Sen argamasa
Nos muros incas e construcións mesopotámicas, zigzagueando polos vellos montes galegos, de media España e de Europa, as construcións en pedra seca, levantadas con tanto oficio e acerto unindo pezas sen morteiro que levan séculos en pé, xa están protexidas pola Unesco. Hórreos incluídos.
Bancais, muros, represas, chozas, por suposto os hórreos, pozos e muíños… case todos seguen en pé mesmo se o seu abandono foi total. E fanno só pola pericia na correcta disposición das pedras –na nosa terra de gratino–, que tiveron aqueles homes que buscaron e atoparon o máximo contacto entre elas, deixando o resto do traballo á forza da gravidade.
Dende o pasado novembro a dignísima arquitectura en pedra seca galega está incluída na lista representativa do patrimonio inmaterial da Unesco como parte dunha candidatura conxunta de oito países europeos na que participou España, que a ten estendida sobre todo en zonas de montaña. De aí que o Ministerio de Cultura e Deporte presentase unha candidatura conxunta con Galicia, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura, Cataluña e Valencia, integrada con tradicións construtivas similares de Grecia, Chipre, Suíza, Croacia, Eslovenia, Francia e Italia.
Que supón o recoñecemento?
A inclusión na lista da Unesco que se fixo a finais do pasado novembro tradúcese no compromiso dos países na execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades locais poidan ter as condicións para o seu mantemento. Cómpre lembrar que para os propietarios de bens construídos con esta técnica a inclusión na lista non vai supoñer requisitos adicionais á hora do mantemento máis aló dos existentes na lexislación vixente. Iso si: a Xunta poderá ditar instrucións, recomendacións e suxestións así como fomentar este sistema a través de programas.
Que é?
Os paramentos construídos a oso ou en seco son unha técnica moi antiga que prescinde de calquera argamasa ou morteiro e que transmítese a través do oficio dos canteiros e da experiencia local. O obxectivo do experto construtor é conseguir a máxima estabilidade para o que selecciona, coloca e traba cada unha das pedras, mesmo devastándoas se cómpre.
O oficio esixe intuición e adaptación ao material –xa que non é o mesmo traballar o granito que unha pedra caliza–, ter en conta os ocos, a forma da pedra e atención á pendente. Traballando co que había durante centos de anos os habitantes de contornas rurais galegas foron levantando muros, peches e construcións para diferentes usos, basicamente agrarios e gandeiros que era o que se precisaba para o día a día: pombais, hórreos, pendellos, foxos do lobo ou muíños; exemplos que todos vemos espallados polo territorio e que coñecemos pero que resulta especialmente relevante nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, Terra Chá e a Ribeira Sacra.
A lei do Patrimonio Cultural de Galicia asume a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial: usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas. Entre elas, as artesanais tradicionais, produtivas e procesos como esta técnica de construción. Para identificar o seu estado a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural afirma que mantivo contactos con canteiros profesionais que manteñen o coñecemento da técnica, coa Escola de Canteiros de Pontevedra e con responsables da protección do patrimonio de varias comunidades autónomas que contan con el. Foi con esta recompilación global de datos como se preparou a candidatura internacional.
Como ben explica a que probablemente sexa a mellor revista de arquitectura e construción de España, Tectónica 7, “a xunta seca pódese considerar como o procedemento máis elemental de unión en arquitectura, á vez que representa, paradoxalmente, o grao máis sofisticado alcanzado polos sistemas construtivos”. Seguro que cando volvamos a botar unha ollada a eses muros tan nosos, facémolo doutro xeito.
(Extracto da reportaxe publicada no número 332 - xaneiro 2019)
Comentarios (0)