Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Facilitar o acceso á información para unha transición xusta

PUBLICADO O 12 DE SETEMBRO DE 2024 · (0)



ISMAEL PéREZ-IZAGUIRRE SOLíS · FUNDACIóN GALICIA EUROPA


No camiño da consecución dos obxectivos medioambientais establecidos dentro do Pacto Verde Europeo, moita é a dificultade que os concellos de Galicia e doutros territorios atopan á hora de aplicar a cada vez máis esixente lexislación europea na materia. Ao mesmo tempo que se revisan normas como o Regulamento sobre Xestión de Residuos ou o Regulamento sobre a Xestión de Augas Residuais Urbanas, son numerosos os municipios, especialmente de medio e pequeno tamaño, que atopan dificultades para financiar as accións necesarias coas que dar cumprimento a dita lexislación. 

Aínda que existen outras fontes de financiamento, os programas europeos constitúen un importante recurso que todos os concellos deberían saber aproveitar para atopar apoio económico. Así e todo, a información, é un obstáculo para isto. “O Paradoxo da Economía Democrática” é como Jan Olsson denomina á situación na cal son os actores máis grandes, como os grandes concellos, os que paradoxalmente tenden a ter acceso a máis fondos.  Pois este mesmo paradoxo dáse entre os concellos con respecto á información e o acceso aos programas de financiamento europeo.

A complexidade do marco financeiro da UE, así como das convocatorias e requisitos que estas impoñen esixen contar con persoal cun amplo coñecemento na materia, o que moitas veces está condicionado polos limitados recursos económicos e humanos dos entes locais. Como resultado, é común que sexan as administracións con máis medios as que conten cun nivel máis alto de coñecemento sobre oportunidades de financiamento, e, polo tanto, con máis opcións de acceder a elas en detrimento doutras que non contan cos recursos suficientes. 

Neste sentido, as oficinas das comunidades autónomas en Bruxelas -como a Fundación Galicia Europa- e outras entidades conforman unha rede a través da cal reverter esta desigualdade no acceso á información sobre financiamento europeo. Iniciativas como TecEuropa, desenvolvida dende hai máis de 10 anos e dirixida a persoal de entidades públicas e privadas de Galicia, poden resultar extremadamente útiles a todos, pero sobre todo aos concellos con menos recursos. Este curso permítelles obter información de primeira man sobre as oportunidades económicas ofrecidas por Europa para a posta en práctica das diferentes liñas políticas. Ademais de ser un curso  gratuíto, a FGE ofreceu, ata o 19 de setembro, 20 axudas económicas para participar en Bruxelas naedición de novembro. 

Só unha situación na que todos os concellos coñezan ben estas oportunidades debería garantir o seu acceso ó financiamento europeo, un reparto xusto do mesmo e a unha transición xusta que inclúa a todos os territorios da Unión Europea.  

 

 



Comentar








Enviar

Comentarios (0)