Que vai pasar coa economía?
Tanto o Consello Galego de Economistas como o Foro Económico de Galicia presentaron os últimos informes relativos á situación económica, e en ambos os dous os termos máis repetidos son “desaceleración”, “moderación” ou “arrefriamento”. Unha situación que se aprecia arestora e que os economistas galegos cren que se acentuará nos meses finais do ano.

Case o 80 % dos colexiados consultados polo Consello Galego de Economistas cren que a economía arrefriará nos próximos meses fronte ao 18,5 % que cre que se manterá nos parámetros actuais. E entre os máis pesimistas, o 17,7 % considera que a caída será “importante” (gráfico 1). É unha das conclusións do último Barómetro de Economía que elabora periodicamente a institución que agrupa os colexios de economistas galegos e que no informe do primeiro semestre do ano incluíu unha pregunta sobre este tema dentro do bloque dedicado a cuestións de actualidade.
Por provincias, Lugo e A Coruña destacan como as máis pesimistas. En Lugo o 90,63 % dos enquisados cre que a situación irá a peor, e na Coruña o 83,34 %, mentres que Pontevedra móstrase como a máis optimista, cun 69,57 % e Ourense queda nun posto intermedio cun 74,51 %. Non obstante, entre os economistas ourensáns atópase a maior porcentaxe maior no apartado máis negativo, os que cren que a caída será “importante” (un 25,5 %). Tampouco sae mellor parada a comparación co ano anterior: só o 22,8 % dos economistas galegos perciben a situación como “mellor” fronte ao 54,7 % que a ve “igual” e ao 20,8 % que cualifica como “peor”.
Por sector de actividade, os traballadores que perciben a economía de maneira máis negativa proveñen da industria (88,6), administración pública (82,9) e servizos (82,7). Son os colexiados que traballan no sector da construción, banca e servizos os que teñen unha percepción máis positiva sobre a evolución económica, mentres que xubilados e asalariados do sector privado móstranse máis negativos: o 26,7 % dos xubilados e o 22 % dos asalariados do sector privado consideran a situación peor ca do ano pasado.
Entre os xubilados atopamos os dous extremos en canto ás previsións de cara a final de ano. Son os máis optimistas cun 33,3 % que considera que a situación seguirá igual –fronte ao 22,7 % dos asalariados do sector privado, o 18,2 % dos do sector público, o 13,5 % dos empresarios e/ou conta propia e o 10 % dos parados–, pero son tamén os máis pesimistas, cun 26,7 % que considera que o arrefriamento da economía será importante (gráfico 2).
Principais problemas da economía galega
O paro e a inadecuada dimensión das empresas galegas ocupan os primeiros postos dos problemas que afronta a economía galega, seguíndolle de preto o déficit de infraestruturas e comunicacións, un tema “especialmente perentorio para os colexiados de Lugo”, mentres que o problema do paro ten maior incidencia na provincia de Ourense e a dimensión das empresas preocupa máis aos colexiados de Pontevedra. Pola contra, a cotización do euro, o acceso a internet, o prezo dos combustibles ou a escaseza de crédito, están á cola na lista de preocupacións preferentes neste momento.
Con respecto ao problema do paro, o Barómetro volveu consultar sobre as medidas que os colexiados galegos consideran máis necesarias para fomentar o emprego e lograr un reforzamento do tecido empresarial de Galicia. Ao igual que en informes anteriores, a maior puntuación foi para a mellora do sistema educativo (8,6 sobre 10), seguida da creación de novos nichos de emprego (8 sobre 10) ou a captación de investimento estranxeiro (7,8 sobre 10).
Vivenda e prezos
As tensións inflacionistas e a evolución dos prezos foi outro dos temas suscitados nesta análise da situación económica. Sobre esta cuestión, a maioría dos profesionais (54,1 %) declaran que “están estabilizados, pero nalgúns produtos empezo a observar subas destacables dos prezos”. Os colexiados de Lugo son os máis rotundos na valoración sobre a estabilidade dos prezos (73,4 %), seguidos de Pontevedra (55,4 %), Ourense (54,9 %) e A Coruña (44,4 %). Son os colectivos de xubilados e asalariados do sector público os máis críticos coa estabilidade dos prezos.
A vivenda tamén ocupa un espazo propio no primeiro barómetro de 2019. É maioritaria a opinión de que a vivenda se está revitalizando, aínda que os prezos soben só en zonas moi concretas (43 %). Pola súa banda, o 29,9 % considera que os prezos empezan a subir de modo xeneralizado e o 6,8 % sostén que o mercado permanece conxelado. A posición optimista sobre a revitalización do mercado da vivenda localízase preferentemente nas provincias de Ourense (82,6 %) e A Coruña (77,7 %).
Comentarios (0)