Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“O noso modelo de país debe basearse na defensa do público e na procura do ben común”



REDACCIÓN ECO CON FOTOGRAFÍAS DE AMADOR LORENZO E GALICIA EN COMÚN · PUBLICADO O 06 DE XULLO DE 2020 · (0)




Antón Gómez-Reino é voceiro e candidato á Presidencia da Xunta pola coalición Galicia en Común - Anova Mareas, que reúne a Podemos, EU, Anova, Marea Atlántica e Compostela Aberta. Na lexislatura que agora remata En Marea lograra un resultado histórico ao empatar co PSdeG a 14 escanos pero a división no seo da agrupación, que se presenta agora en dúas candidaturas, parece que vai pasar factura á formación. A última estimación do CIS reduce a súa representación a entre 4 e 6 deputados.

Estamos vivindo un dos momentos máis excepcionais da historia recente e vamos a enfrontarnos a unha das citas electorais máis anómalas. Cre que esta situación vai condicionar o resultado electoral?

Vai ser unha campaña anómala porque a Xunta renunciou a exercer a súa obriga de tutelar o proceso electoral e deseñar as medidas máis elementais para que poida desenvolverse con normalidade democrática e con todas as garantías para a saúde da poboación. Pero se algo vai condicionar o resultado é o que aprendemos da emerxencia sanitaria: o noso modelo de país debe basearse na defensa do público e na procura do interese colectivo e o ben común.

Visto agora, con algo máis de perspectiva, que considera que foi o mellor e o peor da xestión desta crise?

En Galicia tivemos máis de 600 mortos, por iso non me atrevo a dicir que a epidemia tivese nada positivo, porque penso e comparto a dor das persoas e das familias afectadas. Pero é certo que o comportamento cívico das galegas durante toda a emerxencia sanitaria foi exemplar, especialmente de quen mantiveron en pé os servizos esenciais: médicas e sanitarios, coidadores, persoal de limpeza, transportistas, traballadores da cadea de produción e distribución alimentaria, membros das forzas de seguridade e de protección civil, funcionarios... En canto o peor da xestión desta crise, creo que é evidente: o desamparo no que a Xunta deixou a centenares de persoas nos centros de maiores. Usuarios, traballadoras, residentes...

No ámbito sanitario, que medidas propoñen no seu programa?

O primeiro que faremos será elaborar un plan de choque para previr un posible rebrote da epidemia e garantir que o sistema galego de saúde non teña que enfrontarse a unha crise deste calado coa fraxilidade na que o deixaron os once anos de recortes e privatizacións de Feijóo. Só un exemplo: desde que el é presidente elimináronse case un 8 % das camas hospitalarias do país. Nós temos elaborado e presentado un plan con máis de cen medidas para a reactivación de Galicia que en materia sanitaria propón unha reforma estrutural do sistema de saúde para reconstruílo. Queremos volver a un sistema sanitario realmente universal e de xestión totalmente pública, acabar coa precariedade do persoal, ampliar as infraestruturas sanitarias e contratar as traballadoras que fagan falta para atendelas. Ademais, reforzaremos a atención primaria, poremos en marcha unha estratexia para reducir as listas de espera e estableceremos un sistema centralizado de compra de medicamentos para acabar coa pobreza farmacéutica.

Tras a crise sanitaria chega a económica. As perdas para sectores clave como hostalería, comercio, turismo… e noticias como a de Alcoa non aportan tranquilidade. Hai solución para facer viable Alcoa sen depender de axudas multimillonarias que parecen non ter servido para nada?

O que hai que facer en Alcoa é poñer a dispor do mantemento do emprego todos os recursos da Xunta, que é o que Feijóo non fixo nin quere facer. Porque Feijóo non cre no público, por iso non exerce as competencias que ten. Desde o ano pasado, cando se anunciou por primeira vez a intención da empresa de pechar as súas factorías en Galicia, non fixo absolutamente nada para dar unha solución. E debo lembrar que o artigo 30 do Estatuto de Galicia outórgalle plenas competencias en materia industrial e de planificación económica. Ninguén entendería que a Xunta non movese un dedo se fosen pechar Inditex na Coruña, Citroën en Vigo ou Coren en Ourense. Por que Feijóo renunciou a exercer as súas competencias e a evitar un peche que sería unha verdadeira catástrofe para toda unha provincia? Por que en once anos non tomou unha soa medida para evitar as deslocalizacións desas empresas que reciben axudas públicas? Resulta inaudito. Nós poñeremos todos os recursos das administracións públicas nas que gobernemos para evitar que Alcoa peche. Creo que os seus traballadores e as súas familias son conscientes do noso compromiso co seu futuro.

Hai futuro para a industria en Galicia?

Por suposto que si. Pero iso pasa necesariamente porque Galicia conte cun Goberno de progreso que aposte por recompoñer un tecido industrial que se debilitou ata o extremo durante os gobernos do Partido Popular en Madrid e en Santiago. Nin o PP nin Feijóo cren na capacidade do sector público para incentivar a conformación dun sector industrial forte, capaz de proporcionar empregos dignos e estables e de empuxar o desenvolvemento global da economía do país. Nós si. O noso Goberno emprenderá un proceso de transformación industrial dirixido a conformar unha economía máis verde e máis solidaria, apostando polo desenvolvemento das potencialidades de Galicia e na que o sistema fiscal xogue un papel chave na distribución da riqueza para reducir as enormes desigualdades sociais que deixaron eses anos negros dos gobernos de Feijóo.

Segundo os últimos datos do IGE, o 71 % dos empregos en Galicia están no sector servizos, que en 2018 supuxo nada menos que o 62,3 % do PIB galego e parece que están sendo o máis afectado pola crise da COVID-19. Como afrontaría a situación desde o Goberno galego?

O problema non é tanto o peso relativo do sector servizos na economía galega como ter fomentado durante anos que ese sector non teña unha base sólida. É tan fráxil como o resto. Está baseado en modelos de crecemento febles e incapaces de crear emprego digno e estable que contribúa a fortalecer a estrutura social do país e a elevar a demanda interna. Ao desentenderse da súa obriga legal de exercer, desde a Xunta, as competencias que lle dan a Constitución e o Estatuto de Galicia sobre a planificación da economía, Feijóo permitiu que a nosa economía se movera ao redor dunha fraxilidade que afecta a todos os sectores: agricultura, gandería, pesca, industria, turismo… Alguén pode citar unha soa medida de Feijóo nestes once anos que fortalecese a estrutura empresarial ou mellorase as condicións laborais e salariais dos traballadores? Non, verdade? Non existe.

Estamos no modelo económico correcto para Galicia?

Este país necesita desenvolver as súas propias potencialidades con proxectos a longo prazo que doten de fortaleza as empresas, apostando pola investigación, o desenvolvemento e a innovación, pola produción de bens e servizos de alto valor engadido e pola creación de emprego digno e estable. O noso Goberno dará todo o apoio institucional e financeiro necesario para acadar ese obxectivo.

Outra das cuestións que vén de confirmar esta crise é a debilidade do sistema social. Non só polo ocorrido nas residencias de maiores senón polo peche de centros de día e de todo o sistema educativo que deixou as familias –e especificamente as mulleres– ao coidado da familia. Cales son as súas propostas para afrontar estas cuestións?

Díxeno ao principio: o peor da xestión da crise foi a forma na que a Xunta deixou desamparadas a centenares de persoas nas residencias de maiores, e da que Feijóo se negou a render contas no Parlamento. Mesmo se atreveu a dicir que descoñecía a existencia dun informe do Consello de Contas que advertía en 2018 das enormes deficiencias que padecían. Despois de recortar o orzamento, de non crear unha soa residencia pública en once anos e de privatizar máis do 70 % das prazas, as responsabilidades políticas de Feijóo son obvias. Permitiu que se fixera negocio coa saúde e o benestar dos maiores. A Fiscalía está a investigar se nalgúns casos mesmo houbo actuacións que puidesen constituír un ilícito penal e imos coñecendo informacións que así parecen indicalo.

En calquera caso, o noso plan para a reactivación do país contempla un aumento exponencial das prazas públicas en residencias de maiores, co obxectivo de garantir unha oferta 100 % pública a medio prazo. E mentres, aseguraremos condicións dignas na atención que actualmente se lles presta aos maiores. O noso plan inclúe garantir a atención domiciliaria a quen desexe permanecer en casa, aumentar as prazas en centros de día e, complementariamente, establecer programas individualizados de acompañamento, atención e vida activa dos maiores, cunha estratexia pública contra a soidade non desexada.

No que respecta á carga que soportaron ás mulleres, é certo. Vivimos nun sistema machista que provoca esas distensións. Un dos nosos obxectivos prioritarios e mudar esa situación. Somos unha coalición feminista, que ninguén esqueza iso.

E no ámbito educativo, cales son as principais liñas da súa formación nesta cuestión?

A nosa idea é devolver os recursos humanos e materiais que se furtaron ao sistema educativo público, incluído o universitario, durante os anos de Goberno de Feijóo. Fronte a iso, o noso Goberno blindará a educación pública e garantirá un sistema de calidade, gratuíto, inclusivo, que protexerá a escola rural e cumprirá cun obxectivo: que todos os nenos e nenas de Galicia teñan as mesmas oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento persoal. Igual que sucedeu coa sanidade e co sector dos coidados, a COVID-19 deixou ao descuberto as grandes carencias e desigualdades do sistema. O primeiro que faremos será preparar a docentes e alumnado fronte a un posible rebrote e dispoñer as aulas para que o curso poida comezar con todas as garantías sanitarias e de igualdade.

Pero máis aló desta crise, o que propoñemos é avanzar nun sistema público verdadeiramente gratuíto como garante real da igualdade de oportunidades. Faremos unha nova Lei de Educación que blinde presupostariamente ese dereito, adaptando o sistema ás novas tecnoloxías e revertendo o proceso de recortes dos gobernos de Feijóo, recuperando os cadros docentes e os seus dereitos laborais. Imos incluír as escolas infantís de 0 a 3 anos no sistema educativo para facelas públicas e gratuítas de forma progresiva; recuperar a gratuidade dos libros de texto e doutro material escolar; apostar por comedores escolares gratuítos de provisión directa e garantindo o uso de produtos frescos e de proximidade.

Tamén convocaremos as oposicións previstas e non celebradas este ano, e planificaremos unha oferta de emprego público adaptada ás previsións de novas matrículas de alumnos e de xubilación de profesores. E algo non menos importante: erradicaremos das aulas o acoso escolar e a violencia machista. Estamos comprometidas cunha escola pública, gratuíta, igualitaria e feminista.

Outro grave problema que arrastramos desde hai décadas é o demográfico. Como pensan afrontar este difícil reto coa situación económica actual?

Trátase dun problema agravado pola desidia e a inacción de Feijóo durante máis de dez anos nos que só houbo propaganda paga con fondos públicos. Cada ano, a poboación de Galicia cae nunhas 10.000 persoas. É coma se cada ano desaparecese do mapa unha comarca do tamaño do Eume, ou un municipio como Ribeira, Ribadeo ou O Grove. E volvo ao de antes: alguén lembra unha soa medida de Feijóo que servise para conter e afrontar a crise demográfica? Non, porque non a houbo nin a haberá.

Para rearmar demograficamente a Galicia fai falta aplicar un proxecto político e económico que garanta un futuro ás zonas máis despoboadas, con medidas de choque para asegurar a igualdade na prestación de servizos públicos como o transporte, a educación, a sanidade e os coidados nas zonas rurais. Pero tamén fan falta estratexias de apoio directo á natalidade, garantir a conciliación e eliminar dunha vez por todas esa idea machista de que ter fillos é incompatible coa posibilidade de que unha muller desenvolva unha carreira profesional en igualdade de condicións se non conta con recursos económicos previos para pagar a quen poida coidar dos fillos.

Sen esquecer a falta de oportunidades, claro. Miles de mozos emigran cada ano porque non teñen nin a máis mínima esperanza de lograr aquí un emprego que lles permita crecer como profesionais, independizarse e armar un proxecto de vida. Neste sentido, o noso plan para lograr que o acceso a unha vivenda digna sexa un dereito garantido pola administración pública, tamén servirá para frear esa sangría.

Como cre que afectará ás eleccións galegas a xestión da crise do Goberno central e as supostas diferencias entre as dúas formacións da coalición?

Este Goberno enfrontouse desde a unidade e a responsabilidade á maior catástrofe humana da nosa historia recente, con medidas que salvaron a vida de miles de persoas e crearon un escudo social que impediu que miles de familias se viran literalmente sen posibilidades de supervivencia. Non houbo diferenzas senón ao contrario: unha acción conxunta, valente e decidida, que contrasta coa actuación do PP de Feijóo, Casado e Ayuso, que pretenderon sacar réditos electorais dunha situación dramática. Pregúntome que tería ocorrido se ese PP estivese no Goberno, como sucedeu na crise financeira. Afortunadamente para o país, quen está agora no Goberno somos Galicia en Común a través da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, cuxa firmeza permitiu sacar adiante medidas de protección social que serviron para impedir que centenares de miles de traballadores e autónomos se atoparan sós e sen axuda fronte á crise, e que miles de grandes e medianas empresas, e tamén pequenos negocios, se viran ao bordo da ruína. Creo que o exemplo de Yolanda Díaz pode resumir moi ben como queremos facer as cousas: diálogo, pactos e acordos con institucións, empresarios, traballadores, forzas políticas e coa sociedade civil organizada para sacar adiante medidas que permitan reactivar este país sen deixar a ninguén atrás.

Cal sería a súa prioridade como presidente ou presidenta da Xunta de Galicia?

Nesta entrevista tiven oportunidade de expor moitas das medidas prioritarias do noso plan de reactivación de Galicia que queremos poñer en marcha en canto cheguemos ao Goberno. Pero se me pide que sexa máis concreto, o serei. A miña prioridade como presidente da Xunta será asegurar a todas as galegas un futuro de prosperidade e de benestar, no que teñan a posibilidade de desenvolver plenamente as súas vidas e as súas carreiras profesionais. A iso vou dedicarme. A construírmos entre todas o futuro deste país.

(Entrevista publicada no número 350 – xullo 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)