Conta atrás na procura da rocha do Apóstolo
Só queda o visto e prace de Patrimonio. O concello de Padrón deu permiso, os cartos para arrincar ponos a propietaria do vermú St. Petroni, e o arqueólogo Andrés Bonilla ten alugado o xeoradar que cómpre. Todo para dar, agochada nun meandro do Sar, coa pedra onde depositaron a Santiago na súa volta dende Palestina.

Nalgún lugar do Campo da Barca debería estar ese fragmento de historia ou de mito, pero os mitos comezan por algo. Segundo as fontes bibliográficas coas que se conta para arrincar con este proxecto –libros de viaxes e estudos que van do século XV ao XVIII– debería estar baixo un meandro deste afluente do Ulla. Sería unha pedra na que a erosión natural formou un sinal de configuración antropomorfa identificada pola tradición popular con aquela na que se tería depositado con agarimo o corpo de Santiago de Zebedeo, morto por decisión de Herodes e que acabaría sendo o patrón de España. Preto tamén podería haber unhas escaleiras e un “humilladeiro”, un lugar devoto que adoita haber ás entradas ou saídas dos pobos.
Hoxe desapareceu todo rastro do meandro xa que a zona foi enchida con áridos na década de 1960 pola canalización do río que se fixo daquela, nivelándose o terreo. Isto reflíctese no material complementario do que se dispón, como planos do ano 1946 co trazado da canalización do meandro e fotografías aéreas da década de 1960. A Asociación Cultural Villa Petroni, promotora do proxecto, conta tamén con fontes gráficas: reproducións de pinturas do século XVI do madrileño Museo Lázaro Galdiano xunto con pezas do Museo de Belas Artes de Murcia: representacións do depósito do Apóstolo na pena que se tenta localizar.
Primeira parte
A zona a prospectar corresponde a un 25 % da totalidade do meandro, a que se pensa que é a que ten máis probabilidades para o achado, unha superficie aproximada duns 1.500 m2. De non atoparse nada, tocaría investigar o resto. “Faríamos un chamamento ás institucións e administracións públicas para que recollan a testemuña e impulsen os traballos de procura no 75 % restante, xa que teñen sobrada capacidade para realizar o despregamento de medios necesarios para levalo a cabo. A importancia que ten o proxecto é tal que transcende persoas e partidos políticos”, afirma Cristina Codesido, empresaria e mecenas propietaria da coñecida marca de vermú Petroni con sede neste concello.
Esta prospección farase con xeo-radar 3D multifrecuencia baixo a dirección do arqueólogo Andrés Bonilla Rodríguez, propietario de PyA, unha empresa especializada en traballos de arqueoloxía e restauración de bens culturais de Teo (A Coruña). Se ben contan con equipos dixitais de alta resolución, fotografía aérea, equipos de medición topográfica e XPS de alta precisión, este modelo concreto de xeoradar que fará o traballo inicial tivérono que subcontratar. Polo demais suman case tres décadas de traballo ao lombo e 400 proxectos para administracións públicas e empresas sempre baixo os criterios da Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) da que forman parte, ademais de ser habituais colabores da USC.
Como funcionan
Os xeoradares XPR son moi utilizados por agrónomos, enxeñeiros, arqueólogos e xeólogos porque teñen a capacidade de localizar obxectos, estruturas e cavidades por baixo do nivel do chan cunha técnica non destrutiva: basicamente transmite ondas electromagnéticas de banda ultra ancha que van atravesando diferentes capas do subsolo provocando unha reflexión. O receptor detecta as reflexións xerando un rexistro do que despois se realiza unha análise posterior. O seu alcance é moito maior que con outro tipo de detectores, a calidade dos datos que obtén e a facilidade para interpretalos –grazas a gráficos cada vez máis completos– fanos ideais para localizar tubaxes enterradas, minas e túneles, fosas sépticas, ocos en paredes, acuíferos, bunkers e refuxios, cofres e estruturas soterradas. Que diso trátase.
Un pobo implicado
Este ilusionante proxecto con carga histórica e relixiosa aúna vontades públicas e privadas e hai moita xente expectante para que comece canto antes. “A tradición popular recolle, polo menos desde o século XV, a existencia desta pedra. O proxecto aválase en si mesmo, xa que todas as fontes escritas están redactadas por testemuñas de excepción cun crédito incuestionable”, explica Ángel Rey Castro, presidente de Villa Petroni. Dende o concello o alcalde afirma a ECO que esta pequena asociación “é un referente cultural de Padrón, está moi implicada coa recuperación da nosa historia e conseguiu sumar ao proxecto a Vermutería de Galicia. Por suposto que desde a administración local non podiamos quedar á marxe dunha iniciativa que pode chegar a ser histórica para o pobo e para Galicia enteira”.
Se se dá atopado a rocha, tocarían posteriores escavacións e a recuperación da peza. Á espera da decisión da Xunta, dende o Concello aseguran estar “expectantes, xa que implica o posible achado dun importante vestixio arqueolóxico que pode marcar un antes e un despois na nosa historia”. Toca contar con que os tempos da administración galega vaian algo máis lixeiros que os relativos a outra petición feita pola mesma asociación cultural. En 2011 solicitaran á Xunta a declaración da ermida do Santiaguiño do Monte como Ben de Interese Cultural (BIC) e seguen a esperar.
(Extracto da reportaxe publicada no número 322 – marzo 2018)
Comentarios (0)