Retiro terreal
Chega en breve setembro. Un mes perfecto para ir deixando os areais e coñecer algún dos mosteiros galegos do Císter, a orde francesa que renunciou á paixón iconográfica románica e prosperou en terras hispanas. Hoxe temos 16 deles en pé, algúns con vida monacal activa e hospedaxe para quen busque, de verdade, desconexión.
En realidade, o traballo de Mestre Mateo no Pórtico e nas bóvedas de crucería da cripta apuntaban xa ao ocaso do románico. E se ben o gótico ten as meirandes obras en terras de Castela e da Coroa de Aragón –sen desmerecer a fermosa catedral de Tui–, os primeiros días do agromar cisterciense, a medio camiño entre as dúas linguaxes, deixaron aquí fecunda pegada. Sen dúbida un dos grandes benfeitores da orde foi o rei Fernando II de León (1157-1188). Durante o seu reinado o Mestre Mateo recibiu unha pensión vitalicia e o papa Alejandro III concedeu o Ano Santo Xacobeo. Nado en Benavente (Zamora) e enterrado na catedral de Santiago, foi tamén quen outorgou cartas forais a Padrón, Ribadavia, Noia, Pontevedra, Tui e Lugo; sen dúbida é un dos monarcas máis importantes para esta terra.
O seu fillo, Alfonso IX, sería o último rei de León xa que o neto, Fernado III o Santo, uniu xa para sempre este reino co de Castela. E foi neses días de novas construcións políticas cando a orde cisterciense, apegada a unha forma de vida feudal e rural, comeza a verse substituída por ordes mendicantes coma os franciscanos, cun asentamento esencialmente urbano xa no século XIII. Pero no XVII, e grazas ao labor Congregación de Castela, viviu o Císter un segundo renacer co financiamento de reformas que acabaron moitas veces coas primitivas fábricas medievais para ser substituídas por outras do gusto do Renacemento e Barroco. Era o acaído ás datas.
Por iso, cando visitemos estes edificios, percorremos diferentes períodos da arte como pasa na propia Catedral compostelá, que loce unha fachada na que se traballou dende 1650 ata 1750 e que pouco ten que ver coa orixinal románica do XII. Estas construcións, non o esquezamos, atravesan séculos de historia –desamortizacións do XIX incluídas– e iso queda reflectido na súa pel. Vexamos agora oito dos mosteiros do Císter que máis paga a pena coñecer.
- MOSTEIRO DE OSEIRA
- REAL MOSTEIRO DE OIA
- MOSTEIRO FERREIRA DE PANTÓN
- MOSTEIRO DE ARMENTEIRA
- SANTA MARIA DE ACIVEIRO
- SANTA MARÍA DE MEIRA
- MOSTEIRO DE MELÓN
- SOBRADO DOS MONXES
(Extracto da reportaxe publicada no número 339 - agosto 2019)
Comentarios (0)