“A autoxestión enerxética é case unha obriga para unha economía doméstica”
Fernando Blanco é voceiro do Foro Enerxético de Galicia, runha ecente iniciativa de debatecreada en setembro por unha ducia de colegas de profesión. Independentes e, segundo aseguran, “non vinculados a ningunha empresa ou grupo político”, analizan o panorama enerxético galego, achegan ideas e acenden sinais de aviso: temos bos bimbios para xerar máis riqueza da man das renovables, pero cómpre unión.

Que portas se nos abren, ao menos en teoría, coas recentes poxas eléctricas do Ministerio de Industria?
Pois a poxa de maio de 2017 adxudicou uns 3.000 MW eólicos, dos que as empresas con vinculación a Galicia teñen adxudicadas uns 500 MW. Pero as autorizacións pendentes de ser executadas de concursos anteriores e a posibilidade da repotenciación dos parques eólicos máis antigos elevan este potencial ata un 600 MW.
E temos garantidos ter eses 600 MW?
Non, na convocatoria as empresas adxudicatarias teñen certa liberdade para implantar a potencia adxudicada segundo as súas estratexias industriais. Galicia ten como principal vantaxe o mellor recurso eólico de toda a península ibérica, pero este concurso obriga a que tódolos aeroxeneradores adxudicados estean funcionando o 1 de xaneiro de 2020, o que supón un serio problema porque a nosa orografía é complexa. É preciso realizar obras adicionais como ampliar vías de comunicación, xa que algunhas son demasiado estreitas para trasladar os compoñentes. Ademais a posta en funcionamento dos novos parques supón aumentar a potencia das subestacións e, nalgúns casos, construír […]
De telos, canto emprego se xeraría e de que calidade?
A implantación de parques eólicos produce dous tipos de emprego: os temporais para a construción do parque e os estables, que se conservan unha vez que as instalacións están en funcionamento. Entre os primeiros destaca o emprego na fabricación de compoñentes, a mellora das infraestruturas eléctricas e comunicacións, a enxeñería e a instalación dos aeroxeneradores. Na fase de implantación se producirían entre 1.500 e 2.000 postos no bienio 2018-2019 entre directos e indirectos; e unha vez en funcionamento esta cifra quedaría nuns 120 empregos directos no mantemento dos parques. Ademais dos que se producen de forma indirecta, claro.
Palas, torres e turbinas dos muíños asegurades que se poden facer en Galicia. Onde?
As factorías de Gestamp de Carballiño e Emesa de Coirós fabrican torres, as palas eólicas prodúcense na fábrica de Gamesa en As Somozas e os compoñentes en Acebron, As Pontes. En Ferrolterra existe unha forte implantación de fabricantes de multiplicadoras, mantemento e reparacións en torno a Grupo Intaf Promecan, Sincro Mecánica S.L. e o Clúster das Enerxías Renovables de Galicia. Ademais hai empresas transversais como a coruñesa Elinsa, de cadros eléctricos e electrónica de potencia, de I+D como Norvento en Lugo, ou Adelanta e Instra, que son dúas empresas de enxeñería en Ourense e A Coruña. A eólica mariña non está incluída nesta poxa, pero non podemos esquecer que Navantia e Windar Renovables son empresas de referencia mundial en eólica offshore.
Así que non é imposible soñar cun impulso industrial enerxético…
Non claro. Dispoñemos das fábricas de compoñentes que aproveitarían a implantación deses 600 MW, e que podería supoñer un investimento duns 700 millóns de euros. Pero sería moi amplo o espectro beneficiado en Galicia. […]
Como valorades a regulación que hai en España sobre renovables? O mercado está disposto a investir?
Pois os mercados son moi precavidos porque é difícil acadar rendibilidade monetaria. A suspensión das primas e o incremento dos impostos de 2012 desatou unha inseguridade xurídica moi difícil de vencer cando se precisa de incentivos para competir coas fontes convencionais.
E non hai xeito de ter unha enerxía menos custosa?
En España a enerxía é cara porque carecemos de recursos de baixo prezo como os derivados petrolíferos e o gas natural, así que debemos recorrer ás renovables, que son máis limpas pero cun custe de produción máis elevado.
Pero estamos a pagar vía impostos instalacións de renovables que anos atrás eran menos eficientes?
A organización do mercado imputa na tarifa eléctrica custes como a interrumpibilidade, o imposto eléctrico, o sobrecusto dos mercados extrapeninsulares de Canarias, Ceuta, Melilla e Baleares e incluso as primas á produción de electricidade “verde”. E soben o prezo de cada kWh que consumimos e que poderían imputarse a partidas como os orzamentos xerais do Estado. A transición dende as tecnoloxías convencionais é inminente pero os custes económicos son elevadísimos, as renovables teñen un custo inmediato máis elevado que as fontes tradicionais, pero se imputamos os custes medioambientais as tornas cambian.
Dado o perfil habitacional galego, é realmente un investimento rendible a autoxestión enerxética?
Si, claro […]
(Extracto da entrevista publicada no número 319 – decembro 2017)
Comentarios (0)