Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Planificar a longa vellez



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 23 DE MARZO DE 2018 · (0)




As últimas proxeccións de poboación publicadas polo Instituto Galego de Estatística aseguran que, no mellor dos escenarios, en 2031 seremos algo máis de dous millóns e medio de galegos cunha idade media de 50,35 anos. No peor, a perda de poboación superaría o 10 % con case de 282 mil galegos menos. E en calquera escenario a esperanza de vida é de case 83 anos para os homes e 88 para as mulleres, unha lonxevidade que debemos ter presente desde novos.

Cada vez vivimos máis e cada vez somos menos os que cotizamos, polo que é evidente a importancia de pensar no futuro non xa como sociedade senón cada un de nós como individuos, especialmente en Galicia, onde temos unha das menores taxas de fecundidade do mundo e unha das poboacións máis envellecidas. Así o alertaron varios expertos durante a presentación do estudo sobre os efectos da lonxevidade sobre as condutas de aforro privado e gasto público realizado polo Instituto Español de Analistas Financeiros (IEAF) e así o corroboraba novamente uns días despois a última proxección de poboación en Galicia publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Tomando un prazo de 15 anos, ningún dos escenarios que presenta o documento para a Galicia de 2031 é bo. No mellor dos casos, no que a fecundidade aumentaría ata acadar en 2030 a prevista para España, 1,36 fillos por muller (agora mesmo estamos en 1,11) e a entrada de inmigrantes tamén se incrementaría nun 10 %, a poboación galga lograría superar o cifra simbólica dos 2,5 millóns de habitantes. No peor dos escenarios previstos –no que diminuiría a entrada de inmigrantes un 10 % con respecto ás cifras de 2014 e a fecundidade situaríase na media observada na década dos anos noventa– a perda de poboación en Galicia nos próximos 15 anos sería do 10,4 %, case 282.000 persoas menos.

A isto hai que sumarlle que, en calquera dos escenarios previstos, a media de idade dos galegos supera os 50 anos e a esperanza de vida mantense en 82,7 anos para os homes e 87,8 para as mulleres, un progresivo envellecemento que agrava aínda máis a xa inexistente pirámide de poboación que desde hai anos mostra o perfil dun floreiro cada vez máis estreito na base e máis ancho na parte media/alta.

Récord en lonxevidade… e envellecemento

En 2017 os menores de 20 anos representaban menos do 16 % da poboación galega mentres que os maiores de 65 anos eran xa o 24,6 %, unha porcentaxe que se prevé para o conxunto do Estado dentro de 15 anos; é dicir, un de cada catro galegos supera a idade de xubilación.

Para termos unha idea do que implica o envellecemento e o declive demográfico botamos man da serie histórica: en 1981 había en Galicia case 875.000 menores de 20 anos (31,1 % da poboación); arestora os galegos de cero a 19 anos non chegan aos 429.000 (15,8 %), e no ano 2031 quedarían en 335.000 (12,3 %) fronte aos 780.000 galegos maiores de 65 anos (28,7 %).

Unha situación insostible que require cambios e adaptacións urxentes por parte das administracións que moitos expertos consideran que se están demorando máis do axeitado polo custo político que poderían supoñer. Esta demora, que antes ou despois vai afectar ao groso da poboación –esa que arestora conforma o centro da pirámide–, xunto coa constatación de que o mellor dos escenarios seguirá sendo un mal escenario, fai que cada vez sexan máis os que alertan da necesidade de adaptar as economías individuais e familiares a esta nova situación.

(Extracto da reportaxe publicada no número 322 – marzo 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)