Máis madeira
Hai futuro forestal rendible ademais da celulosa? Mentres se despexa a dúbida moitos produtores galegos aseguran que aínda que pechase Ence-Pontevedra venderán igual a Portucel ou a Ence en Asturias. Pero o sector xa decidiufomentar as frondosas e otear o gran horizonte que asoma para unha materia prima renovable. As posibilidades son máis das que imaxinamos.
Ence-Pontevedra estima que trasladarse suporíalle 185 millóns, dos cales di ter investidos xa 40 tras a prórroga de 60 anos que a Avogacía do Estado pediulle a Audiencia Nacional que anule. O posible impacto do peche, segundo varias fontes, poderían ser uns 5.000 empregos indirectos, 800 en Pontevedra e municipios limítrofes, preto de 2.100 no ámbito forestal e 3.000 restantes en áreas industriais, loxística, aproveitamento, transporte e transformación da madeira. Gran parte dos produtores madeireiros aos que compra Ence son particulares, agrupados en asociacións ou cooperativas moitas no norte.
Pero tamén hai comunidades de montes -que tradicionalmente xestionan menos eucalipto que os propietarios particulares como recollen os datos anexos na infografía- que non parecen tan preocupados, cren que de haber peche só suporía máis custo de transporte no camiño das outras celulosas próximas, léase Portucel (hoxe Navigator Company) e Ence Asturias. A portuguesa, de feito, ten o seu propio proxecto de silvicultura en Galicia través de arrendamento de leiras sen explotar pero xa poboadas de eucaliptos.
Ouro branco
Para moitos produtores o papel é ouro, malia o mundo dixital a previsión é de incremento do consumo deste material e derivados a nivel planetario -aumentou en España un 5,6 % en 2017 segundo Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón- o que fai que, por lóxica, as empresas tenten garantir a subministración de materia prima de fronte ao futuro. Pero, non hai máis vida que a celulosa dos eucaliptos? Por suposto que si. Pódense conseguir cada vez máis bosques de frondosas se se rendibilizan outras producións conseguindo ao tempo un medio de vida digno para a xente que queira vivir non só no campo, senón del. Porque ser funcionario da Deputación, poñamos, e vivir nunha casa con horta e piscina non conta como poboación rural. Non polo menos a que cómpre: aquela implicada coa xestión e coidado dunha contorna da que saca o sustento.
CONÍFERAS. Das grandes protagonistas desa bioeconomía que tanto podemos desenvolver aquí. Hai oportunidade de mercado en Europa para a madeira de piñeiro: sobe a demanda en grandes superficies comerciais, equipamentos e en construción nun contexto de revalorizació pola súa calidez e sostibilidade. Os baixos prezos dos últimos anos provocaron que as plantacións perdesen terreo pero xa se traballa en formular un plan de restauración dos montes de coníferas no que poidan participar propietarios forestais, empresas e industriainteresada. A Xunta destina sete millóns de euros este 2019 á plantación de piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras con fondos que deberían aproveitar 200 beneficiarios.
BIOMASA. A empresa Biomasa Forestal puxo en marcha o ano pasado dúas novas liñas produtivas en As Pontes para a fabricación de achas e gránulos de madeira cos fondos para a reindustrialización de Ferrolterra, Eume e Ortegal do Ministerio de Industria. Mentres, cun investimento de 125 millóns, a compañía galega Greenalia levanta en Teixeiro (A Coruña), a maior planta de biomasa de España que se prevé funcione en 2020: xerará 324 GWh ao ano a partir de residuos forestais recollidos nun radio de cen quilómetros. E un consorcio de empresas galegas desenvolve un sistema portátil de xeración de enerxía termoeléctrica a partir de biomasa: Genesal, Energy, Norvento e Allarluz. O prototipo presentado en xaneiro de Pyrogaz funciona con biomasa local e de forma autónoma.
PLÁSTICOS. Xa se mira á madeira como o substituto natural dos derivados do petróleo: unha materia prima que ninguén nega que abaratou miles de produtos e o cómodo que nos fai a vida, pero cuxo impacto ambiental non compensa Os piñeirais tamén poderían ser a base para substituír plásticos e mesmo fibras como o algodón. Científicos do Centro de Tecnoloxías Químicas Sustentables (CSCT) da Universidade de Bath xa crearon un plástico renovable a partir dun produto que se atopa nas agullas dos piñeiros, e o mellor é que é aproveitando un produto de refugallo. Os investigadores esperan que o plástico se poida utilizar nunha variedade de aplicacións, incluíndo embalaxe de alimentos, bolsas de plástico e mesmo implantes médicos. E é totalmente biodegradable nun prazo relativamente breve.
RESINA. O aproveitamento resineiro, case un descoñecido a pesar da súa longa tradición, xa que serviu como complemento das economías rurais. Os compradores de hoxe? tras o paso de varios procesos industriais obtéñense moitos produtos para vernices, pinturas, disolventes, insecticidas, xabón, papel, ou goma de mascar. As grandes posibilidades da súa composición ábrenlle máis posibilidades. A Asociación de Resineiros de Galicia AREGA 16 organiza xornadas e obradoiros de difusión. A resina pode aproveitarse sen que se resinta a utilidade final da madeira, cunha xestión ordenada de piñeirais en comarcas de condicións favorables. É un sector incipiente en Galicia pero que duplicou en 2018 a súa produción ao pasar dos 30.000 piñeiros resinados en 2017 a 60.000.
RAÑACEOS. Thimotéé Boitouzet, CEO da empresa gala Woodoo, asegura que o “século XXI será o da madeira na construción”. A súa firma logrou crear unha ignífuga, translúcida, a proba de auga e mellorada a nivel molecular coa que se poderían construir ata rañaceos. “Usando materiais locais é totalmente sostible e require dúas veces menos enerxía que o cemento e 130 veces menos que o aceiro”. Como o fan? extraen a lignina da madeira –substancia que forma da parede celular de moitas células vexetais e dálle dureza e resistencia- para que sexa suave e flexible. Despois insértase resina vexetal. “A madeira é o único material de construción que medra por si mesmo pero tiña catro limitacións: pode arder, apodrecer, ten unha resistencia limitada e é cara, pero agora podemos modificala a escala molecular e dotala de novas propiedades”. O prezo pode ser competitivo porque usan madeira de baixa calidade.
(Extracto da reportaxe publicada no número 335 - abril 2019)
Comentarios (0)