Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Audiencia Nacional absolve a excúpula de Caixanova pola operación inmobiliaria en Rivas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE XANEIRO DE 2020 · (0)




A sentenza da Audiencia Nacional tumba as acusacións que falaban dun plan preconcibido e abuso de funcións na concesión dun crédito para una promoción na localidade madrileña ao non existir probas de que os acusados se valesen dos seus cargos para causar un dano económico á entidade. Expertos en finanzas e xuristas claman máis formación e medios para evitar que se repitan procesos coma este, “paradigma do desastre que é a Xustiza española nos delitos económicos”.

A Audiencia Nacional non aprecia ningún indicio de administración desleal no caso do crédito de 67,1 millóns de euros concedido por Caixanova en 2007 a unha promotora vinculada a Copasa para unha urbanización de 700 vivendas en Rivas-Vaciamadrid. Un caso que moitos expertos en finanzas aseguran que nunca debeu chegar a xuízo e que xa levantou moitas suspicacias entre xuristas que demandan máis formación e apoio á hora de poder enfrontarse a determinados casos de gran complexidade ou especificidade técnica.

É o caso do xornalista especializado en finanzas Eduardo Segovia quen, nunha dura e esclarecedora columna, destaca as carencias da fiscal á que un acusado tivo que explicarlle que era un préstamo sindicado, precisamente a causa do xuízo. “Un dos acusados perdeu a paciencia e solicitoulle ao xuíz un encerado para poder explicarllo” asegura o director de Bolsamanía que cualifica a escena como “digna de Berlanga”.

A sentenza parece confirmar o desatino, ao descartar o suposto delito de administración desleal polo que a Fiscalía Anticorrupción pedía para os catro acusados –Gregorio Gorriarán, José Luis Pego, Domingo González Mera e Julio Fernández Gayoso– nada menos que catro anos de prisión. “Non existe dato de cargo de que os acusados, nin de forma illada nin actuando de común acordo, seguindo un plan preconcibido e con abuso das súas funcións, actuasen co propósito de causar un dano económico a Caixanova”, asegura o tribunal na sentencia que absolve os catro. O fallo descarta calquera “tipo de presión, insinuación ou actuación distinta ao normal proceder”.

Tan normal como que foi o proceder habitual en todas as caixas e bancos e unha das causas da quebra producida no sector. Mais a operación de Caixanova, recorda o tribunal, estaba amparada polos propios inspectores do Banco de España (Juan Antonio Teruel e Pedro González) que a cualificaron “cun risco normal”, ao tempo que consideraron o refinanciamento como “un instrumento de xestión” adecuado de cara a salvar a situación na que estaba a promotora. De feito, lembra a sentenza, non só Caixanova resultou prexudicada, tamén os avalistas perderon uns 20 millóns de euros, cousa que non tivera pasado “se os investidores da operación non cresen no proxecto”.

O obxectivo era evitar un concurso de acredores que resultaría aínda máis prexudicial e as actuacións posteriores, como a dación en pago demostrarían que se actuou “de acordo á normativa interna da caixa sen vulneración algunha ou abuso de calquera posición dominante”, indica o fallo do tribunal, pero tamén “que se tratou de conciliar todos os intereses en conflito” contando co respaldo dos “órganos colexiados” de Caixanova.

Sorprendente acusación particular de Abanca

Se sorprendente resultou para moitos xuristas a causa aberta por este asunto contra a exdirectiva da caixa, máis aínda o foi, para moitos economistas e persoas do ámbito financeiro, que Abanca se presentase como acusación particular neste caso pedindo tres anos de prisión para os acusados, unha actuación que algún dos interpelados por ECO cualificou de “ponzoñenta” e outros de “auténtica perversidade”.

É sorprendente, xa que eles saben perfectamente que este tipo de operacións se dan. É máis, estou seguro que tamén se viron inmersos nalgunha similar”, asegura unha das fontes de ECO próximas á entidade, motivo polo que pide permanecer no anonimato. “É unha operación financeira que saíu mal. Forma parte do negocio no que, por moitos controis que se instauren (como é o caso que nos ocupa onde tiñan que ter o placet do Banco de España), o risco cero non existe”, explica este experto. “Por máis voltas que lle dou, non acerto a entender o proceder de Abanca solicitando tres anos de prisión. É inconcibible. Deberían explicar por que o fixeron”, conclúe esta persoa. 

ECO púxose en contacto con Abanca, desde onde contestaron que non fan “comentarios” sobre este asunto. Non obstante, outra fonte deunos algunha pista sobre este proceder […]

(Extracto da reportaxe publicada no número 343 – decembro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)