Plan de inversións contra a “lenta agonía” europea (I)
SIMÓN REGO VILAR · ADMINISTRADOR CIVIL DO ESTADO
O pasado luns, 9 de setembro, por fin veu a luz o Informe Draghi sobre a competitividade europea para a próxima década. Diagnóstico de 400 páxinas, que completa o relativo ao Mercado Único presentado por outro ex primeiro ministro italiano (Enrico Letta) o pasado mes de abril, e do que xa falamos nestas mesmas páxinas. Se podemos concluír que unha eventual presidencia de Donald Trump ten marcado o seu camiño no (altamente preocupante) “Project 2025” da Fundación Heritage, Draghi e Letta definen a senda da nova Comisión Europea de Von der Leyen 2024-2029.
Certo é, que gran parte da dita senda xa estaba predefinida nas súas liñas xerais na “Axenda estratéxica da UE para 2024-2029” e as súas tres prioridades estratéxicas: Defensa dos valores da UE; unha Europa forte e segura e, finalmente, unha Europa próspera e competitiva. É esta prioridade a que se define no Informe Draghi para a próxima década, co obxecto explícito de fortalecer a competitividade da UE, potenciar as transicións xemelgas (ecolóxica e dixital), favorecer os ecosistemas de innovación e a unidade de acción comunitaria. Para elo o primeiro punto de partida pasa polo diagnóstico da situación da UE dos 27.
O diagnóstico pasa polo recoñecemento da potencialidade do modelo europeo de economía aberta, mercados competitivos e Estados do benestar, que permitiu consolidar un mercado único de 440 millóns de consumidores que integran o 17 % do PIB mundial, e altamente eficiente desde o punto de vista social, con taxas de desigualdade de ingresos significativamente inferiores ás norteamericanas ou chinesas. Porén, nas últimas dúas décadas asistimos a unha perda de competitividade europea no escenario global que ten un protagonista claro na diferenza de produtividade e un efecto: en termos per cápita, a renta real dispoñible creceu o dobre en EE.UU, que na UE desde o ano 2000. Ante este estado de cousas, prantéxase os efectos desta situación para as ambicións europeas de reforzar os niveis de inclusión social, a neutralidade en emisións de carbono e a relevancia xeopolítica da UE. En síntese, a misión europea das próximas décadas vertébrase en torno ao debate da produtividade do modelo europeo.
Ante este escenario, seguindo a liña das recomendacións de reputados economistas ao novo goberno laborista de Keir Starmer, de eliminar os nesgos intrínsecos contra as inversións públicas en nome dunha suposta prudencia fiscal que “dañou os cimentos da economía e socavou a sostibilidade fiscal a longo prazo do Reino Unido” (Mazzucato et. Al, Finantial Times, 16 de setembro), o informe contempla un incremento da porcentaxe de inversión da UE pasando do 22 % ao 27 %, financiada co modelo de emisión de instrumentos de débeda comúns que tan bo resultado está producindo en relación cos fondos NextGenerationEU.
Planificación e financiación común de bens públicos europeos como redes e interconexións, equipos de defensa e innovación, para evitar o bloqueo das ideas e activar a resposta europea en torno a unha nova estratexia industrial que poña a énfase na produtividade e reducir as brechas de innovación con EE.UU e China. E todo elo, cunha estrela polar permanente no horizonte: a preservación do modelo social europeo. Noutra entrega falaremos do novo modelo de gobernanza que esixe esta misión europea: a coordinación onde é realmente importante.
Comentarios (0)