A eficacia das augas termais nas infeccións respiratorias infantís
Un traballo científico e de investigación sobre a eficacia das augas termais no tratamento das infeccións respiratorias infantís recibiu o IX Premio Internacional Marcial Campos á Investigación Termal 2016-2017. Os tres médicos italianos responsables do estudo recolleron o galardón en Santiago de Compostela.
O Hostal dos Reis Católicos acolleu a entrega do premio aos tres médicos italianos responsables do estudo Infeccións respiratorias recorrentes na idade pediátrica: Attilio Varricchio, Enrico Ascione e Fausto Bonsignori.
A investigación foi realizada nos baños napolitanos de Agnano, onde se probou a efectividade dos tratamentos termais na infancia. Na práctica, ao tratar o nariz con auga termal, redúcense as infeccións do tracto respiratorio, e esta investigación conxunta dos tres facultativos é unha demostración do ben que funcionan os tratamentos con augas mineiro-medicinais para estes casos.
O xurado destacou da investigación premiada as calidades de rigor, orixinalidade e relevancia de conclusións. O certame, dotado con 10.000 euros, está convocado conxuntamente pola Sociedade Internacional de Técnica Hidrotermal (SITH), a Organización Mundial do Termalismo (OMTh) e a Sociedade Internacional de Hidroloxía Médica (ISMH), entidades que procuran a investigación científica e a difusión do termalismo, en colaboración co Balneario Termas de Cuntis cuxo conselleiro-delegado, Andrés Campos Calvo-Sotelo, destacou a balneoterapia como unha práctica médica moi popular.
Industria, medicina e lecer
“As augas termais son usadas en preto de 130 países, estimándose nuns cen millóns de persoas as que acoden a centros balnearios ao ano, movendo unha industria de preto de 50.000 millóns de euros a nivel global”, indicou Andrés Campos referíndose “exclusivamente á actividade de centros con augas mineiro-medicinais e excluíndo toda a actividade de spas ou centros wellness. España ocuparía ao redor da décima posición no mundo”.
Así mesmo, o presidente da SITH ligou a evolución deste sector ao progresivo envellecemento da poboación e ao crecemento exponencial de custos sanitarios. “A correcta utilización das augas termais, a investigación sobre novos usos e técnicas de aplicación e a educación dos cidadáns e autoridades nas súas bondades constitúen retos que é necesario abordar para atender satisfactoriamente o crecente número de usuarios dos balnearios”, apostilou Campos, á vez que se refería á contribución do premio na promoción e recoñecemento da investigación termal.
Campos recordou a figura de seu pai, Marcial Campos, que dá nome ao premio, como impulsor do termalismo en España e no mundo, así como do concepto de vila termal no que Galicia é xa un referente: “A imaxe de calidade e profesionalidade que Galicia construíu ao redor da balneoterapia é un feito e un activo a conservar”.
Comentarios (0)