Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Europe Direct Galicia: a nova ponte entre a UE e a cidadanía galega

PUBLICADO O 01 DE XUñO DE 2026 · (0)



PILAR DEL ORO · MANAGER DE EUROPE DIRECT GALICIA


Europa está máis presente na nosa vida cotiá do que ás veces pensamos. Está nas oportunidades de estudar ou traballar noutro país, nos programas de apoio ás empresas e ás entidades locais, nas políticas ambientais, nos dereitos da cidadanía ou nas decisións que afectan ao futuro económico e social dos nosos territorios. Porén, moitas veces a Unión Europea continúa percibíndose como unha realidade distante, complexa ou difícil de comprender.

Precisamente para achegar Europa á cidadanía nace o novo centro Europe Direct Galicia, unha iniciativa que a Comisión Europea confiou á Fundación Galicia Europa para o período 2026-2030. Unha candidatura valorada como “excelente” polo seu enfoque, pola calidade da estratexia e polo impacto previsto das actividades deseñadas. Este recoñecemento supón tamén unha oportunidade e unha responsabilidade: converter Europe Direct Galicia nun espazo aberto, útil e próximo para toda a sociedade galega.

O novo centro é, ademais, o primeiro Europe Direct de ámbito autonómico en Galicia, un feito especialmente relevante nun contexto no que resulta imprescindible fortalecer os vínculos entre as institucións europeas e a cidadanía. A información rigorosa, accesible e comprensible é hoxe máis necesaria ca nunca. Nun escenario marcado pola sobreinformación e pola desinformación, os centros Europe Direct desempeñan un papel fundamental como puntos de referencia para resolver dúbidas, ofrecer orientación e facilitar o acceso a información europea veraz.

Europa tamén se constrúe desde Galicia.

Desde Europe Direct Galicia queremos contribuír a que a sociedade galega coñeza mellor as políticas e prioridades da Unión Europea, pero tamén fomentar a participación cidadá no debate sobre o futuro do proxecto europeo. A construción da Unión Europea necesita tamén da implicación das rexións, das entidades locais, do tecido asociativo, da mocidade, do ámbito educativo e da cidadanía en xeral.

Para iso, xa estamos a poñer en marcha unha programación de actividades que combina accións presenciais e virtuais, encontros divulgativos, iniciativas formativas e colaboracións con entidades e redes locais. Queremos crear espazos de diálogo e participación que permitan achegar as oportunidades europeas a todos os recunchos de Galicia.

Porque Europa non é algo alleo nin distante. Europa tamén se constrúe desde Galicia.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)