Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“O único cambio real pasa por facernos valer como país”



TERESA ROCAMONDE FOTOS: BNG · PUBLICADO O 06 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)




Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego asegura non estar sorprendida ante a repetición das eleccións tras o “sainete lamentábel” das “forzas políticas españolas”. Por iso a máxima responsable do BNG apela a lograr“unha representación propia e digna” da sociedade galega como a que teñen “vascos, cataláns, valencianas, canarias, cántabros…”. E para iso considera imprescindible a presenza do BNG en Madrid, mellorando os 94.433 votos conseguidos en abril. A candidatura do BNG ao Congreso estará encabezada por Nestor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra).

Como acaeu no BNG a nova convocatoria electoral?

Non nos sorprendeu. Estivemos asistindo a un capítulo máis do sainete lamentábel que representan as forzas políticas españolas desde hai anos que demostra a súa incompetencia e inutilidade. É unha irresponsabilidade, mais víase vir. PSOE e Podemos non chegan a acordos porque non lles interesa: poñen sempre por diante os seus intereses partidarios, o seu tacticismo electoral e os seus egos persoais aos intereses da sociedade, que quere e necesita xustamente o contrario: seriedade e altura na acción política, en favor da maioría.

Que implica para Galicia unha nova cita electoral?

Temos a ocasión de converter nunha oportunidade para Galiza o problema que crearon as forzas estatais. No BNG imos trasladar unha mensaxe clara: nada de resignación que leve á pasividade ou a quedar na casa: hai que transformar a decepción e o enfado desa grande maioría de persoas nunha aposta forte por recuperar voz propia para o noso país, a través do BNG. Toca traballar con toda a forza e toda a ilusión de devolver á sociedade galega unha representación propia e digna en Madrid. E percibimos que desta vez vaise dar.

Cre que a sociedade entende unha nova convocatoria?

Claramente non, e é normal. No BNG comprendemos e compartimos o sentir da grande maioría da sociedade con respecto á nova convocatoria, e cremos que é un resultado do ridículo e do grao de irresponsabilidade dos partidos españois. A xente está farta da irresponsabilidade e frivolidade coa que actúan, a dereita e a esquerda. E comprendemos e percibimos en especial a decepción e o enfado das persoas votantes de PSOE e Unidas Podemos, moitas delas votaron a eses partidos no seu día pola súa apelación ao “voto útil fronte a dereita”. Xa se viu para que.

Como afronta a súa organización esta nova cita electoral?

Xa o dicía anteriormente: con toda a forza e toda a ilusión para devolver á sociedade galega unha representación propia e digna en Madrid. Unha voz propia que a día de hoxe teñen  vascos, cataláns, valencianas, canarias, cántabros… Estamos convencidas de que o BNG vai garantilo, estamos en condicións de facelo e percibimos que moita xente que nas pasadas xerais votou outras forzas desta volta vai apostar polo BNG, por moitos motivos.

A quen cre que pode beneficiar máis a nova convocatoria?

Nós imos ofrecer unha alternativa diferente, clara, seria e recoñecible fronte ao circo da política española, que estamos seguros de que vai ser castigado nas urnas por moita xente que está farta de ver como se frivoliza e xoga co seu voto. En Galiza temos a oportunidade de actuar diferente, e de facelo cun voto de esquerda, transformador, a unha forza política seria e responsábel como o BNG, que dará voz propia a Galiza, sen complexos e con absoluta firmeza na defensa da sociedade galega.

E a quen cre que vai prexudicar en maior medida?

[Non hai resposta]

Cre que o resultado do 10-N variará moito do obtido en abril á hora de poder formar Goberno?

Veremos, nin queremos nin debemos facer de adiviños. O que está claro é que para Galiza a chave non son as variacións que poida haber entre os partidos españois, senón se imos ter representación propia de país, para defender os nosos intereses, ou imos aceptar ser menos que moitas outras comunidades e nacións.

E en Galicia, cre que se manterán as tendencias do 28-A e das municipais de maio ou agardan cambios tras o sucedido nas últimas semanas?

O que percibimos na rúa, nas conversas, nas redes, en todos os espazos, é que a tendencia á alza do BNG se reforza e avanza. E cremos que nestas xerais se vai dar aínda en maior medida, con apoios de xente que noutros momentos votou outras forzas e hoxe ve que o único voto serio e útil para Galiza é o do BNG.

Que se xoga Galicia nestes novos comicios? Cales son arestora as principais ameazas do desgoberno para a nosa comunidade?

Se algo xa saben os galegos e galegas é que aquí o único cambio real pasa por facernos valer como país. PSOE, PP ou Podemos son partidos que actúan ao servizo do que digan os seus núcleos dirixentes en Madrid. Galiza non pinta nada nese esquema, somos sempre moeda de cambio. Comprobámolo nos últimos anos: con gobernos de PP e de PSOE, o maltrato a Galiza continuou. Os últimos orzamentos foron o exemplo máis claro. Para as forzas españolas Galiza é irrelevante. O único cambio real para nós é actuar con intelixencia colectiva de país, como unha sociedade que se fai valer na defensa dos seus intereses. E iso pasa por, nas xerais, recuperar voz propia en Madrid.

Como cre que afectará todo isto ás autonómicas galegas?

Veremos, aínda quedan meses por diante. O que está claro é que cada vez máis xente percibe que chegou o momento de facernos respectar como pobo, de facernos valer con propia… E esa dinámica das elección xerais pode ter unha influencia clara tamén nas galegas, e pode ser o primeiro paso para o cambio político real que Galiza necesita tamén na Xunta. E que garante cambio real das políticas é o BNG.

(Entrevista publicada no número 341 - outubro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)