Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“O 90% do profesorado non utiliza as ferramentas tecnolóxicas que proporciona a Xunta”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 16 DE XULLO DE 2017 · (0)




Xurxo Cobelas é asesor didáctico en novas tecnoloxías e fundador de www.iEscola.es, unha pequena empresa "destinada a axudar os colexios a implementar o uso das novas tecnoloxías" en todos os ámbitos. El é outro dos protagonistas da reportaxe deste mes adicada a novos emprendedores. 

Facía falta formar ao profesorado en novas tecnoloxías?

Facía. Ademais de profesor en primaria imparto cursos no Centro de Formación de Recursos da Xunta. Vin que o profesorado non acababa de arrincar con isto e quixen montar algo para botarlles unha man estando pendente, non só cun curso puntual.

Entón, o nivel TIC dos nosos docentes…

É moi baixo. Sobre todo –aínda que pareza o contrario– é máis baixo en secundaria que en primaria. En primaria a xente é máis innovadora pero secundaria, en canto lles ensinas algo novo, sempre din “teño que dar un temario”. Non se dan de conta de que poden dalo doutra forma.

Os colexios que formades son maiormente públicos ou concertados?

Pois temos clientes da pública, concertada e privada. Os centros tamén nos contratan para levar o mantemento informático. O meu socio, Luis, é consultor tecnolóxico.

Ides ou veñen?

Adoitamos movernos porque facilitamos a tarefa. Quedamos unha tarde e impartimos a formación, aínda que tamén damos cursos na nosa sede.

Que é o que máis éxito ten do que facedes?

O DidacTic: levámoslles o mantemento informático e axudamos os profesores co blogue, coa web e coas aplicacións máis útiles. Tamén coa subida de documentos e a xestión da web que dá a Xunta a cada centro. Sempre lles digo que é un escaparate, é o primeiro que mira un pai. É importante que estea actualizada.

Como vos vai?

Pois arrincamos en setembro de 2015 e está a funcionar mellor do esperado. Tampouco lle dedicamos todo o tempo que podemos porque son profesor e o meu socio tamén. Así que estamos a pensar en contratar unha persoa.

Que opinas de programas como Abalar?

Supoño que che gustan… Son moi fan de Abalar, dar un computador a cada neno e a nós unha aula virtual para subir contidos e exames online, pero o 90 % do profesorado non utiliza as ferramentas tecnolóxicas que a Xunta proporciona para educación. Tamén está implantando eDixgal, un proxecto de educación dixital. Levo dous anos como profesor de quinto e os nenos están encantados, aprenden doutra forma e non co método tradicional libros-deberes, que é aburridísimo. Abúrreme ata a min.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 314 – xullo 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)