Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Cando este Goberno chegou, a situación era dramática”



PUBLICADO O 13 DE MAIO DE 2015 · (0)




Vén de superar os 100 días á fronte da Delegación do Goberno, que balance fai?

Os tres primeiros meses nun novo cargo son os máis complicados, son un reto, porque esixe a máxima dedicación, pero ao mesmo tempo, é algo emocionante polas expectativas que tes por diante. E nestes cen días temos vivido situacións moi diferentes, dende unhas que foron difíciles e complicadas a outras máis doadas e reconfortantes.

Nas primeiras, estoume a referir a aquelas nas que, desgraciadamente, por unhas ou outras razóns, perderon a vida diferentes persoas e que, polo tanto, foron un drama difícil de levar para todos, sobre todo para o seu entorno máis próximo. No segundo caso, refírome a que este posto permite estar en contacto con persoas, colectivos e outras administracións, cos que, achegando o teu gran de area, podes axudar a acadar o obxectivo que perseguen.

Malia que leva só uns meses no novo cargo, ten unha longa experiencia na Administración galega, xa desde a etapa de Manuel Fraga. Cambiou moito a política galega nestes anos?

A situación actual, é certo que é moi diferente á época que vostede cita, pero é diferente non só a política, senón tamén a sociedade en todos os seus ámbitos. De calquera xeito, a política a concibo como un traballo dirixido a axudar aos cidadáns e á sociedade en xeral. Todos, cada un no posto que lle corresponde ocupar, debemos ter un único obxectivo: traballar polo ben común.

Comezou na época de Fraga, mantívose co bipartito e continúa no goberno Feijóo. Como se logra iso?

Como sabe, son funcionario do Corpo Superior da Xunta dende 1993. No meu primeiro destino, traballei na Academia Galega de Seguridade Pública, e a partir de aí, en distintos postos de funcionario na administración autonómica, ata que, no ano 2009, fun nomeado director xeral de Emerxencias e Interior.

En todos os postos que teño desempeñado, tratei de facelo o mellor posible e a fórmula que utilizo para acadar ese obxectivo non é outra que o traballo e a dedicación, ademais da indispensable colaboración da xente que, en cada caso, comparte con un as funcións e competencias de cada posto.

Precisamente pedía vostede no seu discurso de toma de posesión o “esforzo e a unidade de todos” para superar esta “etapa dura e complicada”, seguramente “a máis difícil” que coñeceu a xente da súa xeración. É posible esa unidade?

Foron tempos moi complicados pero por fortuna, e co esforzo realizado por todos os cidadáns durante estes anos, e unha aposta firme do Goberno, estamos xa nun proceso de recuperación.

Cando este Goberno chegou, a situación era dramática en España. Agora necesitamos estabilidade, que esa recuperación se consolide e que se traslade á rúa a recuperación que xa se amosa nos datos macroeconómicos.

A unidade é imprescindible para acadalo e creo que é un exercicio de responsabilidade de todos seguir avanzando na senda da recuperación e consolidación das melloras que xa se empezan a materializar e non dar nin un so paso atrás que poña en perigo o xa acadado.

Sen dúbida estamos ante unha etapa difícil, pero seguro que un dos momentos máis difíciles que tivo que afrontar ao longo da súa carreira foi o do accidente de Angrois. Como viviu todo aquilo?

Foi algo dantesco que xamais esquecerei. Como para todos os galegos, en xeral, e para os composteláns en particular, foi un dos días máis duros e difíciles que nos tocou vivir.

En todo caso, cabe extraer daquela difícil situación un resultado positivo: o compromiso e a entrega de todos aqueles que participaron, dende todos os sectores da sociedade civil ata os distintos grupos que traballaron na traxedia acaecida: corpos de seguridade, corpos de emerxencia, persoal e servizos sanitarios, mundo xudicial, voluntarios e veciños. Todos eles traballaron sen descanso con un único obxectivo, axudar ás vítimas e ós seus familiares a superar tan duro transo polo que estaban a pasar.

Texto: Teresa Rocamonde // Fotos: Moncho Fuentes

(Extracto da entrevista completa, que se pode ler no número de abril de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)