Miscelánea de Luz
CRISTINA NEGREIRA · DOCENTE DE LINGUA E LITERATURA. DOUTORA ESPECIALISTA NA OBRA DE LUZ POZO GARZA
A magnitude da obra da ribadense non só ten que ver coa calidade e abundancia das súas creacións, senón tamén coa variedade destas. Ao longo da andaina da sección “Crónicas de Nordés”, fomos facendo paradas nas que tivemos a oportunidade de comprobar como a enerxía de académica se proxectou moito máis alá da poesía.
Malia que é certo que a lírica predomina entre as súas composicións, puidemos observar que o ensaio e a ilustración representan un lugar relevante dentro da obra pozogarciana. A estas alturas da viaxe, é posible que as lectoras e os lectores se pregunten: que clase de creacións de Luz nos quedan por descubrir? Adianto xa que a resposta inmediata que podo ofrecer está rodeada polo halo da ambigüidade que se nos atribúe ás galegas e galegos: “unha miscelánea”.
Resulta que a inquedanza da nosa prezada Garza levouna a crear textos de difícil catalogación, por non adscribírense ás tipoloxías habituais. Estes abundaron na presente cabeceira e, con frecuencia, axudáronnos a coñecer un pouco máis a personalidade da autora.
Un primeiro grupo é o formado polas pezas informativas. Nestas páxinas foron numerosas as veces nas que Luz informou de eventos relacionados coa cultura. Mais eses eventos adoitaban abranguer a persoas moi próximas a ela, polo que a subxectividade estaba presente. Por exemplo, en varios números, a ribadense deu conta do nomeamento de galegos como doutor honoris causa. Ocorreu, entre outros, no nº 232 cun texto titulado: “O profesor e académico na RAG Xesús Alonso Montero foi investido Doctor Honoris causa en filología. UNED” ou no nº 256 baixo o encabezamento: “O escritor e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer, nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña”. Aínda que a priori parecen noticias, pois ata inclúen o lugar e a data dos feitos, ao seguir lendo aprécianse as emocións que ditos recoñecementos provocaron na académica, con comentarios como o seguinte (sobre a investidura de Alonso Montero):
“Ledicia por esta homenaxe. E parabéns ao profesor
e compañeiro Xesús Alonso Montero, a quen tanto lle debe
Galicia: milleiros de documentos na loita pola lingua
intimamente vencellada á nosa cultura, á nosa historia”.
Os que tiveron o privilexio de coñecer á Luz Pozo (eu só a cheguei a ver nun acto en Viveiro) teñen comentado o grande aprecio que a artista sentía e mostraba polos achegados. Este aspecto do seu carácter é palpable neste tipo de composicións que estou a describir. Outra mostra desta estima que Pozo Garza tiña polos próximos, é un fermoso obituario que compartiu no ano 2018 (nº 330). Deseguido reproduzo algúns dos fragmentos:
“Aquí pido un espazo de silencio ben
concertado, polo noso amigo
Gustavo Pernas”
(…)
“A Galicia vénselle de parar un río
moi valioso, no proceso ferido da vida…
Soan campás de resignación e pranto…
Adeus querido Gustavo: Sempre en Galicia…”
Cómpre indicar que estas creacións pozogarcianas, nas que a autora recoñecía a valía de persoeiros da cultura aos que estimaba, foron bastante habituais en ECO.
Por outra banda, vou falar dun texto que apareceu nesta revista e que resulta insólito dentro da obra de Luz, por ser a narrativa pozogarciana moi escasa. Trátase dunha historia titulada “Sherpa, a cadela irlandesa” (nº 172). Nela relátase a angustia duns meniños pola ausencia da súa cuza nun día chuvioso; feito este que terán un final feliz. Aínda que esta descrición deste escrito parece levarnos ao conto, non se axustaría totalmente a este subxénero narrativo, por non tratarse dun feito fantástico (pois a cadeliña Sherpa existiu).
Vemos pois, nesta paraxe de hoxe, a sétima de “Crónicas de Nordés”, que viaxar pola obra de Luz supón sempre algún achado que nos leva máis alá do verso. Pozo Garza non só foi poesía. Pozo Garza foi miscelánea creativa.
Comentarios (0)