Galicia ante o futuro orzamento da UE
VANESSA LOBO CASAS · FUNDACIóN GALICIA EUROPA
Nas próximas semanas, a Comisión Europea publicará a súa proposta sobre o marco financeiro plurianual máis aló de 2027. O debate orzamentario é un dos máis importantes na UE e tamén dos máis complexos, esixe a unanimidade no Consello. Os 27 Estados membros deben acordar canto e en que gastar o exiguo orzamento da UE nun período de cinco ou sete anos.
Unha comunicación publicada pola Comisión Europea en febreiro senta xa as bases da proposta: o futuro orzamento debe ter capacidade para dar resposta ás grandes transformacións xeopolíticas en curso, debe ter unha arquitectura máis simple, reflectir de modo máis claro as novas prioridades da UE –en particular a competitividade, a innovación tecnolóxica, a industria de defensa e a autonomía estratéxica– e debe facer fronte ao proceso de ampliación cara o Leste. Pero o que sen dúbida marcará este debate é a devolución dos préstamos emitidos no marco do instrumento NextGenerationEU, con pagos anuais da orde de 25.000 millóns de euros durante 30 anos, o que representa arredor dun 15% do actual orzamento.
Para evitar recortes en cada partida, moitas voces reclaman un aumento dos ingresos, principalmente mediante a introdución de novos recursos propios ou mediante o aumento das achegas dos Estados membros. Ademais, ante as novas prioridades, as políticas tradicionais da UE –a agrícola e a rexional–, que agora copan case dous terzos do orzamento, poderían verse diminuídas ou ben reorientadas cara as novas prioridades, como foi o caso nos últimos anos, en que a UE botou man dos recursos da política rexional para facer fronte ás sucesivas crises que tivo que enfrontar (pandemia, crise enerxética, guerra de Ucraína…).
Outro dos temas que provoca máis discusión é a proposta de que os recursos que se preasignan aos Estados membros, e que se corresponden con esas dúas políticas “tradicionais”, estean baixo un mesmo plan nacional único, inspirándose na experiencia previa dos plans de recuperación e resiliencia. A longo prazo, isto podería poñer en perigo os programas rexionais dos fondos estruturais, como os actuais programas FEDER e FSE+ Galicia.
En todo este debate, dende a Fundación Galicia Europa estamos traballando en diferentes frontes en Bruxelas para defender unha política de cohesión que siga contando cun orzamento forte e que sitúe ás rexións no centro do seu deseño e aplicación. O Comité Europeo das Rexións, por un lado, foi a primeira institución en pronunciarse sobre este asunto e en maio adoptou unha resolución coa incorporación de cinco emendas galegas. Participamos en redes, como a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas ou a de rexións afectadas polo cambio demográfico, que tamén están a contribuír a este debate con diferentes perspectivas. As propias comunidades autónomas, lideradas por Galicia, acordamos unha posición común na que reclamamos o mantemento dos programas rexionais. E finalmente, unha alianza informal, denominada EURegions4Cohesion, tivo un impacto determinante no debate en Bruxelas ao alertar nunha fase moi temprana da oposición de máis de 140 rexións europeas á posibilidade de centralización dos fondos de cohesión.
Do resultado final deste debate, dependerá a continuidade da política rexional tal e como a entendemos ata agora, e da que tanto se ten beneficiado Galicia dende hai case 40 anos.

Comentarios (0)