O Pacto Europeo polos Océanos: a nova folla de ruta europea apara a xestión de mares e océanos
ISMAEL PéREZ-IZAGUIRRE SOLíS · FUNDACIóN GALICIA EUROPA
O mar volve a estar no centro da axenda política da Unión Europea coa presentación, o pasado 11 de xuño, dunha iniciativa que pode marcar un antes e un despois na relación co medio mariño: o Pacto Europeo polos Océanos. A Comisión Europea deu un paso firme cara á protección e xestión sostible dos mares europeos coa presentación dun pacto que pretende conciliar a preservación dos ecosistemas mariños e a explotación racional dos seus recursos.
Os océanos son moito máis que paisaxe. Tal e como lembra a Comisión Europea, para Europa, e moi especialmente para Galicia, o mar é vida, economía e identidade. Cun litoral que supera os 70.000 quilómetros e con preto do 40 % da súa poboación vivindo en zonas costeiras, a UE ten na chamada “economía azul” un motor estratéxico. A pesca, o transporte marítimo, as enerxías renovables mariñas ou o turismo litoral xeran preto de 5 millóns de empregos e achegan ao redor de 250.000 millóns de euros anuais ao PIB comunitario. No caso de Galicia, o vínculo é aínda máis evidente: a comunidade conta co maior número de quilómetros de costa de España, alberga o principal porto pesqueiro de Europa —o de Vigo— e a súa cultura, gastronomía e forma de vida están estreitamente ligadas ao mar.
A saúde dos mares está en xogo, e a Comisión Europea é consciente das múltiples ameazas que planean sobre o medio mariño: polución, sobrepesca, acidificación, acumulación de plásticos, perda de hábitats e especies... Por iso, o Pacto Europeo polos Océanos estrutura a súa estratexia arredor de catro principios clave:
● De fonte a mar: actuar desde a orixe da contaminación, evitando que chegue ao océano.
● Precaución ante a incerteza: se non hai certeza científica, primar sempre a protección ambiental.
● Ciencia como base: tomar decisións sustentadas en evidencias científicas sólidas.
● Enfoque ecosistémico: entender e xestionar as interaccións entre natureza e actividade humana.
Este novo marco pretende non só preservar a biodiversidade mariña, senón tamén reforzar a resiliencia e competitividade da economía azul; a que a UE aspira a liderar a nivel internacional para que sexa máis coordinada, eficiente e equitativa.
Un dos aspectos máis innovadores do Pacto é o seu enfoque inclusivo. Bruxelas aposta por dar máis protagonismo ás comunidades locais, ás rexións pesqueiras e aos actores que viven e traballan directamente co mar. Galicia, cunha longa tradición mariñeira e un sector pesqueiro estratéxico, poderá ter un papel destacado neste novo escenario.
Ademais, a Comisión anuncia unha revisión profunda da lexislación europea vinculada ao océano, incluída a Directiva sobre ordenación do espazo marítimo, que será adaptada aos principios do novo pacto.
Con esta iniciativa, a UE lanza unha mensaxe clara: os océanos non son inesgotables, e a súa protección é urxente. Non só polo equilibrio ecolóxico, senón tamén polo benestar das futuras xeracións. O Pacto Europeo polos Océanos é un convite a repensar a nosa relación co mar, coidar o que nos sostén e garantir un futuro azul, limpo e sostible para todos.
Comentarios (0)