Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Declaración de Berlín e a axenda para recuperar a cidadanía

PUBLICADO O 04 DE SETEMBRO DE 2024 · (0)



SIMÓN REGO VILAR · ADMINISTRADOR CIVIL DO ESTADO


Dicía xa fai un tempo o autor libanés Taleb, que cando se busca impulsar transformacións relevantes o mellor camiño é o que ven da man de cambios sinxelos e pouco numerosos, baixo a máxima do principio de mínima intervención. No ámbito sanitario fálase de «iatroxenia». Esta tese ten semellanzas con aquelas que defenden a idea de continuidade e resistencia ao cambio nos programas de intervención pública, no sentido que a dependencia da traxectoria previa, as asimetrías de información, a complexidade das redes de actores ou a existencia de “puntos de veto institucionais” formais ou informais, imposibilitan a idea de cambios ou transformacións relevantes na forma en como xestionamos os problemas públicos.

Porén, hai certos momentos nos que esa aparente estabilidade permanente abre a paso a “coxunturas parteaugas” que provocan transicións importantes e de longo prazo no escenario político-institucional. Coñecemos algunhas: 1988 e Delors para a política de cohesión comunitaria, o Covid-19 e a resposta institucional da UE da man do Instrumento NextGenerationEU:  o momento “hamiltoniano” da Unión Europea. Neste sentido, semella que estamos nos albores dunha desas “coxunturas parteaugas” da man da recente Declaración de Berlín. A finais de maio deste ano, un grupo moi cualificado de economistas entre os que figuran o nobel Angus Deaton, Mariana Mazzucato, Olivier Blanchard, Thomas Piketty ou Branko Milanovic, reuníronse en Berlin no cumio auspiciado polo Forum New Economy coa rúbrica: “Recuperar ao pobo”, e acordaron un texto final co obxectivo de prantexar un novo entendemento que permita superar o “Consenso de Washington” e o énfase na desregulación, a externalización e a “infantilización” do sector público e a súa resposta aos problemas económicos, sociais e ambientais.

A citada declaración baixo a máxima de recuperar a cidadanía nas democracias liberais e na súa capacidade de servir ás maiorías e resolver as “policrises” que ameazan os futuros colectivos, prantexa unha folla de ruta para reorientar e reforzar as políticas públicas baseadas na creación de prosperidade compartida e o emprego de calidade. O desenvolvemento de políticas industriais que aborden as disrupcións rexionais de forma proactiva apoiando novas industrias e dirixindo a innovación cara a creación de riqueza para a maioría; garantir que a estratexia industrial non está orientada por subvencións e subsidios para manter aos operadores actuais e o status quo, senón no apoio da inversión e innovación en base a misións como as de emisións cero; deseñar unha globalización máis saudable que equilibre as vantaxes do libre comercio coa protección dos vulnerables e coordinación das políticas ambientais, á vez que se posibilita o control nacional sobre os intereses estratéxicos cruciais; afrontar o reto da desigualdade, garantindo condicións de partida igualitaria para todos e, en xeral, establecer un novo equilibrio entre mercados e acción colectiva, a través dun sector público protagonista, pero tamén como envés imprescindible: efectivo e innovador.

En síntese, avógase por sentar a cidadanía e ao sector público no “asento do condutor” para non só promover o benestar para a maioría, senón para restaurar a confianza na capacidade de resolver as múltiples crises que afectan á tripla dimensión da sostibilidade (económica, pero tamén social e ambiental) e garantir un futuro para as próximas xeracións. Benvidos os debates para garantir unha axenda cidadá para recuperar a cidadanía.

 

 



Comentar








Enviar

Comentarios (0)