaridade en curso, podendo traer cambios no apoio occidental a Ucraína, a economía mundial interconectada e a transición enerxética. No medio das axitacións electorais non podemos esquecer as posibles interferencias dos acontecementos extraordinarios non agardados, tan frecuentes nos últimos anos.
Comentarios (0)