Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

De nota



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 04 DE SETEMBRO DE 2018 · (0)




Este ano batéronse todos os récords nas Catas Oficiais de Viños e Augardentes de Galicia: por inscritos, con 363 mostras de viños brancos e tintos; e por adegas, con 169 das cinco denominacións galegas. En augardente e licores concursaron 42 mostras de 18 empresas. Estes son os ouros.

Viticultores, adegueiros, enólogos e catadores citáronse este verán nun dos máis importantes mosteiros románicos da Ribeira Sacra e, dende 2004, Parador Nacional: Santo Estevo de Ribas de Sil. Cara o tramo final do río, cando as augas están a piques de mesturarse coas do Miño, é coñecida terra de viños coa maior concentración de igrexas e mosteiros románicos de pedra granítica, e o lugar escollido para a edición deste ano das Catas Oficiais de Viños e Augardentes de Galicia, a cita máis importante para o noso sector.

O que fai con este veterano certame a Consellería do Medio Rural (XXX edición de Viños, XX de Augardentes e VII de licores tradicionais) é identificar e premiar os mellores caldos elaborados con uvas autóctonas. O veredicto final chegaba tras as “Catas a cegas” realizadas durante os días 18, 19, 20 e 21 de xuño. Houbo medallas de ouro, prata e bronce, pero fixemos a escolma dos mellores.

MELLOR VIÑO TINTO DE GALICIA

Acio de Ouro. Crego e Monaguillo. www.cregoemonaguillo.com

Dende a aldea da Salgueira, na comarca de Monterrei, levan máis de 50 anos facendo tres viños: Crego e Monaguillo Mencía, Crego e Monaguillo Godello, e Father 1943. En xullo de 2017 falecía o coñecido fundador da adega, o pai paúl Ernesto Atanes, que durante 46 anos exerceu como capelán en Londres. O seu sobriño segue co legado deste home, de feito entre os dous renovaron as instalacións da adega familiar. Este tinto de mencía, arauxa e merenzao é dos máis demandados na hostalería.

 

MELLOR VIÑO BRANCO DE GALICIA

Acio de Ouro. Veiga da Princesa. Adegas Veiga da Princesa. www.pazodomar.com/bodega-veiga-da-princesa

Este grupo adegueiro tamén recolleu outro premio ao mellor branco de Monterrei; pero ten a honra de levar o do mellor branco galego polo traballo feito nunha leira plantada en 2002 tras máis de dous anos de reunir, parcela a parcela, a máis de 70 propietarios distintos. Este viño en concreto procede dunha de 18 hectáreas no Condado de Tea, dentro da denominación Rías Baixas. De produción limitada, o viñedo en espaldeira permite que os acios estean perfectamente aireados e asoleados, e o terreo granítico evita gran parte dos tratamentos fitosanitarios dando como resultado mostos de baixa acidez de forma natural.

 

D.O. RIBEIRO

Acio de Ouro (Brancos). Adega Manuel Rojo. www.adegamanuelrojo.com

Viño de autor, de elaboración artesá e con embotellado tardío selectivo. Producen 10.000 botellas de branco e 3.000 de tinto. Levan traballando dende 2003 aínda que a tradición de viticultores remóntase aos anos cincuenta, cos pais do actual propietario. A escasos quilómetros de Ribadavia xunto ao Arnoia, a adega conta con case unha hectárea de terreo con cepas centenarias e rigorosos controis de calidade. Grazas a elas traballan cunha excelente materia prima con evidentes bos resultados. Teñen espazo para visitas, sala de catas e  terraza con vistas.

 

D.O. VALDEORRAS

Acio de Ouro (Tintos). RUCHEL SECRETOS, Adegas Ruchel. vinosruchel.com.

Esta adega creada en 1989 está liderada e dirixida pola familia López Ferrer, pero o enólogo e responsable de viticultura é Luciano Amoedo. En 1998 ampliouse a adega para vender tintos cun gran resultado: en 2010 realizouse outra ampliación das instalacións para dobrar a capacidade de elaboración. Dende entón elaboran unha media de 250.000 botellas godello e mencía, en 25 depósitos de aceiro e con tres marcas no mercado. “Traballamos con persoas e empresas da contorna e evitamos envases e compoñentes non reciclables”.

 

Acio de Ouro (Brancos). D ́BERNA.
Guitián e Blanco. www.bodegasdberna.com 

“Fai máis dun século, o meu bisavó Manuel Guitián, puxo as primeiras plantacións nas ladeiras de Córgomo e eu, xunto á miña esposa, quixemos seguir esta longa tradición”. Hoxe producen 120.000 botellas anuais, 60 % godello e 40 % mencía. Defenden o godello novo, un viño que está a obter moi boa acollida no mercado, mentres en mencía traballan dúas elaboracións. Os viñedos que abastecen a D´Berna son nun 90 % propios, con cepas que roldan os 30 anos. As uvas restantes son parcelas veciñas ben situadas na cara sur.

 

D.O. RÍAS BAIXAS

Acio de Ouro (Brancos). Adega Santiago Ruiz. bodegasantiagoruiz.com

Antes de que existise a D.O. Rías Baixas, na subzona do Rosal xa se elaboraba viño para consumo doméstico, costume que tamén existía na casa de Santiago Ruíz. A tradición desta familia remóntase a 1860 e hoxe o legado continúao Rosa Ruiz.  “Preservamos o chan e controlamos a erosión con abonos orgánicos, xestionamos residuos, contribuímos á flora con cobertura entre as fileiras do viñedo e eliminando pesticidas”. Teñen unha pequena adega experimental na viña en microdepósitos, aos que Luísa Freire, a enóloga da adega, chama “os nenos”.

 

D.O. RIBEIRA SACRA

Acio de Ouro (Tintos). PEZA DO REI, Adega Cachín, S.C. www.adegacachin.com

A Casa Branca convidouno en 2015 por ser o autor do viño elixido para a cea da hispanidade, así que Obama ceou con este tinto cuxas cepas medran á sombra do Mosteiro de San Paio, en Abeleda. César Enriquez Diéguez e familia comezaron co soño de recuperar unha bela ladeira con historia, da cal saían as uvas coas que satisfacían os diezmos aos reis de Castela. Hoxe cultivan oito hectáreas. Xa desde as súas orixes a filosofía é basear a elaboración nunha coidada viticultura realizando ao longo da década dos 90 unha reconversión dos viñedos.

 

D.O. MONTERREI

Acio de Ouro (Brancos). ALMA DE AUTOR (Godello). Adegas Pazo das Tapias. www.pazodomar.com/bodega-pazo-das-tapias

O Grupo Pazo do Mar ten tres adegas e a de Pazo das Tapias foi fundada en 2006 cando a Familia Méndez mércaa no medio do seu propio viñedo, “probablemente o mellor da D.O. Monterrei por antigüidade e formación da cepa”, afirman. A capacidade é de 500.000 litros, brancos e tintos novos, con máis de 60 viticultores externos. “Únenos a eles contratos a longo prazo”. Os viñedos foron plantado a comezos dos oitenta en dous tipos de chan, a ladeira areosa plantada de godello, e a zona sedimentaria, onde medra a mencía.

 

I.X.P. VIÑOS DA TERRA

Acio de Ouro. OS AREEIROS (Albariño). Guillermo Martínez Pintos. osareeiros.com

Nesta casa rural e adega entre Vigo e Pontevedra as cepas son centenarias. En 2005 pasaron das antigas prensas, como a lagareta, a modernos emparrados, prensa neumática, fermentación controlada e estabilización en frío. En 2017, coa “ IXP Ribeiras do Morrazo”, -tras unha longa negociación - o promotor e principal impulsor Guillermo Martínez, xerente , conseguiu que se recoñecese á uva albariña cultivada nas beiras do Morrazo como produto de calidade excepcional. Medra nun chan de granito, feldespatos, arxila e dominio areoso que lle dá porosidade.

 

VIÑOS DE COLLEITEIRO E PEQUENAS ADEGAS

ACIO DE OURO (Tintos). SABATELIVS (Mencía) Adegas Lareu. www.adegaslareu.com.

Dende Chantada, un dos corazóns da Ribeira Sacra do Miño, Primitivo Lareu é o orgulloso propietario que continua co traballo da familia. Herdeiro da adega, hai anos decidiu abandonar a súa vida laboral para volver aos acios e facer un viño artesán de nota un pouco máis traballado do que se fixera ata ese momento.  Un privilexiado que goza co que fai cada día coidando cepas de máis de cincuenta anos que xa eran da familia xunto a outras novas. Cando teñen plantación nova, ata o cuarto ou quinto ano non aproveitan a colleita.

 

ACIO DE OURO (Brancos). DON RICARDO, (albariño). Adega Lagar da Cachada. lagardacachada.com

Dende Cambados traballa dúas marcas: Lagar da Cachada e Don Ricardo, a premiada, creada en 2013. “É un albariño de edición limitada de 2.647 botellas ao que lle damos os mellores coidados e dedicamos mais tempo, xa que recibe o nome en honra ao noso avó, o primeiro en producir barricas”, explican. O anagrama da adega é un dragón como símbolo do traballo familiar. A uva procede de parcelas propias excepto o 10 % da produción, de familias da zona. Acollen visitas para amosar as instalacións e explicar o proceso da elaboración.

 

VIÑOS DE ELABORACIÓNS CON MADEIRA

Acio de Ouro. RAMÓN DO CASAR NOBRE 2016 (Treixadura). Adega Ramón do Casar. ramondocasar.es.

A finais dos anos 20 nace en Ourense Ramón González Figueiredo nunha casa de labranza. En 1955 emigra a Venezuela e conseguiu ir mercando pequenas leiras na zona onde se criou. Veiga Bela en 1976, e San Salvador de Vide, presidida por unha casa de dous pisos. Durante décadas a terra mantívose en barbecho e adoptouse un marco de plantación que asegurase a mellor ventilación. En 2013 vería a luz unha adega  que confía o labor de creación a un mozo enólogo galego, Pablo Estévez, cun recoñecido palmarés e apaixonante proxección.

 

VIÑOS DE COLLEITAS ANTERIORES

ACIO DE OURO. ALTER 2016 (Treixadura, Godello e Loureira). Priorado de Razamonde. alter-vino.com/es/priorato-de-razamonde

A 20 minutos de Ourense atópase un viñedo rehabilitado na contorna dun edificio do século XVII con adega, oficinas e salas de reunións. O que era un viñedo familiar dunha hectárea terminou neste espazo renovado grazas a un proceso de concentración con 28 hectáreas. As viñas están plantadas en espaldeira, o que permite o laboreo por medios mecánicos. Reprantaron variedades antigas que deran gran fama por Europa aos viños da rexión no século  XVI. “En 2012 demos o salto ao mercado baixo a dirección técnica do enólogo Pablo Estévez. Os nosos viños son o noso orgullo”.

 

VIÑOS ECOLÓXICOS

ACIO DE OURO. CORISCA (Albariño). Adegas Corisca. bodegascorisca.com/es

Traballan catro hectáreas de albariño na subzona do condado de Tea e son a segunda xeración dunha tradición familiar, “os viñedos son tratados sen produtos químicos nin herbicidas, só abonos naturais”. Están en emparrado, evitando a humidade e mellorando a aireación e a maduración. As cepas de mais de 35 anos son coidadas de maneira tradicional tanto na poda, no atado con bimbio… “A fermentación é natural, faise un control de temperatura, unha trasfega e unha posterior crianza durante tres ou catro meses. E outra trasfega previa ao embotellado, pero non antes de maio”.

 

I.X.P. AUGARDENTE DE GALICIA

POTE DE OURO. MARTÍN CÓDAX Bodegas Martín Códax, S.A.U. www.martincodax.com

A coñecida adega fai tamén licor de herbas e licor café pero desta vez foi premiada polo seu augardente branco de bagazos de albariño cunha destilación de vapor a ritmo lento. Con toques de mazá, herbas e froitas exóticas valórase a súa redondez e a relación calidade-prezo inmellorable. Esta adega, das máis coñecidas, naceu en 1986 e ten a dous grandes traballando: Katia Álvarez e Luciano Amoedo. Katia é enóloga e Luciano a novena xeración dunha familia dedicada á profesión, promotor da D.O. Rías Baixas e fundador da adega.

 

I.X.P. LICOR CAFÉ DE GALICIA

POTE DE OURO. SEGREL
Adegas Pablo Padín www.pablopadin.com

Na década dos 80 a familia Padín-Garrido arrincou cun pequeno proxecto no Salnés para comercializar albariño no mercado rexional. O punto de inflexión chegou en 1989, cando a empresa de Manuel e Carmen transfórmase cunha mellor infraestrutura, tecnoloxía e un gran equipo. Baixo a marca Segrel fan oruxos brancos, licor de herbas e licor café. Este último harmonizando dous produtos de altísima calidade: bagazo de Galicia e café de Colombia. O resultado é de premio.

 

I.X.P. LICOR DE HERBAS DE GALICIA

POTE DE OURO. SEGREL,
 Adegas Pablo Padín. www.pablopadin.com

O bo traballo cos licores das adegas de Pablo Padín fanos merecedores doutro premio este ano, desta vez a un licor con máis de vinte herbas e sementes aromáticas, destiladas xunto coa pulpa da uva albariño. Ao bebelo áchanse matices identificables como herbas do campo, manzanilla e menta, aroma do pexego e flores de agradable dulzor. O concello de Meaño, situado entre Sanxenxo, Cambados, Ribadumia e Meis, é a sede onde traballa esta adega.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)