"Queremos recuperar o lugar que nos corresponde no tecido comercial de cada poboación"
Calquera consumidor da península pode mercar xa produtos das prazas de abastos galegas e telos na casa en 24 horas. Isto é posible grazas a unha novidosa iniciativa coa que a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) quere ampliar o negocio dos socios e os servizos que dan aos clientes. Falamos co seu presidente, Javier Paz Jueguen.
Cando nace Fepragal e para que se pon en marcha unha asociación deste tipo?
Nace no ano 2010. Nese momento eramos xa oito asociacións de prazas de abastos de poboacións inferiores a 20 000 habitantes e tiñamos a necesidade de facernos ver, e tamén de ser escoitados por determinados organismos, sobre todo municipais, xa que estes edificios son de xestión municipal. Poro outro lado, xa detectabamos a necesidade de concienciar os compañeiros sobre a importancia de adaptarnos ás novas fórmulas de venta e de tratamento dos nosos produtos.
É entón a modernización o principal obxectivo da federación?
Digamos que o noso principal obxectivo é recuperar o lugar que nos corresponde dentro do tecido comercial de cada poboación. E aí inflúen moitos factores.
A cantos socios representades actualmente?
Agora mesmo somos 15 asociacións das provincias de Pontevedra e da Coruña, e incluso xa temos compañeiros de prazas das propias capitais de provincia. Agora mesmo somos en torno a 400 socios.
Cales son os principais problemas aos que se enfrontan hoxe en día os praceiros galegos?
A pasividade das administracións locais ante a necesidade de modernización das instalacións, e tamén a pasividade de compañeiras e compañeiros aos que lles custa ver a necesidade de cambios, de modernizar o servizo aos clientes.
Cal é o cliente “tipo” das prazas galegas?
Neste momento ten unha media de idade alta de luns a venres, e as fins de semana isto cambia, polo que vimos cal era o problema: non damos servizo no horario que estes clientes necesitan.
Acabades de pór en marcha unha plataforma de venda por internet de produtos das prazas galegas. Como xorde este proxecto e como o fixestes realidade?
Xorde precisamente desta necesidade, de cubrir ese espazo. Queremos chegar a todos os fogares, pero tamén a profesionais e queremos, sobre todo, seguir sendo innovadores.
O impacto do comercio electrónico é evidente en todos os ámbitos, pero tamén se aprecia nos últimos tempos o gusto polo consumo de produtos de proximidade. Notádelo así nos mercados?
Por suposto! Por este motivo traballamos moito cos nosos compañeiros e, coa axuda da Xunta de Galicia creamos ese portal de vendas que é algo pioneiro pero cuxa principal vantaxe para nós é a gran variedade de produtos que ofrece, a mesma que hai nos nosos mercados. E coa mesma calidade e frescura! Somos moi conscientes da necesidade de ampliar a franxa horaria de servizo aos nosos clientes, e agardamos pouco a pouco conseguir edificios modernos que nos permitan mellorar este tema. Polo momento xa temos moitos socios en rede ofrecendo os seus produtos, e esperamos que sexa un éxito polo que invitamos a todas as persoas que lean isto a visitar ese portal e ver o que hai. Seguro que lles vai interesar.
Había algún precedente, coñeciades algún proxecto similar?
Non que nós souberamos.
Como acolleron unha idea tan novidosa os praceiros?
A acollida foi marabillosa e estamos super-ilusionados. Aínda que sempre hai algunha reticencia ao descoñecido, neste momento estamos encantados.
Que perfil teñen os vendedores que están arestora na plataforma?
O perfil principal é de xente nova, relevos xeracionais e emprendedores con novos tipos de produtos, fundamentalmente do noso mar, da nosa gandería e da nosa horta.
Falabas de gran variedade de produtos. Que se pode atopar agora mesmo na plataforma?
Peixe, marisco, produtos da horta, tenreira galega, polo, porco, delicatessen… de todo!
Parece case unha contradición mercar produtos de “praza” por internet, pero é verdade que ademais de trato persoal a calidade dos produtos galegos “vende” por si soa. Quen credes que vai ser o perfil de cliente online? Será moi diferente do que vai ás prazas?
Será diferente, si, pero esperamos non perder esa esencia de recoñecer o vendedor que che está servindo.
Tedes algunha estimación de canto debería facturar a plataforma para ser viable o servizo?
Polo momento non.
Credes que a viabilidade do comercio pasa necesariamente pola venda online?
Creo que é un complemento.
Está moi de moda a conversión das prazas de abastos en prazas de hostalería. Como valorades isto?
Pódese convivir, pero hai que deixar claro que as prazas son lugares de venda de produtos, non de hostalería.
Tedes algún outro proxecto en marcha?
Algo hai por aí, pero aínda sen callar…
(Entrevista publicada no número 335 - abril 2019)
Comentarios (0)