Máis de 600 mil vacinas antigripais para “contaxiar enerxía”
“Contaxia a túa enerxía e non a gripe” é o lema da campaña de vacinación contra a gripe que ten en marcha a Consellería de Sanidade, que este ano investiu máis de 2,1 millóns de euros na adquisición de 608.000 doses de vacina antigripal, 48.000 máis que na pasada campaña.
O pasado 22 de outubro deu comezo a campaña de vacinación antigripal da Consellería de Sanidade. Ata o 28 deste mes de decembro as galegas e galegos terán á súa disposición 608.000 doses e 900 puntos de vacinación, co obxectivo lograr a máxima protección antes da chegada do virus a Galicia.
Entre as novidades da campaña deste ano, que leva por lema Contaxia a túa enerxía e non a gripe, destaca a utilización da vacina antigripal tetravalente, indicada para mulleres embarazadas e menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco. En total hai dispoñibles 23.000 doses desta vacina, unha das tres que se están a administrar en Galicia. Outra é a de antíxenos de superficie inactivados con adxuvante, indicada para as persoas de 75 ou máis anos e tamén para as ingresadas en residencias con máis de 65 anos, xa que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo que adoita ter maior risco de complicacións. E a terceira é a vacina convencional, que é unha antigripal inactivada de antíxenos de superficie que pode ser utilizada a partir dos 5 anos de idade.
Quen debe poñer esta vacina
A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase ás persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
A vacina antigripal non só evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe. O obxectivo de Sanidade é acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 anos igual ou superior ao 35 %, conseguir unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos igual ou superior ao 65 %, e superar o 40 % de cobertura entre os traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e mulleres embarazadas.
Información á poboación
As persoas que teñen a aplicación informática VACGAL recibirán os avisos do inicio da campaña. Esta ferramenta, unha app gratuíta da Consellería de Sanidade, iniciouse en abril deste ano poñendo a disposición da cidadanía información fiable e personalizada sobre o calendario vacinal por medio dos seus dispositivos móbiles.
A partir da terceira semana da campaña, tamén se desenvolve o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa. Os profesionais de enfermería chamarán á poboación entre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina a esa altura da campaña. Ademais establécense axendas de citación especial para vacinación e realizarase vacinación aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.
Deste xeito agárdanse superar os datos da pasada campaña, na que se administraron máis de 539.00 doses e se acadou unha cobertura global nas persoas de 65 ou máis anos do 58 % —dous puntos máis que na anterior—, mentres que entre o persoal sanitario do Sergas a suba foi de 5 puntos ao chegar ao 38,85 %. No marco do programa para fomentar a vacinación antigripal entre a poboación mediante chamada por parte dos profesionais de enfermería realizáronse 35.445 chamadas e acudiron a vacinarse 5.244 destas persoas, un 14,8 %, o que tamén supón un notable incremento con respecto a 2016, cando acudiron o 11,5 % das persoas avisadas.
(Extracto da reportaxe publicada no número 331 - decembro 2018)
Comentarios (0)