Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“A suma das tres dereitas pon en risco as liberdades, a concordia, o progreso social e os dereitos das mulleres”



TERESA ROCAMONDE FOTOS: MIGUEL MUñIZ E PSDEG · PUBLICADO O 07 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)




Os socialistas, que o pasado mes de abril se converteron na primeira forza política en Galicia, co 32 % dos votos e 10 deputados no Congreso, son, probablemente, o partido que máis se xoga nestas eleccións. Deben demostrar que poden manter a vantaxe sobre o Partido Popular nunha comunidade que é considerada 'feudo' da dereita pero, sobre todo, deben manter a ilusión e a credibilidade de cara ás próximas autonómicas. Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, condiciona un bo resultado á “alta participación” e pide “esperar a que fale a cidadanía para determinar o escenario da gobernabilidade”.

Como acaeu no PSdeG a convocatoria? Esperabades outra saída?

Nós, como a maioría dos galegos e das galegas, prefeririamos non repetir as eleccións. A cidadanía votou, en Galicia e en España, para situar o PSOE como primeira forza política do país e para sinalar que Pedro Sánchez tiña que seguir á fronte do goberno. Por iso estivemos ao longo destes meses chamando á corresponsabilidade de todas as forzas políticas, para dar cumprimento á vontade manifestada nas urnas. Porén, o escenario de bloqueo e de boicot levado a cabo por outras forzas, derivou na necesidade de repetir a consulta feita á cidadanía.

Que implica unha nova cita electoral (especificamente para a nosa comunidade)?

En Galicia existe unha maioría social de progreso que quedou acreditada nas urnas tanto nas eleccións xerais de abril coma nas europeas e municipais do mes de maio; e cremos que é positivo que a maioría social progresista se volva a amosar nas urnas

Cre que a sociedade entende unha nova convocatoria?

É verdade que este escenario de repetición electoral non é o que a cidadanía esperaba, pero toca facer fronte á situación xerada e animar á mobilización de todos e de todas, porque é moito o que nos xogamos. Cada vez que votamos, eliximos, e hai que dicir se optamos por avanzar ou por retroceder. O voto ao PSOE é o voto polo avance social; somos a barreira fronte a dereita e a ultradereita.

Como afronta a súa organización esta nova cita electoral?

Dende o PSdeG temos claro que o proxecto de progreso que gañou as eleccións xerais o pasado mes de abril tanto en España como en Galicia segue sendo totalmente necesario para a maioría da xente. Falamos dun proxecto que é a base dun goberno que en apenas un ano amosou que se pode situar as persoas no primeiro plano: subindo as pensións, especialmente as máis baixas; devolvendo a universalidade á sanidade pública; subindo o salario mínimo interprofesional; mellorando as condicións dos empregados públicos; impulsando a emprego dos mozos e a contratación dos parados de longa duración; apostando pola igualdade de homes e mulleres…

A quen cre que pode beneficiar máis a nova convocatoria?

Como lle dicía, ante os avances sociais que ten protagonizado o goberno presidido por Pedro Sánchez, e visto o éxito do pasado mes de abril, cremos que a cidadanía vai optar maioritariamente polas propostas dun partido moderado e progresista fronte aos riscos que implica a unión das dereitas e da ultradereita. Por desgraza, temos sobrados exemplos de involución que trae consigo esa coalición para a cidadanía. O esperpento protagonizado por Vox na concentración de repulsa polos crimes machistas é algo totalmente inadmisible, e que o PP e Ciudadanos decidan seguir da súa man é algo inédito en toda Europa.

E a quen cren que vai prexudicar en maior medida?

Non entramos nesas cábalas, pero as tres dereitas merecerían un batacazo contundente tanto pola súa hipocrisía como polo seu proxecto. O PP perdeu a moderación, a mesura e a centralidade dende que é un aliado de Vox.

Cre que o resultado do 10 de novembro variará moito do obtido o 28 de abril á hora de poder formar Goberno?

Hai que esperar a que fale a cidadanía para determinar o escenario da gobernabilidade. Esperamos poder fortalecer un goberno progresista, encabezado por Pedro Sánchez, para manter a liña de avances sociais e afrontar os retos da sociedade española do futuro. Cremos que o Partido Socialista está en condicións de volver conquerir o apoio maioritario da sociedade española e, sen dúbida, se hai unha alta participación, acadaremos un resultado suficiente para poder manter a senda de avances sociais.

E en Galicia, cre que se manterán as tendencias do 28-A e das municipais de maio ou agardan cambios tras o sucedido nas últimas semanas? Como cre que afectará todo isto ás autonómicas galegas?

Se hai mobilización, a maioría social de progreso que se amosou en Galicia seguirá marcando os novos tempos, e esperamos que iso ocorra tanto nas eleccións xerais de novembro como nas vindeiras elección autonómicas. Cremos que ese impulso progresista rexeitará a coalición de Casado, Álvarez de Toledo e Abascal. Esa coalición reaccionaria non implica nada positivo para os galegos e as galegas; e esperamos confirmar o peche do ciclo político de Feijóo en Galicia tras unha década que foi a das oportunidades perdidas. España e Galicia seguen necesitando un proxecto progresista e de avance que impida a involución que supoñen as tres dereitas.

Que se xoga Galicia nestes novos comicios? Cales son arestora as principais ameazas do desgoberno para a nosa comunidade?

Todos nos xogamos se avanzar ou retroceder. O goberno socialista subiu as pensións, o salario mínimo interprofesional e o soldo dos empregados públicos; aumentou as bolsas… implicou que máis dun millón de galegos percibisen un maior volume de ingresos mensuais. A un país con salarios e pensións máis baixos que a media do Estado, vaille ben cun goberno progresista. E fronte a este goberno, a suma das tres dereitas implica un proxecto que pon en risco as liberdades, a concordia, o progreso social e os dereitos das mulleres.

(Entrevista publicada no número 341 - outubro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)