Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Nadal recupera a luz


Comerciantes, hostaleiros e transportistas agardan nestes días un incremento de actividade


GONZALO FERNÁNDEZ - FOTOS: MONCHO FUENTES · PUBLICADO O 27 DE DECEMBRO DE 2017 · (0)






Despois dunha longa crise, o Nadal leva xa uns anos recuperando o seu brillo. Así o comentan a ECO algúns representantes dos sectores máis relacionados con estas festas, como o comercio a hostalería ou o transporte, que afrontan a campaña deste ano con ilusión e a confianza nunha recuperación económica que aínda perciben lenta. Xunto a eles, coñecidas empresas de recursos humanos, como Adecco, Infojobs e Randstad, prognostican nos seus estudos un importante crecemento do emprego nestas datas, e mesmo sitúan a Galicia entre as comunidades líderes neste aspecto.

Tradicionalmente, a campaña do Nadal vén representando para determinados sectores un dos períodos de máis actividade ao longo do exercicio. Comerciantes, hostaleiros, transportistas e outros profesionais relacionados co ocio ou a alimentación teñen nestes días un forte trafego e unha intensa carga de traballo que lles levan a incrementar as súas ofertas de emprego. Tal é así que distintas empresas adicadas aos recursos humanos, como Adecco, Infojobs ou Randstad, prevén para España uns incrementos do emprego que mesmo van superar os doutras datas similares impulsados pola recuperación económica, situando incluso a Galicia algún deles á cabeza destes aumentos.

Este é o caso de Adecco, que apunta, nas súas previsións para novembro, decembro e xaneiro, que esta comunidade autónoma é a que experimentará un maior crecemento respecto aos mesmos meses de 2016, pois se xerarán un 20,7% máis de postos de traballo que na campaña anterior. En total serán 47.453 empregos os que se crearán nese período, unha cifra netamente superior aos 39.311 de 2016 e que sitúa a este territorio no oitavo lugar en canto a volume total de postos de traballo xerados. Esta clasificación lidéraa Cataluña con 187.610 novas contratacións entre novembro e xaneiro, seguida da Comunidade Valenciana (169.098), Madrid (147.692), Andalucía (139.610) e Murcia (128.153), que son as cinco únicas que superarán os seis díxitos en canto a creación de emprego e que entre elas suman case as tres cuartas partes do emprego que se creará en España nese período. Non obstante, ningunha delas supera á comunidade galega se falamos do incremento respecto ao ano pasado, xa que son do 18,6% no caso catalán, do 13,9% no valenciano, do 16 % no madrileño, do 15,7% no andaluz e 14% no murciano.

Randstad

Cuns incrementos menos pronunciados, quizáis por centrar as súas cálculos exclusivamente na campaña do Nadal, fai as súas previsións Randstad, que apunta para Galicia un aumento do 13,7%, o terceiro máis elevado de toda España só superado polo 14,7% de Asturias e polo 14,4% do País Vasco. En total serán, segundo esta empresa de recursos humanos, 22.095 empregos os que se xeren durante este período, unha cifra significativamente más alta que a do ano pasado (19.435) e máis aínda que a da campaña 2007-2008 (16.388), á que supera nun 34,8%. Esta fonte indica ademais que a provincia de Pontevedra será a que realice máis novas contratacións cun total de 9.295, que supoñen o 42 % das que se van facer en toda a comunidade autónoma, seguida pola Coruña con 8.915 (40,3%), Lugo con 2.315 (10,5%) e Ourense con 1.570 (7,1%). A pesar de ser esta última provincia a que menos postos de traballo vai crear, é a que máis incrementa a xeración de emprego respecto ao mesmo período do ano pasado, cun 16% máis de vacantes, seguida da de Pontevedra (15,1%), a de Lugo (14,2%) e a da Coruña (11,8%).

Ao igual que na campaña do Nadal de 2016, a análise desta empresa de recursos humanos revela que todas as rexións e provincias rexistrarán un incremento da contratación. Por detrás de Asturias, País Vasco e Galicia, aparecen a Comunidade Valenciana cun 12,4 % máis de empregos, Estremadura cun 12,3%, Castela e León cun 11,7%, A Rioxa cun 11,6% e Madrid cun 11,2%. Xunto aos tres anteriores, estes cinco territorios son os únicos que superan a media nacional de aumento, que está no 11,1%. Por debaixo desta porcentaxe atópanse Canarias (11,1%), Cataluña (10,8%), Navarra (10,3 %) e Andalucía (10%), e ocupando os últimos postos da clasificación, con taxas de incremento de só un díxito, están Murcia (9,2%), Aragón (8,7%), Cantabria (8,6%) e Castela-A Mancha (8,4%). Falando en termos absolutos, segundo esta fonte, Andalucía é a autonomía que rexistrará máis contratacións con 75.920, seguida de Cataluña e Madrid con 55.205 e 50.050, respectivamente. Estas tres rexións acumulan o 46,7 % do total de incorporacións da campaña.

As previsións de Randstad para este Nadal tamén revelan un incremento dos postos de traballo ofertados nesta campaña para todas as provincias, pero detecta maiores diferenzas que no ámbito autonómico. Guipúzcoa, cun 18,6 %, será a provincia que máis vexa incrementar o emprego respecto ao mesmo período de 2016, seguida de Cáceres e Tarragona, ambas cun 17%, Álava (16,9%), Almería (16,2%), Ourense (16%) e Pontevedra (15,1%). No lado oposto, cunha previsión inferior ao 7%, están Guadalaxara, Albacete, Huelva e Cuenca.

Infojobs

A terceira fonte consultada, Infojobs, que non ofrece unha análise detallada por territorios máis que para indicar que Madrid con 3.509 vacante e Barcelona con 2.691 son as dúas provincias que encabezan a creación de emprego en Nadal, destaca que as ofertas de traballo para esta campaña se incrementan nun 14,5% respecto ao mesmo período de 2016. En concreto, afirma que entre o 1 de setembro e o 12 de novembro se publicaron na plataforma 9.103 vacantes específicas para este período, 1.148 máis que as rexistradas para os mesmos días de 2016, o que confirma a tendencia positiva do emprego cun crecemento continuado dende 2013.

Máis optimista a nivel nacional amósase aínda o estudo elaborado por Adecco, que prevé un incremento interanual nas contratacións de novembro, decembro e xaneiro do 14,7%. Tras coñecer os bos datos de ocupación dos últimos trimestres, e co recordo dunha tempada estival moi potente, esta empresa agarda unha campaña de contratación en Nadal moi poisitiva, situando o seu pistoletazo de saída no venres 24 de novembro, cando a maioría das grandes superficies comerciais se sumaron aos descontos do black friday americano, co sector do gran consumo e todas as industrias auxiliares coas que opera. En total, agarda que se asinen en España máis de 1.083.400 contratos de posto a disposición (os que realiza o sector). Trátase, segundo di, dunhas cifras históricas, xa que por primeira vez se superará o millón de contratacións neste país para eses meses.

Para o director xeral de Adecco Consulting, Luis Miguel Jiménez, este fito vén ser un reflexo do “momento de crecemento económico” no que nos atopamos, o que, á súa vez, se proxecta na “creación de emprego destes meses”. Este aumento tradúcese, segundo explica, en “catro anos de incrementos interanuais de dous díxitos”, o que vén significar “unha contratación récord que, se ben está moi ligada á estacionalidade da campaña, supón unha porta de entrada ao mercado laboral que pode ser o acceso ao emprego estable”.

Reflexo da economía

Neste sentido, os autores do informe perciben a evolución da contratación vinculada á campaña de Nadal en España como un “fiel reflexo do estado xeral da economía”. Así, comentan que antes da crise, este período supoñía a celebración de contratos por riba dos 600.000, con incrementos interanuais de dous díxitos, e xa en 2006 e 2007 o crecemento comezou a ser máis moderado, “como unha antesala do que sucedería a partir de 2008” co estoupido da recesión e a conseguinte caída da contratación nun 35,6 % neses meses. Por entón a cifra de contratacións quedou por debaixo das 425.000, nun ano que non só foi nefasto para os días do Nadal, senón que supuxo o peor exercicio para o emprego en España, cun medre do paro nun millón de persoas, algo que non se rexistrara nunca antes neste país.

O estudo de Adecco continúa explicando que en 2009 e 2010 houbo certa recuperación con incrementos na contratación durante esta campaña, aínda que o desemprego seguise medrando a nivel xeral en todo o país. Neste escenario, a redución dos cadros de persoal fixo necesario reforzar de novo posicións concretas nestes meses de máis actividade e iso reflictiuse no volume de contratacións. Sen embargo, en 2011 e 2012 volveron descender as ofertas de traballo durante este período e non sería ata a campaña de 2013 cando se volveu impulsar a creación de emprego cun incremento interanual do 19,6%, o maior nunha década.

Desta forma, volvéronse recuperar as cifras de contratación por riba das 630.000 firmas e, dende entón, todos os anos os crecementos foron de dous díxitos, cunha tendencia que parece non cambiará neste Nadal. Neste sentido, o informe conclúe que o crecemento do 14,7% nas contratacións a nivel nacional “supón un fito histórico ao superar a celebración do millón de contratos”, polo que “a campaña será de récord”.

Os mellores datos

A empresa de recursos humanos que prevé un crecemento máis moderado nas ofertas de traballo para este Nadal é Randstad, que prognostica un medre do 11,1 % a nivel nacional. A súa previsión anual de contratación para esta campaña apunta que as boas perspectivas de crecemento económico de España, unidas ao bo comportamento do mercado laboral nos últimos anos, fan que os cálculos para este ano sexan os mellores da historia en termos de creación de emprego. En total, presaxia que se xerarán 387.750 contratos temporais en todo o país […]

(Extracto da reportaxe publicada no número 319 – decembro 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)