A punta de lanza de Galicia en Bruxelas
ALEJANDRO GESTO · BOLSEIRO DE COMUNICACIóN DA FGE
Promover unha política de cohesión simplificada que sitúe ás rexións no centro do seu deseño e aplicación, velar por unha transición xusta no sector do automóbil e defender o equilibrio entre as dimensións medioambiental, económica e social dos sectores produtivos. Son as tres prioridades marcadas polo Goberno galego para este ano no seo da UE. En 2024 Galicia foi distinguida como Rexión Emprendedora Europea 2025. A este recoñecemento do Comité Europeo das Rexións ás boas prácticas da administración autonómica para fixar poboación no rural, sumouse o concedido pola Comisión Europea á ferramenta de intelixencia artificial EMi, implantada nas oficinas de emprego galegas, e o galardón outorgado á rede de sendas peonís e ciclistas das estradas autonómicas. Xunto a estes éxitos, Galicia puido celebrar o nomeamento dun comisario específico de pesca, como viñan reclamando tanto o goberno galego como o propio sector. Apoiando esta e outras moitas batallas estivo a Fundación Galicia Europa (FGE), representante da administración autonómica ante as institucións comunitarias. Na súa última reunión, o padroado da entidade –conformado pola Xunta, ABANCA, Zona Franca Vigo, GAIN e as deputacións da Coruña e Lugo– destacou o labor de asesoramento en materia europea que a fundación ofrece ao goberno galego. Especialmente, con motivo das visitas institucionais que diferentes representantes da Xunta realizan á capital comunitaria. Con todo, esa é tan só unha das diversas liñas de actuación desta entidade, que actúa noutras moitas frontes para defender os intereses de Galicia ante a Unión Europea, promover a participación galega en proxectos europeos, explicar as políticas europeas en Galicia e ofrecer formación sobre as asuntos comunitarios. Para acadar estes propósitos, a entidade desenvolve con éxito iniciativas como TecEuropa, o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia. O pasado novembro unha vintena de profesionais galegos recibiron axudas económicas para desprazarse ata Bruxelas e participar nesta formación na sede da FGE. Os Encontros virtuais Xunta-UE –o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas– acadaron, entre tanto, un cento de inscritos na súa última edición, na que o membro español do Tribunal de Europeo de Contas e a Consellería de Facenda analizaron o modelo de xestión dos fondos Next Generation EU conxugando o punto de vista galego e o comunitario. Pero, sen dúbida, a proposta estrela da Fundación Galicia Europa nos seus máis de 35 anos de existencia son as bolsas de formación grazas ás que, coma min, centos de mozos galegos puidemos coñecer de primeira man o labor dunha entidade que, como se recollía na primeira Estratexia de Acción Exterior de Galicia, exerce de punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos.
Comentarios (0)