Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A economía galega crecerá o dobre que a catalá



REDACCIÓN · PUBLICADO O 25 DE DECEMBRO DE 2017 · (0)




O último informe da Fundación das Caixas de Aforro (Funcas) prevé que a economía galega creza o próximo ano un 3 %, mentres que sitúa a catalá nun 1,7 % polo impacto da incerteza derivada do desafío independentista. Malia que o crecemento galego sería algo inferior ao deste exercicio (3,3 %), Galicia permanecería entre as tres comunidades líderes empatada con Valencia e un pouco por debaixo de Madrid. 

O último informe da Fundación das Caixas de Aforro (Funcas) prevé un crecemento do PIB galego superior á media nacional tanto este ano (un 3,3 %) como o próximo (3 %), polo que a nosa comunidade situaríase nunha porcentaxe que só alcanzan Madrid (que crecerá a un 3,3 %) e a Comunidade Valenciana (que nos iguala no 3 %). No seu informe, a Fundación destaca “a boa marcha do sector industrial”, que foi gañando forza ao longo do ano “cun crecemento dinámico das exportacións –que representan un elevado porcentaxe do PIB galego–, só lixeiramente inferior á media nacional”, e destaca “o empuxe dos sectores de téxtil e confección –que constitúen a súa principal exportación– e derivados do petróleo, mentres que o sector do automóbil (o seu segundo sector exportador– reducía as súas vendas ao exterior”.

Tamén amosan bos resultados os indicadores de servizos “ao contrario do que ocorreu na construción, onde o crecemento da actividade residencial foi modesto en comparación co resto de comunidades autónomas, ao tempo que a obra pública arroxa taxas negativas”, destaca o informe.

As tensións en Cataluña pasan factura

Pese ao pequeno freo no crecemento con respecto a este ano, as previsións de Funcas son máis que positivas para Galicia, que se sitúa bastante por riba da media española, marcada nun 2,6 %, medio punto menos ca este ano debido, precisamente ao repregamento da economía catalá, que pasa do 3,1 % deste ano ao 1,7 % en 2018. Isto restará, segundo o citado documento, tres décimas ao crecemento do PIB nacional, ás que se suman outras dúas pola perda de dinamismo da demanda nacional. Malia que o informe recorda que a cifra “está suxeita a unha elevada incerteza como consecuencia da dificultade para cuantificar o impacto da situación da tensión política derivada dos acontecementos en Cataluña”, a tendencia é similar á anunciada por BBVA Research, que estima no seu observatorio rexional que a situación de tensión restará sete décimas ao crecemento catalán con respecto a un “escenario sen tensións”.

Para Funcas, o grave risco é que a situación se manteña e suceda algo parecido ao vivido en Quebec onde “a repetición de consultas secesionistas nesa provincia provocou un desvío paulatino das inversións cara outros territorios canadenses”. O resultado, indica o informe, “é unha evolución adversa da renda per cápita e do emprego no Quebec” […]

As perdas dos bancos cataláns en Galicia

A situación de incerteza en Cataluña está a ter repercusións visibles en todos os aspectos da economía do país. Tal como puido saber ECO por fontes solventes do ámbito financeiro galego, Sabadell e La Caixa perderon na nosa comunidade arredor de 800 millóns de euros en depósitos, que se repartiron entre Abanca, Santander, BBVA, Bankia e Caixa Rural Galega, entre outros. Unha soa oficina “das pequenas” de La Caixa perdeu en 15 días arredor de 15 millóns de euros, o que dá unha boa idea da situación que están a vivir ambas as dúas entidades nas últimas semanas. Un dos traballadores desa sucursal aseguraba sentirse incapaz de frear “a desconfianza e o enfado dos clientes” mesmo dos que levaban moitos anos con el, ante o que cualificaba como “unha desbandada nunca vista, nin nos peores anos da recesión ou da reconversión bancaria”.

Desde as entidades afectadas, Caixabank e Sabadell, non aportan cifras. A entidade de la Caixa asegura que “non teñen ningunha cantidade” e “dubidan moito de que alguén poida aportar tales cifras”, mentres que desde o Banco Sabadell afirman que a situación “está totalmente normalizada e o que puido pasar en outubro está totalmente recuperado”. Aínda máis, aseguran que a entidade cumpriu os obxectivos para este 2017 en Galicia e que “estamos onde tiñamos que estar”.

Non obstante desde as entidades galegas aseguran que si houbo este trasvase de depósitos e que a maioría dos que decidiron cambiar os seus aforros de entidade aseguraron facelo por “desafección” e tamén pola “incerteza”, ao non estar seguros de “nunha hipotética independencia de Cataluña quedar cubertos polo Fondo de Garantía de Depósitos”.

O que parece claro é que os temidos efectos do proceso de independencia catalán son xa unha realidade que se agrava día a día en todos os niveis da economía e da vida de millóns de persoas.

(Extracto da reportaxe publicada no número 319 – decembro 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)