Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O libro dunha esperanza

PUBLICADO O 23 DE MAIO DE 2025 · (0)



CRISTINA NEGREIRA · DOUTORA EN ESTUDOS CULTURAIS E PROFESORA DE LINGUA E LITERATURA


O venres 25 de abril, o auditorio da Casa da Cultura de Negreira converteuse na poesía máis fermosa posible: aquela que é compartida. Resulta que neste local ateigado de veciños se presentou, ás 20:00 horas, un libro que recompila gran parte dos poemas do escritor barcalés do que lles levo falando nos últimos números: Xosé Manuel López, “Ardeiro”.

 O acto supuxo, para min, unha viaxe ao pasado, por posibilitarme o reencontro con veciños que non vira en anos e cos que adoitaba cadrar de adolescente nos actos culturais do meu concello de nacemento. Ademais, puiden volver a sentar e sentir “esas butacas vermellas” que moitos anos atrás teñen escoitado a voz do propio Ardeiro, cando presentaba algunha das súas obras.

 Agora, no 2025, a presentación do libro Na néboa dunha esperanza (cunha edición de Xosé A. Ponte Far e Xulio Valcárcel, acollida por Medulia) tivo para min unha mestura de lirismo e fantasía. Lirismo por observar que unha vila pequena como Negreira podía congregar a tanta xente entorno a poesía e, en concentro, arredor dunha poesía que fala dende o sentir dun ser que viviu envolto nas néboas do Tambre. E fantasía porque alí estaba el, Ardeiro, no escenario, case no centro, mais con certa querenza pola esquerda, ollándonos a todos. Pode parecer que estou a facer unha metáfora, mais garantólles que foi real, que o rostro deste escritor autodidacta nos estaba a ollar de esguello aos alí presentes, a través duns lentes de monturas douradas, cunha expresión de ledicia contida. Tratábase dunha presenta tan real que só podía deberse á fantasía. Á fantasía, neste caso, posible grazas a un lenzo que ofrecía un excepcional retrato do poeta. Cómpre dicir, para os que non estiveron presentes, que poden apreciar dita obra pictórica na portada da mencionada antoloxía, pois foi deseñada en exclusiva para tal fin. O artífice? O pintor de Logrosa Xosé Cobas quen, ademais de mostrar eses polisémicos trazos, compartiu co auditorio un discurso cargado de lembranzas en compañía do poeta; unhas palabras que se basean na carta que aparece publicada no apéndice da antoloxía de Medulia.

Co seu permiso, vou facer unha síntese da estrutura do libro, pois como nicrariense amante dos versos ardeirianos, síntome na obriga de promocionar ao que é, para min, o bardo máis relevante de Barcala. A publicación comeza cun limiar de Xosé Antonio Ponte Far, catedrático de Secundaria de Lingua e Literatura, amigo da infancia do poeta e tamén natural de Logrosa (terra inspiradora, polo que podemos deducir). Posteriormente, aparece unha selección de poemas pertencentes aos seis libros de Ardeiro (un deles, publicado con carácter póstumo). Esta recompilación de textos foi un proceso “moi laborioso” pois houbo que “picar letra a letra para formar verso a verso”; tal e como explicou no evento Xulio Valcárcel; tamén poeta mais, nesta ocasión, relevante por pertencer a Medulia, a editorial que levou a cabo tal traballosa fazaña.

Sinceramente, estoulles moi agradecida a todos os participantes neste proxecto do seu quefacer; pois opino que era absolutamente necesario. Non sei se lembrarán que, nalgún artigo anterior sobre as estrofas de Ardeiro, eu lles comentara que tivera que facer certa peregrinación para localizar os seus libros. Mais, cando escribín iso, fun bastante sintética. Para pechar este texto, voulles a contar a anécdota sobre como conseguín un dos seus poemarios, pois cadra moi ben con este Día do Libro que acaba de pasar. Cando era universitaria, poñamos hai uns doce anos, fun estudar á biblioteca da Facultade de Psicoloxía, en Santiago. Alí, na entrada, adoitan (ou, polo menos, por aquel entón, adoitaban) ter unha mesa con publicacións que se poden levar para sempre; coa única condición de deixar outros. Eu vin un libro de Ardeiro, que ademais non tiña na casa, e púxenme moi contenta. Mais esa ledicia pouco durou porque me decatei de que non tiña ningún exemplar que deixar para o troco. Sen pensalo moito, dirixinme á bibliotecaria para explicarlle, co entusiasmo máis propio dunha fan dun grupo de rock que dun escritor, se mo podía apartar ata o día seguinte, cando puidera volver a cambialo por outro, pois eu “non o podía deixar escapar”. Poderán imaxinar a reacción da bibliotecaria, cun matiz de esmeralda, chea de lirismo e tamén de esperanza; uns termos moi arderianos.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)