O futuro do proxecto europeo en cada papeleta
SELENE GARCíA TORREIRO · FUNDACIóN GALICIA EUROPA
Selene García Torreiro. Fundación Galicia Europa.
A pesar do grande impacto das decisións que se toman en Bruxelas nas vidas de todos, incluídas as da sociedade galega, a capital de Europa segue sendo percibida como un ente afastado, que como moito ocupa a nosa mente durante os escasos minutos que dura a peza correspondente nas noticias do mediodía. Ese afastamento vólvese máis evidente cando se achegan os comicios europeos que se celebrarán en apenas dúas semanas.
Aínda que a lonxitude da cola ante as urnas depende de numerosos factores dificilmente cuantificables e varía considerablemente entre Estados, hai unha percepción xeneralizada de que trátase de eleccións de segundo nivel, por baixo dos comicios subscritos ao ámbito nacional.
Cabería esperar que a pandemia, a invasión rusa a Ucraína, o xaque aos nosos recursos enerxéticos e o resto das crises económicas e xeopolíticas que se foron sucedendo desde a última cita electoral transnacional e evidenciando a fraxilidade de Europa na area global, poñerían de relevo a vixencia do proxecto común europeo. Pero a democracia chama unha vez máis ás portas do vello continente nun momento no que os ideais fundamentais dese proxecto están en perigo.
Nun contexto no que numerosas ameazas, non só externas, senón tamén internas, poñen a xuízo os piares sobre os que se asenta o modo de vida europeo, son os máis de 400 millóns de cidadáns chamados a blindalo a través do seu voto co que marcarán, non só o rumbo que tomará a Unión Europea -renovar institucións e dar comezo un novo ciclo-, senón tamén o futuro de Europa no seu conxunto.
Os resultados de xuño tecerán a folla de ruta dos 720 eurodeputados que, durante os próximos cinco anos, participarán toma de decisións transcendentais sobre os produtos que consumimos, as medidas para paliar os efectos do cambio climático e transitar cara a un modelo sostible sen deixar a ninguén atrás, os prezos das vivendas, as industrias estratéxicas que moven a economía, os medios de transporte que collemos ou o modo en que a IA cambiará o noso mundo.
Con todo, os cidadáns están lonxe de crer a transcendencia de “usar o seu voto”. Parte da fenda radica no descoñecemento, en non entender exactamente en que se traduce cada papeleta. E aínda que escudarse na complexidade do sistema democrático e do procedemento lexislativo europeos pode non ser a solución máis efectiva ante a inminencia da cita electoral estival, é innegable que o da Unión é a engrenaxe institucional máis intricada do mundo. Nela conxúganse unha amálgama de intereses políticos, sectoriais, nacionais e mesmo rexionais e locais.
Mais co seu voto decidirá cara que lado xira o temón do proxecto europeo, nunha encrucillada entre a continuidade da actual axenda política centrada en reforzar a autonomía ao tempo que liderar a transición ecolóxica a nivel mundial, e a inclinación cara situar a competitividade nunha posición máis relevante. Á marxe do veredicto, a cidadanía está chamada o 9 de xuño a revalidar a lexitimidade da democracia e o estado de dereito europeos e, con ela, o conxunto de valores, dereitos e liberdades que os dotaron dunha razón de ser hai máis de tres décadas.
Comentarios (0)