“É importante abrir a EGAP á cidadanía e seguir dando visibilidade ás súas actividades”
Estaba fixada esta conversa coa directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a semana que comezou o estado de alarma así que se foi adiando ata que a nova normalidade permitiu retomala. Evidentemente, todo o acontecido nestas semanas obrigou a mudar moitos dos contidos da entrevista, mais non o esencial xa que, como ben explica Sonia Rodríguez-Campos, a EGAP leva anos adaptándose ás posibilidades que ofrece a Non se trata de converterse en seres dixitais senón de saber compaxinar a presenza online e offline, algo que se ten demostrado esencial nas últimas semanas.
Acabamos de vivir unha situación insólita que nos obriga a comezar preguntando como se viviu na EGAP. Puideron manter a actividade?
Afortunadamente a Escola está dotada tanto das ferramentas tecnolóxicas adecuadas como dun equipo humano preparado para desenvolver a súa actividade nunhas circunstancias tan excepcionais como as provocadas pola COVID-19. Nese senso somos un organismo privilexiado porque puidemos manter a nosa actividade docente online, é dicir, a impartida na modalidade de teleformación e de autoformación. Esta docencia constitúe unha porcentaxe moi elevada dentro do noso plan de formación anual, de xeito que os empregados públicos galegos non deixaron de ter accesible unha oferta de cursos de calidade e variada. En canto á formación presencial, con todo, non a demos por perdida e fixemos un importante esforzo para adaptala […]
Foi un acerto ter adaptado a formación á modalidade online?
Sen dúbida. Nos últimos anos o incremento desta oferta formativa nesta modalidade foi constante ata chegar ao punto de que estes cursos superan en prazas aos presenciais. O noso obxectivo primordial foi sempre ofrecer as maiores facilidades aos destinatarios da nosa actividade, evitando desprazamentos e posibilitando a conciliación, pero é evidente que coa declaración do estado de alarma e a imposibilidade da docencia presencial as vantaxes da formación online superaron as nosas expectativas. Neste novo escenario a experiencia adquirida ao longo destes anos foi clave para afrontar unha situación como a xerada pola crise sanitaria.
Agora que estamos en pleno debate de teletraballo, teleformación… Son favorables a implementar este tipo de sistemas no ámbito diario?
Aínda que a decisión de implementar o teletraballo non é unha cuestión que atinxa directamente á EGAP, coido que, mantendo os controles oportunos sobre a actividade dos traballadores das distintas Administracións, é posible formarse e traballar a distancia sen que a calidade dos servizos públicos se resintan. As circunstancias derivadas da COVID-19 provocaron un cambio de paradigma laboral que asumimos dun xeito moi rápido –probablemente demasiado– e aínda non houbo tempo de analizar os resultados, pero é razoable pensar que os cambios implementados, cun balance de resultados positivo, poden ficar. Na Escola fomentamos a telepresenza e iniciamos novas experiencias docentes a través dos webinarios e do home learning, modalidades formativas que seguiremos empregando no futuro próximo e que poden perpetuarse dependendo das circunstancias e do grado de aceptación do alumnado […]
Deixando a un lado o coronavirus… Que destacaría como o maior logro destes últimos anos?
Foron moitos os avances operados na EGAP pero, sen dúbida, resultou un paso fundamental a súa apertura a todos os colectivos de empregados públicos de Galicia e a maior interacción coa cidadanía. No primeiro caso, destacaría a universalización da formación continua co acceso á mesma do persoal de administración e servizos das universidades galegas, dos entes públicos instrumentais e da Administración institucional (Parlamento, Consello Consultivo, Consello de Contas, Consello Económico e Social e Valedor do Pobo). No referente á cidadanía, incrementáronse as actividades accesibles a profesionais e interesados en xeral, a través da organización de xornadas, cursos superiores e monográficos sobre temas de actualidade e de especial relevancia no eido público. Por outra banda, non está de máis engadir que estes cambios leváronse a cabo sen incrementar substancialmente a partida orzamentaria adicada aos cursos a través dunha mellor e máis eficiente xestión dos nosos fondos.
Cambiou moito o labor da EGAP neste tempo?
A esencia mantense pero mudaron e ampliáronse tanto as materias obxecto da formación impartida pola Escola como as técnicas docentes. No primeiro caso, a Escola está a prestar especial atención a todas aquelas reformas lexislativas incidentes no sector público e na súa actividade. Polo demais apostamos pola formación en novas tecnoloxías e e-administración, unha opción que se revelou como acertada –e mesmo esencial– durante os últimos meses. De feito esta formación contribuíu de xeito decisivo a manter os servizos das nosas Administracións durante o tempo que o persoal tivo que traballar a distancia.
Cantas persoas teñen pasado no último ano pola Escola?
No último ano formáronse case 34.000 persoas a través de 685 actividades. O detonante desta situación non foi só a devandita universalización da formación continua senón tamén a aposta decidida por convocar xornadas, cursos superiores e actividades monográficas sobre temas cardinais pola súa actualidade e interese, tanto para a sociedade como para as Administracións. Por outra banda a Escola ten unha vertente investigadora visible, principalmente, a través da convocatoria do Premio Manuel Colmeiro e da publicación semestral de dúas revistas científicas: a Revista Galega de Administración Pública (REGAP) e Administración & Cidadanía. En 2019 fixemos efectiva a conversión destas revistas a un formato dixital, unha necesidade ineludible no contexto presente e que comporta a mellora da súa catalogación nas principais bases de datos de publicacións científicas.
Como está funcionando a formación non presencial que implantaron recentemente?
A aceptación é tan alta que podemos dicir que chegou para ficar. Como mencionei antes, a primeira modalidade de docencia online canalizouse a través da teleformación. Anos despois convocamos un completo programa de autoformación, actualmente dirixido a todos os colectivos de empregados públicos, no que se garante a adquisición de coñecementos mediante unha proba que, de ser superada, permite obter o correspondente certificado. Neste senso, este organismo transcendeu o rol docente tradicional para converterse nunha escola de acreditación de competencias. En 2019 decidimos dar un paso máis e comezar coa telepresenza, unha nova adaptación tecnolóxica que permite seguir as actividades por videoconferencia pero con interacción entre alumnado e docentes. Este tipo de actividades teñen moi boa acollida entre o persoal empregado público xa que son esenciais para facilitar a conciliación, un aspecto de relevancia social indiscutible na actualidade.
Dito o anterior compre insistir que, con todo, a docencia presencial é importante e incluso imprescindible nalgunhas materias, polo que mantén un peso importante dentro do noso plan de formación anual. […]
Supoño que tamén no eido da igualdade e a violencia de xénero terán avanzado moito…
Esta materia é unha prioridade para o goberno da Xunta de Galicia e, por tanto, para nós. Nos últimos anos non só incrementamos substancialmente o número de horas e prazas senón que convocamos cursos dirixidos ao persoal que trata coas vítimas da violencia de xénero e/ou que traballa para previr estas situacións. Este ano programamos 53 actividades na materia –a cifra máis alta da nosa historia– e agrupámolas nun plan específico para darlles máis visibilidade e facilitar a súa elección por parte do alumnado.
Tamén levan a cabo un importante traballo destinado á formación do persoal da Administración local. Que necesidades advertiron neste colectivo e como foi a resposta?
Neste ámbito a resposta foi dunha alta receptividade no referente ao réxime xurídico e xestión dos entes locais, á mellora da comunicación cos cidadáns e da organización do traballo, así como á formación en galego e á redacción de documentos técnicos-xurídicos nesta lingua. Parecíanos obrigatorio involucrar a este persoal no uso da e-administración para axilizar a súa xestión, e programamos cursos específicos que teñen unha demanda crecente e que oscilan entre os sistemas para a contratación electrónica e as demais ferramentas da e-administración aplicadas a este eido administrativo. A maior parte da docencia impártese na modalidade de teleformación para aforrar desprazamentos e gastos.
Un dos seus intereses ao longo destes anos foi consolidar a Escola como un foro de debate. Que temas están agora mesmo no punto de mira?
En efecto, abrir a EGAP á cidadanía e seguir dando visibilidade ás súas actividades é importante, e por iso organizamos mensualmente xornadas, cursos superiores e monográficos sobre temas relevantes coma os retos do emprego público, as reformas administrativas operadas nos últimos anos, o futuro e a percepción da Xustiza etc. A transcendencia destas actuacións vai máis alá das propias actividades, xa que son unha oportunidade única para fomentar o debate con especialistas na materia e sacar conclusións que recollemos en libros publicados ao efecto cando o xustifica a importancia das mesmas.
Recentemente a EGAP foi galardoada co Premio á innovación didáctica, concedido polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), polo proxecto Universo EGAP Innova. Que supón este recoñecemento?
Este galardón nacional énchenos de orgullo e de optimismo porque recoñece a valía dun proxecto deseñado e impartido íntegra e exclusivamente na propia Escola. Trátase dunha iniciativa dirixida a familiarizar de xeito práctico e dinámico ao persoal empregado público e á cidadanía coa administración electrónica e coas vantaxes do sector público cando se coordinan as forzas dos seus diversos actores.
Cales son as accións máis destacadas para este 2020?
Un dos nosos eixos de actuación prioritarios centrarase en concienciar das vantaxes do uso da e-administración, que viu incrementadas as súas posibilidades prácticas dende a entrada en vigor en 2019 da Lei de administración dixital de Galicia. E tras o sucedido coa pandemia, resulta incuestionable que o recurso á e-administración vai ir en aumento. Tamén ocupa un lugar preferente nas nosas previsións ofrecer cursos de preparación das probas selectivas de promoción interna e de ingreso para o persoal empregado público.
Que destacaría do labor que ten realizado a EGAP ao longo da súa historia, cal é o seu maior mérito?
Que goce de prestixio no ámbito da formación mesmo no ámbito estatal. Isto constitúe un mérito en si mesmo, produto dun labor continuado dende o inicio e que se mantén innovando e adaptando a actividade formativa aos novos tempos, ás demandas dos destinatarios e ás circunstancias cambiantes do contexto administrativo. Afortunadamente o elevado número de consultas na web, a demanda inabarcable das nosas actividade e a obtención de un premio nacional da categoría do concedido polo INAP permítennos pensar coa humildade precisa que polo de agora este fin está garantido.
E o balance do seu paso pola institución? De que se sente máis orgullosa…
Do recoñecemento xeneralizado do logo da Escola e do seu actual prestixio, o que provoca un efecto chamada inmediato nas convocatorias das nosas actividades. Tamén son motivo de orgullo a rapidez e a receptividade coa que os empregados públicos e a cidadanía se adheriron ás iniciativas e ás novas técnicas docentes planteadas por esta directora, así como o éxito das xornadas e cursos. Neste apartado merece ser recoñecida a actitude proactiva do persoal do organismo, que deseguido se implicou nos cambios deseñados en relación á actividade da Escola, así como a dos profesores que asumiron a tarefa de levalos a cabo. Sen eles tería sido imposible o éxito acadado pola convocatoria dos nosos plans de formación.
Asemade ten sido esencial a implicación da Academia e da Maxistratura na actividade formativa especializada e nas nosas publicacións científicas, así como a do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia e a da AMTEGA na docencia das materias inherentes á e-administración. Para todos os que axudaron a facer realidade as ideas e os proxectos artellados dende a miña chegada a esta institución non teño máis que verbas de agradecemento infinito.
(Extracto da entrevista publicada no número 350 – xullo 2020)
Comentarios (0)