Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Europa, esa gran descoñecida

PUBLICADO O 18 DE XUñO DE 2024 · (0)



EDITORIAL ·


O verán trae consigo unha cita electoral que reúne a milleiros de persoas para participar na configuración do futuro da democracia europea. É doado esquecer cantos se ven afectados polos resultados e as decisións que se toman en Bruxelas, que continúa a ser percibida como un ente descoñecido e afastado das preocupacións da cidadanía e fráxil ante os complexos problemas que achacan as comunidades locais.

Nestas eleccións consideradas “de segunda” por moitos, os partidos políticos galegos semellan ter claro o impulso de unión e toman forza en temas relevantes para Galicia. O BNG liderado pola candidata Ana Miranda, puxo a vista en Europa a través da coalición Ahora Repúblicas que integra as forzas de esquerda vascas e catalás con Bildu e Esquerra. Mentres tanto, o Partido Popular contou co apoio de Ursula von der Leyen que aspira a renovar o seu cargo como presidenta da Comisión Europea. Na súa visita, a política belga reuniuse con Núñez Feijóo na capital galega, concretamente na tradicional romaría do Pino, aínda que non estaría de máis que os líderes europeos coñeceran Galicia máis que para raspiñar votos.

A pesca e a agricultura serán temas que deberá encarar o novo Parlamento Europeo e que afectan especialmente aos traballadores galegos. E tamén a regulación das comunicacións e dos transportes, como é o caso das compañías galegas de loxística que actualmente moven contedores por todo o mundo, tanto por vía terrestre como marítima, e que se enfrontan a temas cruciais como a lei de morosidade e a falta de relevo xeracional nun sector que está cada vez máis apertado pola escaseza de axudas económicas.

Por outra banda, a regulación das vivendas de alugueiro é un tema que preocupa cada vez máis tendo en conta a incidencia do turismo na contorna galega, especialmente en zonas como Sanxenxo ou Santiago de Compostela, onde atopar un alugueiro xa se volveu un imposible. O goberno compostelán presentou este mes a nova ordenanza pola cal se concreta que os propietarios de aloxamentos turísticos que desexen funcionar durante 60 días deberán acreditar un alugueiro a universitarios durante o resto do ano. Polo de agora, non sabemos se solucionarán os problemas de parque residencial, máis xa é todo un avance para garantir un dereito social como é a vivenda.

Neste mundo cada vez máis estraño e inestable, a Unión Europea enfróntase a retos globais como os mencionados, a pesar de que os comicios europeos espertan pouco interese en España, pois a abstención adoita ser moi alta e o votante tómao como un experimento. E entre tanto afán por rachar co vello mundo, está claro que a Unión Europea fracasa como axente de paz nunha contenda de longa duración e a grande escala en Palestina. Á marxe do que ocorra finalmente, a cidadanía está chamada ás urnas e a decidir o rumbo do goberno de Europa, esa gran descoñecida.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)