Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Olimpio Pérez e os inicios da Compostela moderna



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 11 DE MAIO DE 2018 · (0)




A Banca Olimpio Pérez é parte da historia económica e empresarial de Galicia, pero tamén da memoria sentimental de Santiago de Compostela. Así queda reflectido nun libro que acaba de ver a luz no que o autor, Xoán López Facal, fai unha aproximación á historia recente da capital galega “a través dunha importante familia de banqueiros e dunhas figuras que o tempo foi ennobrecendo”.

O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia veñen de editar o libro Olimpio Pérez. Unha historia da Compostela moderna, no que Xoán López Facal detalla todo o relativo á Banca Olimpio Pérez: negocios, contas, volume e composición da súa carteira de valores, a rede de relacións financeiras etc.

O autor, que é enxeñeiro industrial e doutor en Ciencias Económicas pola universidade compostelá, quere que esta obra sirva para “contribuír a un mellor coñecemento da nosa historia económica”, pero tamén como “unha homenaxe sentimental á cidade de Santiago de Compostela e unha aproximación á súa historia recente a través dunha importante familia de banqueiros e dunhas figuras que o tempo foi ennobrecendo”. No primeiro capítulo o autor fai un retrato da sociedade compostelá decimonónica, onde non faltan personaxes como Rosalía de Castro, de aí o de “homenaxe sentimental”.

O libro naceu como resultado da súa tese de doutoramento, titulada “O Banco de Olimpio Pérez, 1880-1936” que obrigou o autor a “perseguir documentos desordenados, espallados polos estantes do subterráneo da sede de Cervantes e os almacéns do Banco Gallego na Coruña, polo Arquivo Histórico do Banco de Bilbao no barrio bilbaíno do Arenal –que garda a documentación do Banco da Coruña– e tamén polo Banco de España”. Malia iso, López Facal asegura que o arquivo bancario do “banco de don Olimpio” –como era coñecido en toda a comarca compostelá e mesmo no resto de Galicia–, é “probablemente o máis completo de España”.

Un exhaustivo labor de documentación sobre a empresa pero tamén sobre a historia moderna de Santiago que se teceu, en gran medida, nas oficinas que o pai de Olimpio Pérez, o empresario rioxano Manuel Pérez Sáenz, abrira en plena praza de Cervantes en 1845. Unha casa que o seu sogro, o acomodado comerciante compostelán Francisco Rodríguez Arijón adquirira tres anos antes e que, ademais de acoller os negocios da familia, sería a vivenda na que creceu Olimpio Pérez.

Unha sede en activo

Esa casa, hoxe convertida no Centro Abanca Obra Social, acolleu precisamente a presentación do libro, na que participaron, ademais do autor e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, e a xerente e o responsable de Publicacións deste organismo, Belén Hernández e Juan Conde.

Segundo López Facal, Olimpio Pérez era un home “piadoso, familiar e moi compostelán”. Dedicou toda a súa vida á familia, aos negocios e á cidade na que viviu. De feito, a diferenza doutras entidades da época, a súa só tivo unha sucursal fóra de Santiago: a de Vilagarcía de Arousa, polo seu porto e a relación coa emigración en América, de onde proviñan boa parte dos seus fondos. Aínda que tamén mantivo relacións comerciais con capitais europeas como Londres e París, o que demostra que se trata xa dunha “banca moderna que non se limitaba aos depósitos e créditos”, algo que tamén se manifesta nos investimentos que fixo “en empresas galegas como as eléctricas”, destaca o autor.

Olimpio Pérez morreu o 7 de marzo de 1915, deixando unha familia numerosa composta por once fillos e 32 netos. Nese momento era o presidente da Caja de Ahorros de Santiago, que el mesmo axudara a fundar. Finou nun contexto de incerteza social e económica, debido á guerra en Europa. Malia iso os novos xestores lograron manter a entidade, pola que pasaron ata seis xeracións da familia ata que no ano 1965, xa baixo o nome Banco de Hijos de Olimpio Pérez, S.A., foi absorbida polo Banco de Crédito e Inversiones, que en 1987 pasou a ser coñecido como Banco Gallego. Tras pasar a mans das caixas, en marzo de 2013 o banco foi nacionalizado e un mes despois o Estado vendíao en poxa pública por un euro ao Banco Sabadell, que levou a cabo unha integración total aínda que en Galicia as oficinas do Banco Gallego e as que operaban na comunidade coa marca SabadellAtlántico pasaron a denominarse SabadellGallego. O último vestixio corporativo da familia Pérez pasaba a diluírse nun banco catalán cun custo para as arcas públicas de 325 millóns de euros.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)