Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Por unha persoa que hai tentando desenvolver actividade no campo, hai vinte funcionarios e lexisladores poñendo normas”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 27 DE XUñO DE 2018 · (0)




Un rural respectado, vivo e con futuro. Sobre todo con futuro, fóra de mitos. Esta é a consigna coa que varias organizacións agrarias, forestais e da caza e pesca de Galicia chamaron a sociedade a unirse á manifestación convocada en Santiago na defensa do rural. José Manuel Iglesias, presidente do Clúster da Madeira teno claro: “Non existen opcións enfrontadas, o inimigo común é o abandono”.

Como xurdiu a idea desta manifestación conxunta?

Podemos dicir que foi espontánea. Chegoume a noticia de varias organizacións forestais e, como levamos tempo traballando con elas e compartindo valores, hai que ser coherente.

Foi difícil conseguir reunir a xente tan diversa para implicarse?

Non, porque nesta causa do recoñecemento social para o rural todos estamos de acordo e, aínda que temos as nosas diferenzas, tamén un obxectivo común: todos somos necesarios. Precisamos dos cortalumes gratuítos que supón a actividade gandeira, dos cazadores, porque senón é imposible controlar os xabarís que esnaquizan cultivos e praderías; ademais, a caza xera actividade económica. Os pescadores son tamén os máis preocupados en manter a saúde dos nosos ríos, e o sector forestal converte unha bomba de biomasa en fonte de riqueza.

Algo co que non todo o mundo concorda….

Só os que levan o cesto saben o que pesa. Moita xente con pouca cultura do rural di o que hai que facer e eu dígolles: “Oe, pois estupendo, vinde e investide aquí, que hai moitas aldeas por habitar”. Por que non arriman o ombreiro no canto de dar consellos? Este 3 de xuño en Santiago vimos a mulleres enxeñeiras que, como dicía Víctor Freixanes, van divertirse ao teatro, a un pub, e calzan as katiuskas para defender o legado dos antepasados. É xente que sabe, literalmente, a terra que pisa e que non vive de consignas. O rural vive de realidades, de comer todos os días. Dicíao Neiras Vilas: “A aldea é a catedral da nosa cultura”. E estalle pasando como ás vilas aztecas, cúbreas a selva. E a ninguén lle preocupa, ao revés, cada vez facemos que a vida no rural sexa máis difícil. Por unha persoa que hai tentada a desenvolver actividade no campo hai 20 funcionarios e lexisladores poñendo máis normas. Estamos a disuadir. Ás veces ata pensamos que hai un interese oculto en que se abandone o campo para que alguén o teña despois a un prezo módico.

Pero hai conselleiros con familias gandeiras, non hai consciencia do complicado que é?

Cando me preguntan se partidos e institucións nos fan caso sempre digo que a culpa foi nosa, porque deixamos que xente que non ten ningún coñecemento ocupase os medios e o espazo público. Hai que contrarrestar esa ignorancia, que non hai noutros países, reivindicando a dignidade do habitante do rural. Os partidos van onde están os votos e seguen a posverdade. En privado dannos a razón, pero despois encóllense de ombreiros e dinnos que teñen que seguir o que din os medios e a xente cunha “cultura Bambi”, que parece que todo debe ser un parque natural. E está ben que os haxa, pero debemos ter os que nos podamos permitir.

Por?

Porque nos concellos onde hai Rede Natura é onde hai máis paro, máis incendios e máis ruína. As estatísticas están aí. Como no Parque Natural do Xurés. Ese é o paradoxo dos parques naturais, que arden polos catro custados. Mentres onde hai economía non arde o monte. Esa é a realidade.

Riqueza natural e económica sempre compatibles?

Claro! Hai que ter biodiversidade pero non lle podemos cargar ao gandeiro o custo do lobo. Se o compensamos, entre todos cústanos 10 céntimos e podemos ter unha gandaría puxante e lobos. Temos que facer que o rural sexa un paraíso fiscal e que teña seguridade xurídica. Non temos petróleo, pero agora pode ser a nosa oportunidade coa bioeconomía, temos un territorio co que nos bendeciu a natureza, universidades de onde saen moi bos profesionais, segmentos de valor como os rematantes de madeira, capital galego comprometido que quere investir aquí, mesmo fondos verdes. E vaino a desperdiciar Galicia porque todo o mundo opina e cada vez hai máis leis e inseguridade xurídica?

(Entrevista publicada no número 325 – xuño 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)