A Comisión Europea enarbora a bandeira do sector vitivinícola
IAGO LOMBARDíA SANJULIáN · FUNDACIóN GALICIA EUROPA
O sector vitivinícola da UE representa o 60 % da produción total de todo o planeta e o 60 % do valor do viño exportado a nivel mundial. Non atravesa un bo momento: despoboamento rural, cambio climático, incertezas do mercado e cambio nos patróns de consumo da poboación.
O 28 de marzo a Comisión Europea anunciou unha proposta lexislativa para modificar varios regulamentos europeos para introducir distintas medidas que favorezan á industria vitivinícola, baseándose nas recomendacións emitidas polo Grupo de Alto Nivel sobre Política Vitivinícola, constituído o ano pasado co obxectivo de avaliar a situación deste sector. Explicamos as novas medidas en función dos seus obxectivos.
O primeiro sería previr a produción de excedentes, contribuír a estabilizar o mercado e protexer os produtores das tensións financeiras. O segundo obxectivo sería outorgar maior flexibilidade aos produtores á hora de replantar. Isto daríalles a posibilidade de xestionar mellor as autorizacións de plantación en función das necesidades nacionais e rexionais.
Doutra banda, o terceiro obxectivo sería apoiar a loita contra o cambio climático. O texto propón aumentar a axuda financeira máxima da UE ata o 80 % dos custos de investimento que son susceptibles de ser subvencionados, sempre que estean destinadas a mitigar os efectos do clima. O cuarto obxectivo sería introducir normas de comercialización máis claras: a Comisión propón axilizar a comercialización de produtos innovadores creando unha normativa máis clara. Ademais introduciría unhas denominacións comúns para os produtos vitivinícolas con baixo contido alcohólico dentro do mercado único.
O quinto obxectivo sería favorecer unha etiquetaxe harmonizada. O texto propón adoptar un enfoque máis harmonizado. Isto supoñería a redución dos custos e simplificará o comercio a través das fronteiras da UE. Ademais o cambio facilitaría aos consumidores o acceso á información do produto. O sexto obxectivo sería fomentar o turismo vitivinícola. O texto da Comisión afirma que se destinarán axudas ás agrupacións de produtores que xestionan viños protexidos por indicacións xeográficas. Isto, á súa vez, conseguiría contribuír ao desenvolvemento económico das áreas rurais. E o sétimo e último obxectivo sería ampliar a promoción. Proponse ampliar de tres a cinco anos a duración das campañas promocionais financiadas pola UE para promocionar os viños europeos en terceiros países.
Agora, o Parlamento Europeo e o Consello Europeo decidirán se presentan emendas á proposta da Comisión. De ser así deberán poñerse de acordo sobre o contido que finalmente esta terá. A pesar da situación a Comisión non incluíu ningunha medida relacionada cos aranceis dos Estados Unidos na proposta. Pero se finalmente entrasen en vigor asegurou que estudará medidas ulteriores para defender os produtores da Unión.
Comentarios (0)