“Hai cousas que pensabas que non ían funcionar e funcionan. E ao revés”
Nelson Alonso é co-fundador de Carabuñas, "o resultado de moitas tardes e noites de pensar, de moita ilusión e moito traballo". Desde 2011 levan aproveitando os recursos naturais e dándolles valor a través de la transformación. Elaboran conservas e licores con materias primas de calidade de produtores ecolóxicos galegos. Eles tamén son protagonistas da reportaxe deste mes adicada a novos emprendedores.
Eva e máis ti sodes xa expertos en tirar proveito do sabugueiro pero, viñades de traballar no agro ou na alimentación?
Non, traballabamos en campos totalmente diferentes e empezamos a darlle voltas, porque tiñamos ganas de facer un proxecto que estivera vinculado co campo, algo novo. Apareceu a oportunidade e viñemos.
A Vilar de Santos.
Si, somos unha especie de emigrantes dentro do país, chegamos dende As Neves e Salvaterra. Pero somos do rural e queríamos conseguir un proxecto para vivir nel e del.
Como chegastes a esta árbore?
Empezamos probando con marmeladas e, entre as receitas, tiñamos unha con sabugueiro. A resposta foi moi boa e en 2015 decidimos que Carabuñas traballase só sabugueiro. Empezamos a investigar e decatámonos de que en Alemaña, Austria e Inglaterra teñen moitísimos produtos co froito e a flor. Despois veu a xalea e a cervexa, así que imos ampliar a plantación. A mellor decisión foi especializarse en algo que ninguén estaba aproveitando.
Sen embargo toda a vida utilizouse como planta medicinal.
Si, en Galicia moitísimo porque ten moitas propiedades e está vinculada co mundo da maxia. Iso pasa en toda Europa: é unha arbore moi especial. Pero aquí non tiñamos tradición de aproveitala gastronomicamente, só no Caurel facían marmelada e o froito tinxía o viño. Pero nada máis.
É unha planta delicada?
Non, é forte. Pero traballamos coa de aquí, porque en cada zona foise creando unha subespecie. A nosa está totalmente adaptada e non precisa de coidados especiais salvo pola praga de pulgón. E en cultivo e podada os froitos son mellores.
En que investistes máis tempo?
En desenvolver os produtos porque o sabugueiro si que é delicado de traballar. Investimos dous anos e pico só para mellorar receitas. Fixémolo mentres traballabamos noutro sitio, a nosa escola foi traballar moito.
Algún produto novo en mente?
O licor, que está en probas.
Estades contentos coa decisión que tomastes?
Estamos moi contentos. Semellaba unha cousa extravagante pero a acollida foi moi boa. Tamén axudou moito o Forum Gastronómico da Coruña porque déronnos un premio ao sabor máis orixinal. Que un xurado experto diga que está rico, ben feito e ben presentado é moi importante.
(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 314 – xullo 2017)
Comentarios (0)