Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A emigración na Estratexia Galega de Acción Exterior

PUBLICADO O 12 DE SETEMBRO DE 2024 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


Agora que a Estratexia Galega de Acción Exterior ten que ser definitivamente aprobada no Parlamento de Galicia, é un bo momento para sinalar o papel potencial da emigración galega como panca e sustento que multiplique o impacto das distintas accións que as políticas públicas galegas impulsan para internacionalizarnos.

Na súa altura (novembro do 2023) o IGADI presentou un Plan de acción aos grupos políticos presentes no Parlamento. Un Plan flexible que identifica un cambio estratéxico que active a Lei galega de Acción Exterior (2021) e maximice as oportunidades de posicionamento do noso país. Para iso cómpre atender de maneira estratéxica ao noso papel na Unión Europea e a emigración promovendo ás conexións coa lusofonía e o mundo celta, desde os Camiños a Santiago, relato universal que atravesa os cinco continentes como espazo multicultural de diálogo e concordia entre pobos.

Precisamos un Plan para a EGAEX que sexa máis que unha reflexión estratéxica, que identifique mecanismos de seguimento, obxectivos realistas e avaliables. No núcleo está transcender as accións illadas e segmentadas, facilitar unha ollada coral da acción internacional do conxunto de administracións galegas ao interior da Xunta de Galicia.

O corazón do Plan comeza por traballar a coordinación das actividades internacionais dos distintos departamentos da Xunta, hoxe desconectadas, como pode verse tanto na comunicación, a planificación estratéxica das distintas áreas ou nas convocatorias públicas de subvencións. O traballo da Presidencia da Xunta é clave á hora de promover a coordinación e multiplicar as potencialidades do retorno das accións dos distintos departamentos que fan esforzos por internacionalizarnos. De tomalo en serio, falariamos dunha modernización histórica, fundamental para o noso modelo de desenvolvemento de presente e de futuro. O salto cualitativo da nosa Acción Exterior non precisa da construción de grandes infraestruturas ou autoestradas, mais si vontade política en todas as direccións para facilitar un cambio de cultura organizativa que nos faga máis competitivos. Ten moito máis que ver con iso que con grandes investimentos millonarios.

 Dicía nun artigo recente o noso fundador e Presidente de Honra Xulio Ríos[1] “Cambiar o chip, como se di habitualmente, pode custar pero todos sairiamos gañando de ser capaces de complementar as vellas rutinas con novos enfoques, máis acaídos aos tempos do século XXI. Esa debera ser a preocupación máxima de todos, tamén dunha academia que mira moito para atrás. Tamén hai que facelo, pero sen que iso impida un impulso para ser máis ambiciosos”. Isto aplícase á Xunta, mais tamén as cidades e Deputacións.

Experiencias como o Maratón de Galeguidades (galeguidades.hub.gal) reafirman en primeiro lugar que en pleno S.XXI Galicia segue a ser célula de universalidade. Mais en segundo lugar e non menos importante, que a emigración, desde as formas históricas ás actuais de organización, segue a ser a nosa maior rede de conexión internacional, para protexer a nosa identidade e multiplicar as nosas oportunidades en todos os ámbitos.

Aínda que para nós é un factor crítico do futuro de Galicia, a Acción Exterior pasa na axenda sen moita atención entre os partidos maioritarios. Nós seguiremos teimando, porque máis alá da defensa da nosa identidade, a Acción Exterior fala das cousas de comer e de coñecer, como a historia de Galicia demostra. Nun mundo en cambio, hiperconectado e dixital, non atender a este tesouro non debera agardar máis tempo.

[1]          Ríos, Xulio (2023) Emigración ou diáspora? IGADI



Comentar








Enviar

Comentarios (0)