“Desde os sistemas de certificación forestal, canto máis se corta máis bosques hai”
O sector da madeira galego podería ter, por fin, as condicións para o despegue. Administración, investigación e toda a cadea gremial comparten obxectivos ante un século XXI onde esta materia ten enormes perspectivas de crecemento, e en moitos máis ámbitos dos que se pensa. Traballan pola recuperación das coníferas e porque a madeira sexa motor económico dese rural do que tanta xente se laiase polo abandono, pero ao que moitos menos lle procuran saídas reais para vivir nel. Falamos de todo isto con José Carballo, presidente de Monte Industria e conselleiro delegado de Finsa.
Cre que son un sector apreciado socialmente ou segue visto como un gremio distorsionador do medio?
Temos dificultades en que moitos veciños perciban que a nosa cadea é a que lle proporciona a cociña da casa, os mobles do baño, o dormitorio coas mesiñas e armarios, a decoración do hotel de vacacións, a mesa da oficina… Que todo iso dámosllo con materias sustentables, en gran parte con produtos reciclados. Sen esta alternativa todo iso habería que facelo de plástico, aceiro, cemento… materiais non sustentables e cunhas necesidades de enerxía para fabricalos desproporcionadamente superiores. Desde que os sistemas de certificación forestal garanten a sustentabilidade –isto é que non se corta máis do que se planta– canto máis se corta, máis bosques hai. […]
Semella que o sector vive un momento esperanzador.
Hoxe hai condicións para que a cadea, as universidades e a administración traballemos xuntos, con transparencia e con toda a sociedade galega en todos estes eixos e isto é grandioso. Xamais pasou en Galicia neste sector cada vez máis estratéxico e de máis potencial. Pero está case todo por facer, aínda que estamos no camiño. Non se pode planificar a 40 anos sen antes saber onde estás e onde queres ir.
É sabido que a produción de eucalipto é a de maiores rendementos polo seu desenvolvemento industrial. Pero as coníferas? Son rendibles? O sector asinou con 51 axentes un plan para recuperar o piñeiro. Que medidas ides tomar?
A cadea púxose á fronte precisamente para ofrecer aos propietarios alternativas rendibles á plantación de eucalipto, porque hai aspectos da bioeconomía que non se poden desenvolver sen coníferas de calidade. Por iso está a ultimarse a creación dunha Fundación da cadea madeireira para a mellora e revitalización das coníferas en Galicia, con programas de formación, mellora xenética, calidade e marketing, fondos privados e esperemos que públicos. Queremos rexenerar a xenética e a comercialización […]
Os eucaliptos que consome ENCE concentra o 60 % das curtas en 2017, mentres que as coníferas quedan no 38 %. Hai problema de abastecemento de madeira para a industria que utiliza piñeiro?
O propósito de Galicia para este sector clave para nosa economía non pode nin debe ser as necesidades dunha empresa concreta. A reflexión ten que ser: un dos problemas de Galicia é a falta de desenvolvemento económico nas tres cuartas partes do territorio e iso trae moitas consecuencias. Máis concentración da poboación na costa, menos habitantes no interior, abandono e incendios. A madeira é o material do século XXI non só nas utilizacións que coñecemos, senón tamén no téxtil e transporte, para substituír aos derivados do petróleo, o aceiro, o cemento, o aluminio… Porque volve crecer, é sustentable, e Galicia ten condicións para producila e levar economía ao rural.
O Goberno galego defende que a expansión do eucalipto é artificial, non natural, e rebate a argumentación do Concello de Teo de que os 300 millóns de euros de beneficio anual repártense entre poucos produtores. Quen está máis preto da verdade?
A pregunta daría para un monográfico. Apuntarei dous datos: a economía da que fala, 300 millóns de euros, é o que perciben os propietarios –80.000 galegos, cada ano–, pero con base nesa actividade. A cadea xera máis de 2.000 millóns en Galicia: rematantes, viveiros, xestores do monte, serradoiros, taboleiros, portas, carpinteiros, cociñas, baños e contract.
Como van convivir o bosque comercial galego e o non comercial?
Xa o están facendo. Pero neste momento o bosque non comercial sopórtano exclusivamente os seus donos e cada día está máis abandonado porque o propietario, ao non sacar proveito, abandónao por falta de recursos. A sociedade ten que prepararse para asumir custos e poder protexer o noso monte.
(Extracto da entrevista publicada no número 335 - abril 2019)
Comentarios (0)