Viaxando a través de Luz
CRISTINA NEGREIRA · DOCENTE DE LINGUA E LITERATURA. DOUTORA ESPECIALISTA NA OBRA DE LUZ POZO GARZA
Hai cinco anos e medio que o “destino?” (aínda non teño claro se foi ou non casualidade) me levou a investigar a unha, para min, descoñecida Pozo Garza. Naquel momento, non fun consciente de que, ao adentrarme na obra da ribadense, ía comezar unha viaxe máis alá da literaria, que me levaría por múltiples puntos da xeografía peninsular e, sobre todo, por experiencias culturais outrora inimaxinables. Nesta derradeira entrega de “Crónicas de Nordés” vou sinalar os principais achados realizados, coa pretensión de mostrar varios camiños que levan a Luz (indicando obras de outras estudosas e estudosos) e, á vez, aproveitar para agradecer toda a axuda recibida ao longo desta andaina.
A idea de investigar a obra de Luz Pozo Garza xurdiu no mes de outubro do 2018 nun despacho da Facultade de Humanidades de Lugo. Concretamente, o da profesora e doutora Carmen Blanco. Nel, recibiu con agarimo a unha docente de Secundaria que ansiaba facer un doutoramento que implicase “algo de cultura e feminismo” e, a partir desa imprecisión, a que se convertería na miña directora de tese propúxome estudar a obra da académica. Mais esa proposta apareceu tras unha conversa na que se preocupou en coñecer os meus intereses e a miña bagaxe. Tras escoitarme coa grande atención, comentoume que pensaba que a artista Luz Pozo me podería resultar atraente, pois había certas concomitancias entre o seu currículum vítae e o meu: profesoras de lingua e literatura no Ensino Medio, estudos musicais, coñecemento de linguas estranxeiras e gran contacto co mundo da prensa. Esa afirmación cativoume e, de inmediato, comezou un fermoso proxecto ao que, anos despois, se sumaría como codirector o profesor e doutor Claudio Rodríguez Fer.
Neste primeiro tramo da viaxe foime recomendado un libro, a modo de guía iniciática. Trátase de Memoria Solar de Luz Pozo Garza; recompilación da súa obra poética ata o 2004, feita na editorial Linteo. Neste volume, non só están aglutinados os libros líricos pozogarcianos saídos do prelo dende o 1949, senón que tamén se recolle media centena de poemas dispersos. Xusto un ano máis tarde (tal e como consta na data que escribín, no seu momento, na primeira páxina), merquei Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza dos lucences e catedráticos da Universidade de Granada Aurora López e Andrés Pociña. Publicado pola editorial Alvarellos no 2014, este libro heteroxéneo conta cos seguintes apartados: “Vida de Luz”, “A poesía de Luz”, “Obra filolóxica de Luz”, “Pequena antoloxía poética” e “Apéndice”. Ao meu ver, o máis fascinante desta obra é que alude tanto aos libros ensaísticos da académica como a algúns artigos espallados en múltiples cabeceiras de prensa. Este último aspecto resultou moi nutritivo para avanzar na miña investigación, que se centraba na obra dispersa da ribadense.
A mencionada “dispersión” non só supuxo para min descubrir numerosas revistas culturais nas que Luz participara; senón que tamén se aplicou ás coordenadas do territorio, pois foron varios os puntos xeográficos que acabei visitando. Se o máis afastado foi Braga (pola asistencia como relatora, o abril pasado, ao XIV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos), o máis curioso, sen dúbida, foi na Mariña Lucense. En concreto, consistiu en visitar un cuarto recóndito da igrexa San Francisco de Viveiro, unha tarde dobremente agrisada por unhas nubes cargadas de choiva e de pandemia. Alí atopábanse numerosos libros-pregóns sobre a Semana Santa da localidade, publicacións nas que a prezada Garza colaborou activamente durante os anos 50. Xusto nunha escura esquina dese edificio estaban agochados, dende facía varias décadas e baixo o coidado da humidade galega, uns poemas pozogarcianos, agardando a seren re-descubertos.
“Descubrir” é, quizais, o termo que máis asocio a toda a miña investigación entorno a Luz, pois sempre me atopo con algunha publicación interesante para ler ou algunha experiencia fascinante. Ao primeiro grupo pertence Constelación Luz. Luz Pozo Garza. 1922-2022. Poesía, arte e vida (Blanco & Rodríguez González (Ed.), 2022); o libro catálogo da exposición realizada no Gaiás co gallo do centenario da académica. Neste completo volume, repleto de fotografías da ribandense, faise alusión á vocación interdisciplinaria da artista, pois aparecen textos, coloridas ilustracións e alusións á súa faceta como editora de revistas culturais.
Para finalizar, no tocante a experiencias enriquecedoras, cómpre salientar a posibilidade de ter compartido con vostedes un pouquiño de Luz nestas páxinas de ECO polas que ela mesma transitou. Saiban que foi un pracer viaxar por estas augas atlánticas co pulo dun Nordés pozogarciano. Un vento que sei que me seguirá levando cara a novas aventuras!
Comentarios (0)