“O confinamento, tirando de aforros, remontámolo; pero un segundo peche sería fatal”
As nosas gasolineiras fan fronte, coma antes da COVID-19, á competencia das de baixo custo, que non pagan salarios. Pero, sobre todo, enfróntanse á incerteza na que nadamos todos. Xa recuperaron boa parte da facturación previa ao confinamento, malia que as situadas no sector rural estano pasando peor. Con todo, os ERTE axudan a saír adiante, explica Benigno Redondo, presidente de Fegaes.
Canto esborrallaron as vendas durante o confinamento de primavera?
Ao redor dun 90 % de media.
E canto remontaron desde que terminou o estado de alarma?
A recuperación foi producíndose dunha maneira paulatina, pero na actualidade está a ser dun 85 % ou 90 % en zonas máis costeiras, e dun 75 % en zonas máis rurais.
Que podería supoñer novos confinamentos?
Sería catastrófico, xa o pasamos moi mal no anterior, pero tirando de aforros remontámolo na maioría dos casos. Un segundo confinamento sería fatal.
Recuperáronse os prezos dos carburantes, que previsións hai a medio prazo?
Os prezos fóronse recuperando aos poucos, certo, pero seguen estando máis baratos que anos anteriores. E se me preguntas polas previsións podo dicir que non dependerá só da evolución da pandemia, intervirán outros factores.
Pecharon estacións de servizo en Galicia ou cos ERTE conseguiuse minimizar o impacto?
Algunhas pecharon, pero grazas aos ERTE a maioría puidéronse manter á boia.
Sofren máis as estacións rurais?
Si, porque as vendas nestas estacións son menos estacionais que en lugares máis turísticos agora máis frecuentados.
As gasolineiras, como servizo esencial, sempre estiveron abertas malia a falta de clientes. Estas perdas vense agravadas pola competencia das chamadas estacións de servizo non atendidas ou de 'baixo custo”?
Evidentemente o noso sector, que representa ás estacións de servizo atendidas con persoal e seguras, sufriron moito máis, xa que tivemos que soportar a carga salarial dos nosos traballadores a pesar dos ERTE, cousa que non soportaron as “non atendidas”, xa que non teñen persoal ao cargo
Recentemente veciños de Baiona manifestábanse en contra da instalación dunha gasolineira de baixo custo 24 horas. Din que son 24 horas de problemas. Por que este rexeitamento?
Segundo enquisas realizadas, o 90 % da poboación prefire o modelo atendido a pesar de ter que pagar un pequeno sobreprezo polo servizo prestado. Isto explícase porque o noso modelo é máis seguro, xa que damos cumprimento á LTC04, unha norma que regula todo o sector.
En maio a Axencia Tributaria desmantelou unha trama de distribución de gasóleo modificado que se vendía en estacións de servizo desatendidas para eludir controis fiscais, con algúns detidos en Galicia. É un tema resolto?
Por desgraza non. Non todas estas estacións desatendidas cometen fraudes a nivel fiscal, pero o certo é que todas as fraudes que están a aparecer son neste tipo de instalacións.
A xente ten medo a entrar nas tendas e restaurantes que ofrecedes, percibírono?
O medo existe, como en calquera establecemento no que estas de fronte ao público. Pero todos nos adaptamos ás medidas sanitarias, cumprimos coa normativa vixente e, ademais, temos coñecemento de que algunhas estacións realizaron probas PCR aos seus traballadores.
(Entrevista publicada no número 352 – setembro 2020)
Comentarios (0)