Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Comparto esa indignación con todos os que teñen constatado que Sánchez nos enganou”



TERESA ROCAMONDE FOTOS: MIGUEL MUñIZ E PODEMOS · PUBLICADO O 06 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)




O secretario xeral de Podemos Galicia repetirá como cabeza de lista de Galicia En Común pola provincia da Coruña, onde parece que Carolina Bescansa –a quen derrotou nas primarias de Podemos– se presenta por Más País, o partido de Errejón. Un hándicap engadido para a coalición que aspira a manter os dous representantes logrados en abril, o propio Antón Gómez-Reino pola Coruña e Yolanda Díaz (EU) por Pontevedra. O máximo responsable da formación violeta en Galicia asegura compartir “a estupefacción, a indignación e o malestar da cidadanía” pero considera que é unha boa oportunidade para “explicar o traballo que levamos feito no Congreso” e lograr “unha mensaxe clara de cambio en favor dun Goberno progresista”.

Como acaeu en Podemos Galicia a nova convocatoria electoral?

Esperábamos que o PSOE entendera que o 28-A o electorado apostou por un Goberno de coalición. E nós pretendemos que ese Goberno tivera protagonismo e presenza de Galicia, para poñer en marcha as políticas necesarias para conseguir que este país sexa máis xusto, solidario, igualitario, feminista e comprometido co medio ambiente. Pero Pedro Sánchez entendeu que non había que atender ao que democraticamente ordenou esa maioría social, que en Galicia representa En Común, senón aos intereses do poder económico.

Que implica para Galicia unha nova cita electoral?

Implica que os cidadáns terán que volver a votar para dicirlle a Pedro Sánchez que un dos preceptos básicos dun Estado democrático é respectar o que expresa a maioría das cidadás, aínda que iso moleste a unha minoría de poderosos. E en Galicia, en particular, servirá para que o PSOE reflexione e asuma que calquera alternativa ao Goberno da dereita ten que contar co espazo de unidade popular que nós representamos. Porque non haberá alternativa a Feijóo en Galicia se o PSOE tamén nega aquí a posibilidade dun Goberno de progreso coas forzas que representamos o espazo de unidade popular. Alguén imaxina que Caballero actuara en Galicia igual que Sánchez? Ese sería o mellor regalo para Feijóo.

Cre que a sociedade entende unha nova convocatoria?

Comparto absolutamente a estupefacción, a indignación e o malestar da cidadanía ante a repetición electoral. Pero estou seguro de que o 10 de novembro haberá unha maioría social que se expresará con contundencia a favor dun Goberno de forzas progresistas, no que Galicia, a través de En Común, terá un papel decisivo e fundamental.

Como afronta a súa organización esta nova cita electoral?

Con ilusión e con ganas, pero conscientes da percepción que está sentindo a cidadanía. Vemos esta convocatoria como unha oportunidade de explicar o traballo que levamos feito no Congreso en beneficio das maiores sociais de Galicia, pero tamén a afrontamos con absoluto respecto o malestar da cidadanía, que deixou un mandato claro o 28-A e non entende que se incumpra e se repitan as eleccións. Como dixen, comparto esa indignación con todos os que teñen constatado que Sánchez nos enganou, e que practicamente desde a mesma noite electoral xa tiña descartado formar Goberno coas formacións progresistas como Galicia En Común.

A quen cre que pode beneficiar máis a nova convocatoria?

Se somos quen de mobilizar a quen agora pensa que non vai votar pola indignación e o desánimo que lles provoca a repetición electoral, a maior beneficiaria será a maioría social que aposta por un Goberno progresista e de unidade popular. Temos a oportunidade de dicirlle aos poderosos que, aínda que non durman tranquilos, quen decide a formación e a composición dun Goberno non son eles, senón o pobo. Pola contra, tememos un auxe da dereita, que ante a irresponsabilidade desta nova convocatoria pode acabar no Goberno upada pola ultradereita.

E a quen cre que vai prexudicar en maior medida?

Gustaríame que estas eleccións prexudicaran a quen defende os privilexios dos poderosos fronte aos intereses da maioría; a quen apoia a pervivencia das estruturas machistas da sociedade amparando a violencia machista; a quen pon en perigo a vida, a saúde e o benestar da cidadanía recortando e case eliminando a inversión en sanidade, educación e servizos sociais; a quen condena a millóns de cidadáns a vivir con pensións e salarios de miseria; a quen fomenta a destrución do medio ambiente e o maltrato animal...

Cre que o resultado do 10-N variará moito do obtido en abril á hora de poder formar Goberno?

Agardo que o 10 de novembro a cidadanía dea unha mensaxe clara de cambio en favor dun Goberno progresista no que Galicia, a través de En Común, estea no centro das decisións.

E en Galicia, cre que se manterán as tendencias do 28-A e das municipais de maio ou agardan cambios tras o sucedido nas últimas semanas?

O que creo é que a cidadanía galega vaille dar a Galicia En Común o respaldo necesario para que Galicia sexa decisiva na formación e na composición do próximo Goberno de España.

Que se xoga Galicia nestes novos comicios?

Xogámonos contar cun Goberno que aposte polo noso tecido industrial e impida que multinacionais como Alcoa deixen na rúa a centenares de familias traballadoras. Que garanta por lei unhas pensións dignas para que Galicia deixe de ser a comunidade cos subsidios máis baixos de toda España. Que combata a precariedade laboral e que impida que milleiros de traballadores, especialmente os máis novos, teñan que vivir con salarios de miseria. Que defenda os nosos sectores produtivos e entenda que son parte fundamental non só da nosa economía, senón da nosa forma de vida. Que afronte definitivamente o reto demográfico para evitar que Galicia se converta nunha comunidade envellecida e incapaz de garantir o relevo xeracional. Que defenda o feminismo e os dereitos da muller para lograr unha sociedade xusta e igualitaria. Que poña en marcha de inmediato medidas contra o cambio climático, que en Galicia pasan por un novo modelo forestal ao servizo da protección do medio ambiente e a explotación racional do monte, e non ao servizo dos beneficios dunha multinacional. Iso é parte do que nos xogamos.

Como cre que afectará todo isto ás autonómicas galegas?

Se a cidadanía galega lanza o 10-N unha mensaxe clara e contundente a favor dun Goberno de forzas progresistas, empezará a conta atrás da era Feijóo na Xunta.

(Entrevista publicada no número 341 - outubro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)